"A Marea marcou o camiño: a confluencia é importante, pero o primeiro é o liderado cidadán"

Xulio Ferreiro recibe os parabéns na Coruña © Sandra G. Rey/Marea Atlántica

Xulio Ferreiro percibe "ilusión" na Coruña. Pasea polas rúas e non para de recibir parabéns, apertas ou sorrisos cómplices. Logo da asemblea que a Marea Atlántica celebrou o pasado venres, a plataforma cidadá apostou por gobernar en solitario e por buscar "o apoio máis amplo posible" de cara á investidura nunha votación na que, cre o futuro alcalde, "o PP debería absterse dada a clara vontade de cambio expresada pola cidadanía". Os populares, tras as súas impugnacións, convertéronse na forza máis votada por 28 votos, unha viraxe simbólica que non supón cambio ningún de cara ao futuro político dunha urbe que afronta unha nova etapa logo dun domingo histórico. "Agora mírase á Coruña non pola Pokémon, senón porque fixemos algo moi grande moi ilusionante e con moito mérito. Somos unha razón máis para estar orgulloso de ser coruñés", di. 

Chamouno xa Carlos Negreira?

[Mira o teléfono móbil] Pois non, aínda non. 

E alguén do PP ou do goberno local?

A min persoalmente non, pero tivemos un contacto con Julio Flores para o plan de seguridade do San Xoán, ao que o goberno local quería darlle para adiante. Dixemos que si porque iso é necesario planificalo e non se pode agardar ao traspaso de goberno. 

"Estamos ante unha grande oportunidade para facer as cousas doutra forma e para empezar a recuperar a democracia"

Presiona ou ilusiona enfrontarse xa a tantos retos?

Responsabiliza. Ves que hai moitas cousas que facer, pero o Concello da Coruña conta con funcionarios, técnicos e persoal moi capacitado para resolver os problemas do día a día. Nós teremos que impulsar as grandes propostas políticas e programáticas e, por suposto tamén, atender as cousas diarias máis aínda polo miúdo. Estamos responsabilizados pero tamén ilusionados porque temos unha oportunidade moi bonita de comezar a facer as cousas doutra forma, de facer políticas públicas diferentes, de métodos de goberno diferentes... Estamos ante unha grande oportunidade para empezar a recuperar a democracia. 

Con Mar Barcón xa falou. Chamouno o voceiro do BNG na Coruña ou alguén máis do PSdeG? Hai contactos formais?

Con Xosé Manuel Carril teño unha relación persoal e mesmo nos mandamos mensaxes xa durante o reconto. E si, falamos. O Bloque aínda non tivo unha xuntanza para analizar os resultados, pero o PSdeG xa amosou o seu apoio público á nosa investidura, tamén a nivel público, cousa que eu agradecín. É o que sabemos polo de agora porque os contactos formais non comezaron. Empezarán agora, despois de que nós tamén nos reunísemos en asemblea para marcar as liñas que levarán esas conversas. 

"Gañamos nunhas circunstancias adversas, en campo contrario; se iso foi posible, tamén será posible gobernar doutro xeito"

Di que A Coruña respira diferente, que hai ilusión e a vostede párano constantemente pola rúa... Que sente?

É moi bonito. Xa dixen que me está a pasar unha cousa que non me pasaba desde que levaba un bebé no colo: a xente mírame e sorrí. Iso é unha mostra positiva, xunto cos abrazos e parabéns, porque mesmo a xente que non se atreve a dicirche nada, sorriche... A cidade está alegre porque está esperanzada e ilusionada e cre que é posible facer as cousas doutro xeito. E ve tamén que foi posible gañar nunhas circunstancias adversas. Gañamos en campo contrario e se iso foi posible tamén será posible gobernar doutro xeito. 

A Marea Atlántica fala de corresponsabilizar a cidadanía, de implicala nun proxecto común.

