A dirección do PSdeG arrefría o bloqueo dos socialistas coruñeses á Marea

Mar Barcón e Xulio Ferreiro, durante unha xuntanza © GSCoruña

Entre unha certa sorpresa, as chamadas á calma e a plena confianza en que só se trata dun tira-puxa para marcar posicións, a dirección galega do PSdeG intenta restarlle importancia ao enfrontamento do seu grupo municipal na Coruña co goberno da Marea Atlántica logo da postura da bancada socialista no último pleno. 

O PSOE botou abaixo a última hora a modificación do orzamento pactada coa Marea despois de terse aprobado na sesión un voto particular do Bloque polo que se engadían 30.000 euros para Igualdade. Este cambio foi aceptado por todas as formacións -incluída a socialista- mediante a abstención que permitiu tirar adiante co único voto positivo do BNG. José Manuel Dapena, voceiro do PSdeG no Concello, anunciou o voto negativo da súa bancada ao cambio orzamentario, acusou o alcalde Xulio Ferreiro de "non ser de fiar" e mesmo fixo alusión ás súas "viaxes a Barcelona" nun ton moi achegado ao amosado polo PP. O fondo -e tamén a forma- sorprendeu no executivo local, pero non só nel. 

Desde a dirección do PSdeG remítense á "autonomía municipal" e ven na postura do PSOE coruñés un intento por "marcar posicións" na "batalla política" local

Fontes da dirección galega do PSdeG aluden á "autonomía municipal" e a un intento de "marcar posicións" por parte do grupo socialista na "batalla política" local, pero recoñecen tamén os máis que posibles intentos da ex voceira municipal e candidata, Mar Barcón, por "presionar" tanto pola súa situación como pola dos seus de cara ao futuro máis inmediato e á composición das listas para o Congreso. Mesmo hai quen recomenda "asumir os resultados", nunha apreciación na que coinciden voces do PSOE e da propia Marea Atlántica, que dan conta da boa relación que manteñen na Deputación ou noutros organismos.  A lista socialista perdeu máis de 10.000 votos nos últimos comicios locais con respecto a catro anos antes. 

Desde a Marea Atlántica amósanse "sorprendidos" por que o PSOE non asuma unha nova era e "siga xogando ao mesmo de antes", mesmo aliándose co PP por intereses "partidistas". E aluden tamén ás "forzas vivas" e ao "establishment coruñés" que tanta relación tiveron co socialismo da cidade baixo a sombra de Francisco Vázquez que nunca marchou de todo. "Séguennos vendo como intrusos e sabiamos que podía pasar", din desde unha plataforma cidadá que, tal e como manifestou en público, entende que o vivido o pasado luns no pleno é unha demostración perfecta "da loita entre a vella e a nova política". "Hai quen apostou por seguir na vella", insisten. 

A Marea ve tamén detrás da postura do PSOE a presión das "forzas vivas" e o "establishment' coruñés" tan vinculado aos socialistas 

Nin na Marea nin desde a dirección do PSdeG cren que a situación chegue ao extremo e nin moito menos apostan por unha moción de censura ou por un bloqueo sistemático por parte do grupo socialista ás iniciativas do goberno. "Non debería verse como un xogo partidista, pero se o PSOE o ve así, sabe que iso sería a súa tumba", recoñecen desde a plataforma. 

Desde a dirección socialista galega tamén lle lembran á Marea que "debe decidir que relación quere ter" co partido que "a apoiou na investidura". "Deben asumir que non teñen maioría absoluta e que deben chegar a acordos; non son Abel Caballero en Vigo", aseguran fontes do partido que non cren que este "tira-puxa" afecte a visitón do PSdeG como oposición clara ao PP nin á relación coas mareas e plataformas cidadás noutros concellos ou na Deputación da Coruña. "Eses pequenos atrancos que pode haber na Coruña son os mesmos que LugoNovo pode poñerlle a Lara Méndez en Lugo e ninguén pensa que vaia ir máis aló". 

 

Pleno no Concello da Coruña © Concello da Coruña

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.