A lei de eutanasia dá o seu primeiro paso no Congreso e o PP insinúa que se quere "aforrar" cos enfermos

O pleno do Congreso, no momento de votar a toma en consideración da proposición de lei de eutanasia, este 11 de febreiro © PSOE

A lei de eutanasia deu os seus primeiros pasos no Congreso no pleno deste martes, á espera da votación a última hora. O texto presentado polo PSOE, a primeira iniciativa do partido do goberno esta lexislatura, foi debatida polos grupos e é apoiada Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos, PNV, JxCat, EH Bildu, BNG e a maioría dos partidos minoritarios, superando ben os 176 'sis' que fan falta: ata un total de 201 votos. PP e Vox practicamente quedan sós no hemiciclo no 'non'.  O portavoz dos populares asegurou que é unha medida de "aforro" de custos sanitarios cos maiores; a da ultradereita sostivo que o PSOE pretende "eliminar" as persoas enfermas e que se lles ofrece a morte como única solución ao seu sufrimento". 

A proposta de lei socialista foi aprobada por Unidas Podemos, ERC, Ciudadanos e a maioría de minoritarioas, superando amplamente os 176 votos necesarios ata chegar aos 201

Os grupos que defenderon e apoiaron a proposta insistiron nunha idea, fronte ás argumentacións de PP e Vox: "É un dereito e non unha obriga". A ex-ministra e agora portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, María Luisa Carcedo, foi clara. "Quen queira vivir que viva, pero que nos deixe aos demais morrer dignamente. A eutanasia non é unha obrigación. Políticos, pensade dunha vez nos que estamos nestas condicións", dixo parafraseando a Fernando Cuesta, que sufría ELA e acudiu a Suíza a morrer "fóra da súa contorna e pagándoo el, porque podía". "Esta é a realidade do que lle está sucedendo á nosa cidadanía", dixo.

Os portavoces a favor, tal e como informa eldiario.es, ante todas as declaracións do PP, pediron "non frivolizar". O nome de Ángel Hernández, que axudou a morrer á súa esposa María José Carrasco o ano pasado e enfróntase por iso a unha posible condena, saíu máis veces desde eses grupos ademais da primeira alusión de Carcedo. Como o do galego Ramón Sampedro, falecido hai máis de vinte anos. O portavoz de Unidas Podemos empezou a súa intervención cun dos seus poemas. "Pronto poderemos dicir que España é un do poucos países do mundo que respecta estas liberdades", celebrou Echenique.

A bancada do PSOE e do Goberno aplaude á deputada Luisa Carcedo tras a súa defensa do texto da lei de eutanasia © PSOE

"Non se pode converter en crime o que debe ser un dereito: a unha morte digna, a non prolongar o sufrimento", dixo Néstor Rego (BNG)

Desde o BNG, o seu deputado Néstor Rego asegurou que "non se pode converter en crime o que debe ser un dereito: a unha morte digna, a non prolongar o sufrimento". "É unha lei necesaria aínda que se fixo esperar demasiado", engadiu tras aludir ao caso de Ramón Sampedro e lembrar que "as persoas valentes que o axudarona poñer fin á súa vida foron, nalgún caso, perseguidas xudicialmente". 

O texto do Grupo Socialista é o mesmo que xa foi aprobado en decembro de 2018 e estivo en tramitación ata marzo de 2019, cando se disolveron as Cortes. Contempla que a axuda para morrer estea incluída na cartera do Sistema Nacional de Saúde. Poderá solicitala quen sufra unha enermidade grave e incurable ou invalidante. Derecho a Morir Dignamente calcual que os primeiros casos, persoas que non desexen chegar a unha fase terminal dunha doenza, suporán o 85%; os segundos casos, sobre todo esclerose ou tetraplexia, aídna que "moi impactantes", serán arredr do 15%. Pedirao o paceinte, de forma libre e volutnaria, e terá que pasar por dous médicos, que poderán alegar obxección de conciencia, nun prazo mínimo de 15 días. 