Esta semana recibíronse multitude de solicitudes para incorporarse á Marea Atlántica, o que significa que hai unha ilusión de que isto continúe e que a xente non se conforma con votar. É precisamente iso o que pediamos e buscabamos. Xa o dixen despois de votar: a festa da democracia está moi ben, pero hai que construíla todos os días. Agora temos que construíla entre todos. Vexo a xente moi ilusionada e incluso rapaces de 16 anos me dixeron que aínda non podían votar pero que querían formar parte da Marea. Hai ganas de transformar colectivamente a cidade e traballaremos niso. 

"Recibimos multitude de solicitudes para unirse á Marea; hai ganas de transformar a cidade colectivamente e traballaremos para facelo"

Falemos dalgunha desas 25 medidas inmediatas. A renda social básica para os máis desfavorecidos?

Poñerémonos a traballar desde o primeiro día para poñela en marcha. Require uns trámites, unha burocracia, o paso polo pleno e deseñala nunha normativa para buscarlle encaixe legal, pero xa estamos traballando pensando nese primeiro día de labor. 

Tamén revisarán o convenio coa Autoridade Portuaria. Non parece que sexa doado, non si?

Renegociar un convenio implica a outra parte. Temos claras as nosas posturas e teremos que chamar a consenso e á negociación con todas as partes. No caso de que non logremos un acordo, buscaremos mecanismos legais que nos permitan adaptar o cumprimento dese convenio ás necesidades actuais da cidade. 

"Hai bastantes liñas de unión entre os programas da Marea e do PSOE; non creo que sexa complicado chegar a acordos"

Non permitirán desafiuzamentos e o Ofimático require unha solución urxente para evitar máis desaloxos. 

A solución inmediata será poñer en marcha a modificación parcial do Plan Xeral para desafectar os terreos da marxe dereita da avenida Lavedra e é o que faremos. Calquera tipo de desaloxo quedará paralizado e esa é a nosa responsabilidade principal. 

Para todas estas medidas precisará o apoio doutro grupo no pleno municipal e debera ser o PSdeG...

O programa electoral do PSdeG na Coruña, como adoitamos dicir con algo de broma, é un programa bastante mareizado. As grandes liñas que nós lanzamos tamén as recolle o programa socialista en moitas cousas, como no que ten ver coa participación, cos servizos sociais... Hai bastantes liñas de unión entre ambos os dous programas, polo que agardo que non sexa moi complicado chegar a acordos. As mensaxes das súas prioridades programáticas para chegar a acordos xa as puxo enriba da mesa e non me parece que haxa ningún problema para que as teñamos en conta. 

"Para crear emprego apostamos pola universidade, pola economía verde e social, pola rehabilitación urbana e polo comercio de proximidade"

En que vai consistir o plan de emprego prometido?

Temos que priorizar a formación naqueles sectores que entendemos que poden ser nichos de emprego. Apostamos polas novas tecnoloxías, pola universidade, polo I+D+i, pola economía social, polo comercio de proximidade, pola economía verde ou pola rehabilitación urbana. Cremos que estes poden ser os motores de emprego para crear traballo e riqueza na cidade e no país. Haberá que axeitar a formación e as actividades complemetarias que faga o Concello a iso que nós cremos prioritario. Debemos coordinar todo isto cos distintos ámbitos municipais. 

Din que o Concello nin tan sequera gastou todo o que podía en fomentar o emprego...

Os orzamentos do ano pasado non chegaron a gastarse. Os de este ano veremos en que nivel de execución están e empregaremos o diñeiro para o que está previsto e se temos que facer unha modificación de créditos, pois farase. Intentaremos priorizar o que debemos priorizar e logo preparar ben os orzamentos do vindeiro ano. 

Tamén propoñen unha tributación progresiva e menor presión fiscal para as clases baixas. 

Neste caso haberá que modificar as ordenanzas fiscais e iso tamén ten que pasar polo pleno e require o apoio doutros grupos, pero tanto o PSdeG como o BNG tamén están por unha progresividade fiscal, por que a xente que máis ten asuma máis responsabilidade na contribución ao común e iso pode tamén rebaixar a presión fiscal sobre os menos favorecidos.  

Darlle voz aos barrios, a retirada de placas franquistas ou a normalización do galego. Vostede insiste en que para esas medidas abondaría con aplicar leis xa existentes. 

