Todo estaba atado. A subdirectora de Farmacia da Xunta de Galicia, Carolina González-Criado, tramitou o seu cesamento a mediados de marzo como alto cargo no Goberno de Alberto Núñez Feijóo e colleu uns días de vacacións antes de incorporarse ao Ministerio de Sanidade á volta de semana santa.
O seu primeiro labor alí sería realizar un informe técnico relacionado coa súa especialidade en farmacia que se ía tramitar a través dunha comisión de servizos -un procedemento que facilita o traspaso de funcionarios dunhas administracións a outras-. Pero o posto que lle prometeran era o de subdirectora xeral de Calidade do Medicamento, posto que a cúpula do ministerio daba por feito desde hai un par de meses a saída de Carlos Lens, confirmada a pasada semana.
Ese era o plan establecido pola directora xeral de Farmacia do Ministerio, Encarnación Cruz, que tomou posesión o pasado maio proveniente da Consellería de Sanidade de Madrid, e que realizou persoalmente o ofrecemento a González-Criado, a quen coñecía das reunións sectoriais sobre farmacia nas que participan cargos dos distintos Gobernos autonómicos dos que ambas formaron parte. A funcionaria galega aceptou o posto e despediuse na Xunta, onde estaba moi discutida desde que en 2016 foi imputada por homicidio imprudente nun xulgado de Santiago por atrasar fármacos da hepatite a varios pacientes que acabaron morrendo. A súa saída produciuse a petición propia e o Goberno galego non tardou en atopar un substituto para ese posto que se cubriu o mes pasado.
O plan establecido pola directora xeral de Farmacia do Ministerio foi freado por Montserrat: "Nin vai vir facer un estudo nin será contratada para ningún posto, non con esta ministra"
Eldiario.es adiantou o pasado 26 de marzo a polémica fichaxe por parte do ministerio. A incorporación ao seu novo destino en Madrid estaba prevista para o 2 de abril na sede do ministerio pero esta nunca se produciu.
Foi Dolors Montserrat en persoa a que paralizou o nomeamento desautorizando á directora xeral de Farmacia. Segundo o seu persoal de confianza, fíxoo en canto coñeceu que ía producirse. Unha portavoz oficial do Ministerio asegura a eldiario.es: "Nunca foi contratada. Fora tenteada pero nin vai vir a facer un estudo nin será contratada para ningún posto, non con esta ministra".
González-Criado, de quen a oposición galega e a plataforma de doentes vén reclamando o seu cesamento, abandonou o cargo e regresou ao seu posto de funcionaria rasa
Así que Carolina González-Criado, de quen a oposición galega reclamara insistentemente o seu cesamento desde que se coñeceu a súa imputación hai máis de dous anos, abandonou o cargo na Xunta e incorporouse ao seu posto de funcionaria rasa. Namentres, a subdirección xeral do medicamento do ministerio segue vacante á espera de atopar un perfil adecuado para substituír a Lens. O subdirector saínte incorpórase ao gabinete do secretario xeral, José Javier Castrodeza, para pór en marcha o plan de fármacos personalizados.
O outro cargo do Goberno galego imputado na investigación polas mortes da hepatite, Félix Ruibal, segue como xerente do hospital estrela da Administración galega, o Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde saltou xa estando imputado desde o seu posto como director xeral de Asistencia Sanitaria do Goberno galego. A plataforma de Afectados pola Hepatite de Galicia chegou a enviar unha carta a Dolors Montserrat na que cualificaba como "provocación e afronta ás vítimas"a incorporación de Carolina González-Criado ao ministerio.