Gerardo Crespo volve en precampaña. A trintena de persoas imputadas na Operación Zeta comezan este luns a pasar por diante da xuíza para seren interrogadas polas súas presuntas implicacións na suposta trama de falsos cursos de formación e captación e xestión irregular de fondos públicos. A xuíza tentará esclarecer a presunta comisión de delitos de fraude de subvencións, estafa e malversación e comezará os interrogatorios polo presunto líder da trama. O empresario, militante do PP e antigo líder veciñal coruñés será así un incómodo convidado para a precampaña electoral dos populares non só na Coruña, senón no conxunto de Galicia.
Alén de defender a súa inocencia, dende o estourido da operación o pasado outubro, Crespo maniféstase especialmente interesado en subliñar as complicidades que o uniron durante lustros con destacados dirixentes políticos para sacar adiante os seus negocios. Para iniciar e estender o que a Policía define como "caza de cartos públicos" Crespo teceu unha rede na que non faltaban os agasallos para os políticos e tampouco, segundo declarou en comisaría a súa ex contable, as doazóns en metálico para o PP. Para engraxar a maquinaria da rede, sempre atendendo aos informes do sumario, o propietario da academia Azetanet, que xa non está autorizada para impartir cursos de Traballo, contaría coa axuda do empresario Pachi de Lucas, o amigo do presidente da Xunta ao que Crespo lle abonaba cantidades periódicas para gratificar os seus labores de intermediación, segundo os axentes.
Este 2 de febreiro comezan as declaracións ante a xuíza, comezando polo presunto líder da trama
A intención de que os políticos cos que noutrora se relacionaba caian consigo é a que manifesta este domingo o propio Crespo en declaracións a La Opinión de A Coruña. Ao xeito doutros implicados en casos de presunta corrupción, caso de Luis Bárcenas, o empresario asegura ter "probas" da implicación no caso de, cando menos, a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, e tamén do presidente, pero afirma que non as presentará todas dunha vez. "Á xuíza voulle dar todo" pero "voume reservar o dereito de xogar", toda vez que "teño o dereito a facer varias delcaracións". "Irei pouco a pouco", advirte dende o xornal coruñés, no que explica que actuará "como creo que teño que actuar" e iso implica, afirma, deixar claro que "pagaba" para que "me adxudicasen" cursos de formación.
Crespo afirma que "os políticos están mentindo" e advirte de que "aínda non caeron os que teñen que caer"
"Os políticos están implicados, están mentindo" e "aínda non caeron os que teñen que caer", advirte Crespo, que nega, non obstante, que os cursos que organizaba fosen ficticios."Teríamos que ser auténticos magos para non facer os cursos e que nolos pagasen", afirma, tentando refutar así a versión da investigación, que en sucesivos informes detalla o funcionamento dunha "farsa" asociativa que chegou, aseguran, a mercar listados de nomes a través de internet. Tratábase, resume a Unidade de Delincuencia Económica e Financeira dun "sistema organizado" para "conseguir fondos públicos falseando requisitos, condicións e documentos" para, "unha vez obtidos eses fondos, malversalos con pactos ilícitos para o seu reparto e posterior uso privativo". "Pode que haxa algún alumno ficticio, pero un ou dous, é unha práctica habitual", descúlpase agora Crespo.
A treboada política
A reactivación da vertente xudicial do caso pode traer consigo a resurrección da súa vertente política, que dende o partido no Goberno se tenta acalmar, cando menos en parte, coa presentación do paquete de medidas de "impulso democrático" e loita contra a corrupción publicitadas por Feijóo nos últimos días. Malia este movemento, dende a oposición parlamentaria séguese reclamando que o propio presidente ofreza explicacións sobre o caso e sobre os treitos do sumario nos que figura mencionado, a comezar por aclarar se a súa amizade con De Lucas lle serviu á presunta trama corrupta para lograr fondos públicos ou previrse de posibles investigacións policiais, e a seguir polo suposto financiamento irregular do PP coruñés.
A oposición segue esixindo explicacións sobre o suposto conseguidor e a respecto do financiamento do PP coruñés
No albo da investigación e agora tamén de Crespo está tamén o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, para quen, segundo a Policía, o propietario de Azenanet exerceu labores de "intermediación". Gerardo Crespo pasou de sentirse "amparado" polo tamén líder dos populares na provincia coruñesa a reprocharlle que deixase de collerlle o teléfono cando comezou a investigación. "Me ha dicho Carlos que nos defendamos, que nos defendamos a muerte, que él quiere que nos defendamos y que tengamos cuidado que hay mucha piraña suelta", di unha das mensaxes intervidas pola Policía.
Os outros dous responsables políticos sinalados máis directamente na investigación son José Manuel Romay Beccaría e a propia Mato. No caso do actual presidente do Consello de Estado a Policía cre que mediou para que a rede lograse unha adxudicación da Deputación da Coruña, ademais de para contactar con outros dirixentes do PP. A conselleira de Traballo, que deu en admitir que recibiu un bolso da trama, como recolle o sumario, nega que ela tivese relación ningunha coas irregularidades ou cos movementos dos ex cargos da súa consellería imputados no caso.