A Deputación de Ourense admite que con Baltar pai mercou bancos "con encargos verbais, nulos de pleno dereito"

Sentenza do TSXG que reflicte o argumento da Deputación de Ourense de que encargou bancos e marquesiñas sen contrato, de xeito verbal CC-BY-SA Praza Pública

A administración provincial admite a ilegalidade ante o TSXG para tentar pagar menos xuros tras ser condenada por adquirir en 2011 "a dedo, sen orzamento, contrato ou formalidade algunha" marquesiñas e bancos por 193.000 euros

En 2021 a Deputación de Ourense foi condenada por un xulgado do Contencioso-Administrativo a pagar 193.093 euros máis xuros a unha empresa que en 2011, sendo presidente José Luis Baltar, lle subministrou bancos e marquesiñas "a dedo, sen orzamento, contrato ou formalidade algunha". Agora, tras un longo proceso xudicial, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), vén de ratificar aquela condena cunha nova sentenza na que reflicte que, para tentar pagar menos xuros, a Deputación admitiu no seu recurso que "no caso non existiu contrato formal, senón encargos verbais, nulos de pleno dereito".

Banco da Deputación de Ourense en Parada de Sil, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Praza Pública

Tras a primeira condena da Deputación de Ourense en 2021 por non pagar á empresa que lle subministrara os bancos e marquesiñas en 2011, o TSXG considerou que non tiñan cabida recursos de apelación. Pero esa decisión foi recorrida ante o Tribunal Supremo, que o pasado ano estableceu que si se podían formular eses recursos. Así que o TSXG viuse obrigado a analizar os que lle presentaron tanto a Deputación de Ourense como a empresa, para os que agora vén de facer pública a súa sentenza que ratifica en todos os extremos a condena de primeira instancia. 

O Tribunal Superior declara a conformidade da sentenza que en 2021 condenou a Deputación a pagar 332 euros por banco e 1.925 euros por marquesiña fabricados "de forma totalmente artesanal"

Os recursos de Deputación e empresa centráronse exclusivamente no tipo de xuros a que tiña dereito a segunda, sen poñer en cuestión o fondo do asunto, que a empresa non cobrara polos bancos e marquesiñas que subministrara. O debate centrouse en se tiña dereito aos xuros habituais de calquera condena xudicial, que se calculan desde a data de notificación da sentenza, ou se tamén tiña dereito a xuros "de demora" establecidos para penalizar a morosidade.

A Deputación tentou non pagar ningún tipo de xuro e mesmo opúxose ao recurso da empresa argumentando que non tiñan cabida os xuros por ela reclamados por "inexistencia de contrato administrativo válido". Así, a propia Deputación que presidiran os Baltar e que desde xullo de 2023 dirixe o tamén popular Luis Menor argumentou ante o TSXG, segundo recolle a sentenza deste, que "a reclamación do apelante se fundamenta en xuros previstos para contratos administrativos, pero no caso non existiu contrato formal, senón encargo verbais, nulos de pleno dereito". Isto é, tras ser condenada en primeira instancia, a propia Deputación admitiu os feitos en segunda instancia sen recorrelos para argumentar que con ese tipo de ilegalidade a empresa non tiña dereito a reclamar máis xuros. 

Sala de vistas na sede do Tribunal Superior de Xustiza © TSXG

O TSXG, como o xulgado de primeira instancia, admite que a empresa non ten dereito a xuros de demora, previstos para un incumprimento contractual, mentres que neste caso "ao non haber actividade contractual, a empresa non pode pretender beneficiarse da normativa que protexe a quen actúa dentro desa legalidade". A nova sentenza si ratifica os xuros xudiciais contemplados xa en primeira instancia sinalando que estes son un importe, segundo "o interese xeral do diñeiro, calculado desde a data de notificación da sentenza ditada en única ou primeira instancia".

O TSXG declara así a total conformidade da primeira sentenza de 2021, que relatara que o mobiliario fora "fabricado de forma totalmente artesanal" e cun "prezo de execución material de 332,82 euros para cada un dos bancos e un valor de 1.925,28 euros para cada unha das marquesiñas ou refuxios, IVE aparte". 

Aquela primeira sentenza tamén acordara remitir "testemuña das presentes actuacións ao Ministerio Fiscal a fin de que se practiquen as dilixencias que considere necesarias para determinar se procede o exercicio da acción penal, pola posible comisión dun delito de prevaricación cometido por o/os responsables do encargo dos subministros de bancos e marquesiñas, sen prexuízo de calquera outros nos que puidesen incorrer os partícipes". Nada se volveu saber daquela petición de máis responsabilidades.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.