A igualdade para deputadas embarazadas: delegada ou a distancia?

Deputadas de PP e BNG, o pasado febreiro no hemiciclo © Parlamento de Galicia

Dende o pasado febreiro a composición do Parlamento de Galicia é maioritariamente feminina. Non o é porque os tres grupos con representación na Cámara compuxesen nas pasadas eleccións unhas candidaturas con mulleres nos postos máis relevantes. Ben ao contrario, isto aconteceu porque o grupo maioritario, o PP, situou en diversos cargos de responsabilidade alleos ao lexislativo aos deputados que ían en postos de saída en 2009, unha operación especialmente reiterada entre os electos pola provincia da Coruña e que deu lugar á situación actual, na que varias das compoñentes do hemiciclo chegaron a el malia a teren concorrido aos comicios en postos alén do vixésimo -os conservadores teñen 12 representantes na circunscrición coruñesa-.

O Parlamento ten maioría feminina polo gran corremento nas listas do PP

Con independencia da súa orixe, a maioría feminina na Cámara dá lugar a que o debate suscitado este martes, no marco dun pleno extraordinario, teña se cabe aínda máis relevancia de fondo. Despois de propoñelo na pasada lexislatura e de mantelo máis ou menos aparcado ao longo de todo o actual mandato o Grupo Popular recuperou, na primeira sesión plenaria do período estival, a súa proposta de modificación do Regulamento parlamentario para permitir que as mulleres embarazadas, que veñen de dar a luz ou de adoptar un fillo ou filla poidan participar nas votacións sen teren que acudir ao Pazo do Hórreo. Se ben existe un acordo básico entre os tres grupos sobre o fondo da cuestión, isto é, que a maternidade non supoña un obstáculo ou discriminación para o labor das deputadas, a discrepancia chega nas formas e mesmo na filosofía da medida.

Os populares apostan por delegar o voto e a oposición, por canalizalo a través de internet

A proposta do PP, defendida pola súa vicevoceira, Marta Rodríguez Arias, segue a estela do sistema que xa funciona en parlamentos como o vasco, o navarro ou o catalán. Baséase, esencialmente, en que a deputada de baixa por maternidade delegue o seu voto noutro membro do seu grupo durante un período de tempo determinado. Deste xeito, argumenta, a muller que se atope neste caso gozará de "tranquilidade" grazas á chegada ao lexislativo galego dunha "actitude normalizadora" froito dunha "reivindicación histórica".

As dúbidas da oposición sitúanse no contido da proposta pero tamén no xeito de abordala, unha iniciativa do PP e non un relatorio conxunto dos tres grupos. Á marxe disto, tanto a nacionalista Tareixa Paz como a socialista Carmen Cajide dubidan de que o procedemento máis adecuado sexa a delegación e non cren, ademais, que a reforma do Regulamento se deba cinguir só á cuestión do voto. "A protección da maternidade non debe ser unha coartada para perpetuar o papel exclusivo" da muller "en relación co coidado e a crianza das fillas e fillos", di a nacionalista, partidaria de que a modificación "afecte tanto á paternidade como á maternidade". Ademais, dado o carácter "indelegábel" do voto, coida que a delegación é sinónimo de "menoscabar" os dereitos das deputadas.

"Arcaico, discriminatorio e insolidario"

A iniciativa saíu adiante co apoio do PP e do BNG e a abstención socialista

Dende o PSdeG Cajide vai un chisco máis alá ao considerar o plan do PP como "arcaico, discriminatorio e insolidario", un "ataque aos dereitos das deputadas e á calidade democrática". En opinión da socialista os conservadores piden que as parlamentarias "renuncien ao seu voto" para seren nais "e aínda se atreven a dicir que o fan en favor da igualdade". "O voto require garantir o coñecemento daquilo que se somete a votación" e na actualidade, di, os medios técnicos como a conexión a internet que a Cámara lles facilita a todos os seus membros e a emisión dos plenos a través da web parlamentaria permite, vía sinatura dixital, un sistema de votación a distancia como o que xa funciona no Congreso dos Deputados. "Dicimos non ao voto delegado, á tutelaxe das mulleres", resolve.

Para Rodríguez Arias o que carece de sentido é estender as mudanzas aos "señores deputados desta Cámara", porque "non pasan polo embarazo" e, sobre a postura do PSdeG, limítase a afirmar que Cajide optou por "quedar en evidencia". Alén do tirapuxa dialéctico a proposición de lei saíu adiante cos votos do PP e tamén do BNG, que agarda modificala durante o trámite parlamentario. Este acordo, unido á abstención socialista, deixa certa marxe para un pacto de amplo espectro. 

Deputadas de PP e BNG, o pasado febreiro no hemiciclo © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.