Hai un capítulo enteiro na Constitución Española sobre dereitos sociais que tamén estaría ben aplicar, aínda que a forza normativa, polo que di o Tribunal Constitucional, non sexa tan potente. A Lei de Normalización Lingüística, a de Memoria Histórica... Paréceme que discutir sobre se hai que cumprir ou non a lei é ridículo, sobre todo cando vén de sectores que noutros casos están tan vinculados ao principio de legalidade. 

"Poñeremos todo o noso empeño para que as touradas xa non se celebren este ano"

A celebración das touradas este ano parece blindada por un contrato. É posible que non se celebren?

Temos que miralo. Nós poñeremos o noso empeño en que este ano xa non se celebren. Veremos se o logramos sen que isto supoña un gasto excesivo para o erario público. 

En agosto hai festas e están previstos varios concertos. Haberá cambios ou tampouco dará tempo?

Este ano non sei se dará tempo a moito porque entraremos a gobernar o 13 de xuño. Veremos que actuacións están pechadas e cales non, e que está deseñado e que non. Trataremos de darlle algún toque diferente ás festas, en termos de descentralización e diversidade, pero faremos o que poidamos. 

A Marea xa dixo que Vendex non ten cabida no Concello. Que vai pasar?

O contrato da ORA estaba en proceso de adxudicación e, polo que sei pola prensa porque é toda a información que teño, parece que se vai paralizar. Veremos en que estado está e se pode non continuarse con esa adxudicación, e se a indemnización é asumible e podemos continuar cunha xestión mediante unha prórroga o máis breve posible o contrato, iremos por aí. 

Como se afrontará o problema do aparcamento na Coruña?

Un modelo de xestión municipal sería o axeitado. Veremos como o podemos modificar en pouco tempo para un modelo de aparcamento e guindastre que estea ao servizo so ben común, que non sirva para enriquecerse senón para que reverta no Concello. Se temos que cambiar condicións de horarios ou de zonas, pois tamén o faremos, pero isto requirirá unha certa planificación. 

O que parece evidente é que na Coruña hai demasiados coches e que comprería alixeirar o tráfico automobilístico.

Claro. Este é un traballo que non levará seis meses. Require dun plan de mobilidade, de ir adecuando os comportamentos da xente, de ir fomentando outros modelos de transporte... A xente ao final o que non quere é tardar o triplo para chegar aos sitios. Se conseguimos que co transporte público ou en bicicleta se chegue antes aos sitios e e máis cómodo, pois a xente optará por estes medios. 

O carril bus foi un símbolo do último mandato socialista e a súa retirada un símbolo das políticas de Negreira. Que fará a Marea Atlántica?

As vías de uso prioritario para o bus son esenciais se se quere dar un bo servizo. Ás veces non é tan importante a frecuencia das liñas como o que tardas. Se hai carrís prioritarios, aliviarase a circulación e estas vías existen en calquera cidade moderna e civilizada. Non sei por que rúas tería que transcorrer ese carril priotiario, pero haberá que ir cara a este modelo que facilite a circulación en bus. 

"Un goberno para o 99% provocará que o 1% estea menos contento, pero hai que facerlle ver que se as cousas van ben para o 99%, tamén ao 1% lle irá mellor"

Chamouno algunha desas elites ou poderes económicos que tanto se citan na campaña?

Houbo persoas relevantes desta cidade que me felicitaron pero sen dar ningunha indicación nin recomendación, como é normal, claro. 

Agarda atrancos para o goberno local da Marea?

Atrancos imos ter. Nós fixemos unha proposta innovadora, de cambiar as formas de facer as cousas e os intereses en xogo. Ese goberno para o 99% provocará que ese 1% estea menos contento, pero o que hai que facerlle entender a ese 1% simbólico é que se isto vai ben para o 99% tamén irá mellor para eles porque sería unha cidade mellor, máis segura e con maior cohesión social. Teñen que darse de conta de que nos vén ben a todos. 

"A Coruña agora está no mapa; a Marea Atlántica é unha razón máis para estar orgulloso de ser coruñés"

A vitoria da Marea Atlántica tamén foi unha boa publicidade para a cidade. Poucas veces se falou da Coruña tanto nos medios e, maioritariamente, tan ben. 