Pouco antes de que o Congreso debatise a admisión a trámite a proposición de lei, a principal forza da oposición, o Partido Popular, chegou a acusar o PSOE de impulsar a lexislación para aforrar cartos en sanidade. 

Foi o portavoz do PP en temas sanitarios, José Ignacio Echániz, quen asegurou que "o PSOE ten un grave problema de sostemento dos servizos públicos" e que "isto", en referncia á proposición de lei sobre a eutanasia, "é unha maneira de evitar custos". A iniciativa sería, xa que logo, a "filosofía da esquerda para evitar custos". 

O PP acusa o PSOE de buscar a legalización da eutanasia para aforrar "custos" en Sanidade

"O PSOE ten graves problemas de financiamento do Estado de benestar. Cada vez que desaparece unha persoa destas características desaparece un problema económico e financeiro para o Estado, unha persoa sa custa menos de 300 euros ao ano", dixo textualmente Echániz,que engadiu que unha persoal "crónica, polimedicada, pluripatolóxica, que sexa maior e precise con intesidade tratamentos e diagnósticos clínicos non gasta menos de entre 15.000 e 20.000 euros ao ano". 

José Ignacio Echániz, voceiro de sanidade do PP no Congreso, con Cayetana Álvarez de Toledo nas horas previas ao debate sobre a eutanasia © PP

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, respondeu a Echániz en Twitter: "O único que aforrará a lei de eutanasia é o sufrimento de milleiros de persoas. Unha demanda da sociedade española que non pode esperar". 

Ademais, o vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, esixiu tamén nas redes sociais que o deputado que increpou a Pablo Echenique durante a súa intervención no debate dese a cara. "É repugnante que ti defendas iso", espetáronlle durante a súa intervención. 

Xa no debate, Echániz cualificou a norma de "lei escura feita pola porta de atrás" e coa pretensión de "acabar cos enfermos indefensos". A representante de Vox, Lourdes Méndez Monasterio, elevou as acusacións para cualificar o Estado de "máquina de matar" e comparalo co réxime nazi e falar de "homicidio asistido". 

O PP freou o debate en Galicia por "trivializar a morte"

En Galicia,  hai tan só dúas semanas, e mentres se reiniciaban os trámites na Cámara Baixa, no Parlamento galego debateuse a proposta formulada dende o Grupo Mixto por En Marea para, na liña do que xa fixo o Parlament de Catalunya, remitir ao Congreso unha proposición de lei de despenalización desta práctica na fin da vida humana.

Como no Congreso, toda a esquerda parlamentaria avanzara o seu apoio á iniciativa defendida por Luís Villares. E como no Congreso, o PP avanzara o seu rexeitamento, que culminou facendo valer a súa maioría absoluta para evitar que o texto pasase da toma en consideración e non chegue nin a tramitarse. Segundo os conservadores galegos, abordalo suporía tanto como "trivializar a morte".

En Galicia, unha deputada do PP tirou dun caso familiar para rexeitar un dereito que, teoriza, "non encaixa coa forma de entender a vida e a morte da sociedade galega"

O PP subiu ao estrado para anunciar o voto negativo. Fíxoo a través da parlamentaria Julia Rodríguez, que mesturou cuestións ideolóxicas e políticas con outras estritamente persoais. Así, segundo a deputada conservadora, aceptar a lei de eutanasia a debate suporía "un salto ao baleiro sen rede". "Non concibo unha sociedade que trivialice a morte, que considere normal que persoas" se "levanten un día, rendidas polo sufrimento, e decidan simplemente morrer".

Neste sentido, e malia reiterar que no PP "comprenden e empatizan con todas esas persoas que se senten derrubadas pola enfermidade", Rodríguez botou man dun caso particular, o dunha familiar de 93 anos "cunha enfermidade incurable". Nunha ocasión, relatou, "dixo: hei morrer cando eu queira" e "todos sabemos o que quixo dicir, que ata que ese momento chegue seguirá facendo o que poida" e "contando coa súa familia e cos coidados da sanidade pública galega", concluíu entre aplausos que o autor da iniciativa lamentou porque, cre, amosan a falta de "empatía" dos populares neste eido.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.