A Galicia urbana xira á esquerda e castiga os dous grandes partidos

Papeletas nun colexio electoral de Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Unha envorcadura histórica. Os resultados das eleccións europeas do pasado domingo non só botaron por terra, como adoito nos últimos tempos, os prognósticos lanzados polo Centro de Investigacións Sociolóxicas ou polos inquéritos publicados pola prensa. Tamén sumiron na estupefacción os dous grandes partidos, PP e PSOE, tanto no Estado como en Galicia. No caso galego o único que non foi excepcional é que o PP foi a forza máis votada, aínda que perdendo 200.000 votos a respecto dos anteriores comicios históricos e achegándose ao seu chan electoral co que foi o seu peor resultado en vinte e cinco anos. O xiro á esquerda que resulta das urnas no conxunto do país é especialmente elocuente nas sete cidades, un cambio que nin sequera é evitado pola forte caída do PSdeG.

O PP obtivo 102.000 votos entre as sete cidades e o PSdeG, algo máis de 80.000

Tomando como referencia os resultados agregados da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol este 25-M é posible observar que os socialistas ficaron lonxe de superar en votos os conservadores e que a cidadanía que optou por AGE, por Podemos ou polo BNG é máis que a que decidiu votar ás dúas grandes formacións. Así, o conxunto da Galicia urbana deulle uns 102.000 votos ao PP e algo máis de 80.000 ao PSdeG. Mentres, Alternativa, a formación que lidera Pablo Iglesias e o Bloque conseguiron, en total, algo máis de 111.000 sufraxios.

Baixando algo máis ao detalle os resultados das europeas amosan tamén que unicamente nas dúas urbes do interior, Lugo e Ourense, un dos dous grandes partidos, en ambos casos o PP, tivo máis apoio que a suma de AGE, Podemos e o BNG. No resto as forzas de esquerda rupturista deixan atrás a populares e socialistas, un fenómeno que é especialmente significativo en Vigo, onde estas organizacións incluídas a priori no saco das minorías lograron máis de 35.600 papeletas fronte a 27.800 do PP e 24.500 do PSdeG. As diferenzas tamén son claras na Coruña, onde o agregado de AGE, Podemos e BNG supera en máis de 3.000 votos ao PP e en case 8.000 ao PSdeG. En Pontevedra, Santiago e Ferrol as diferenzas son máis estreitas, pero tamén se dan.

Aínda coas cautelas que, de seu, deben acompañar calquera extrapolación, outra das conclusións que é posible tirar dos resultados das europeas é que nunhas municipais os populares terían realmente difícil acceder a algún bastón de mando urbano sempre e cando non se producisen alianzas como a que lle permitiu ao socialista viugés Abel Caballero aprobar os seus orzamentos co apoio do PP. Non en van, realizando o exercicio de situar dunha banda o PP e doutra as formacións situadas convencionalmente no ámbito da esquerda e do progresismo as diferenzas son moi notables nos sete casos e especialmente significativas na Coruña e en Vigo.

Todo isto sucede nun contexto no que as europeas non son unha illa, senón o afondamento nunha tendencia iniciada, cando menos, nas eleccións galegas de 2012 e mesmo tras as xerais do ano anterior. Unha ollada en perspectiva amosa duras caídas de PP e PSdeG e, aínda que menos pronunciada, tamén do BNG. Fronte a isto destaca o xurdimento de AGE nos últimos comicios autonómicos e de Podemos nos do pasado domingo. Tamén medra, aínda que nunha medida moito menor, o partido de Rosa Díez.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.