A Coruña está no mapa. Onte recibín unha mensaxe dun coruñés que vive en Valladolid que me dicía que por unha vez a xente non lle falaba da Coruña polo que chove ou polo ben que se come, agora dinlle que que bonito o que pasou na Coruña. Esa é a sensación que hai en moitas partes do Estado. Agora miran para A Coruña non pola Pokémon nin polos percebes, senón porque fixemos algo moi grande, moi bonito e moi ilusionante e fixémolo da forma na que o fixemos, o que ten moitísimo máis mérito. A Marea Atlántica é unha razón máis para estar orgulloso de ser coruñés. 

Falando da Pokémon, agarda atopar algunha sorpresa nos ordenadores do Concello?

Agardemos que non. O que atopemos farémolo saber pero espero e teño esperanza en que non atoparemos nada. En todo caso, a transparencia é clave e se atopamos algo farémollelo saber a quen corresponda. 

Recibiu algunha chamada que o sorprendese?

Quizais a de Javier Losada porque non agardaba a chamada dun ex alcalde que non é precisamente o que tiña que chamar nestes momentos. Ademais estivo cariñoso, institucional e moi educado. Outras chamadas, como as de Xosé Manuel Beiras ou Pablo Iglesias, si as agardaba. 

Insiste moito na cooperación con Compostela Aberta ou Ferrol en Común. 

Esa cooperación ten que redundar no ben de todos. No caso de Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común, houbo colaboración durante estes meses. Martiño Noriega xa dixo moitas veces que Compostela Aberta lle debía moito á Marea e nós tamén lle debemos moito a Compostela Aberta. Foi un proceso colaborativo de compartir códigos, experiencia e información e isto ten que seguir así. Temos que trasladalo ás institucións. Se en Santiago están preparando, por exemplo, un regulamento de participación cidadá, pois teremos que falar para axudarnos uns aos outros. E tamén con Ferrol, con Madrid, con Barcelona, con Zaragoza... Temos que seguir colaborando en código aberto como traballamos até o de agora. 

"A confluencia é importante, pero o primeiro é o liderado cidadá; ese ten que ser o camiño para futuros procesos electorais en Galicia"

Xa hai múltiples apelacións á formación dunha Marea Galega para futuros comicios. Que lle parece?

Xa dixen que se a Marea saía ben, a Marea marcaría un camiño. Creo que a Marea saíu razonablemente ben e creo que o camiño que se marcou foi o do liderado cidadá. O proceso de confluencia e a unidade popular é moi importante, pero esa sería a segunda parte, porque o primeiro e sobre todo é o liderado cidadá. Que fose a cidadanía sen militancia, sen dirixismo por parte de formacións políticas nin das súas cúpulas que se puxeron detrás a choiar pero non diante a liderar... Iso foi importantísimo para que o proceso saíse ben. A xente da Coruña viuno, eramos parte da xente e iso funcionou moitísimo na campaña electoral e á hora de ir votar. "Son os nosos", pensaron. Ese ten que ser o camiño en futuros procesos electorais, apostar por procesos amplos de confluencia e polo liderado da cidadanía. 

A Coruña viviu unha fin de semana histórica, pola vitoria da Marea Atlántica e pola salvación milagreira do Deportivo. Seguirá vostede vendo os partidos na bancada de General?

Teño intención de seguir facendo a maior parte das cousas que fago acotío. Levar os nenos ao colexio, ir a pasear coa miña parella, cear a onde ía antes... Quero seguir facendo estas cousas, na medida na que poida e o tempo mo permita. Seguir facendo a miña vida. E nesa vida está ir ao estadio a onde ía antes, porque me atopo a gusto sentado no mesmo asento a onde sempre fun. 

Como debe ser a relación do Concello co Deportivo?

A relación debe ser cordial. O Deportivo é unha institución importante para esta cidade, como outras, pero é un símbolo que dá posición á urbe. O Concello da Coruña ten que colaborar co Deportivo e o Deportivo tamén coa cidade. 

Xulio Ferreiro, nunha rúa da Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.