- Villares presenta En Marea como primeira alternativa aos "pecados non expiados" de Feijóo
- Leiceaga fixa na demografía a súa prioridade e propón acordos para revitalizar sectores económicos clave no rural
- Pontón esgrime a "ilusión" do BNG fronte ao "autonomismo fosilizado" de Feijóo
Hai vida alén Feijóo. É a principal vontade que semellaron amosar este xoves os voceiros das forzas da oposición en cadanseus retruques ao discurso de quen será investido presidente por terceira vez consecutiva apoiado na alargada maioría absoluta do PP. Luís Villares, Xoaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón resumiron dende a tribuna as súas principais propostas de campaña e os tres advertiron ao líder conservador de que a "lexitimidade" para gobernar, lograda nas urnas, non anula o dereito á crítica dende a banda esquerda.
A xornada comezou cun fito. Por primeira vez, unha muller interveu nunha xornada de investidura no lexislativo galego e foi para defender a postura do BNG. A líder do Bloque esgrime a "ilusión" que a acompañou durante a carreira previa ao 25S e da que, di, non se vai "abster". O obxectivo último da organización soberanista segue a ser "unha Galiza ceibe" e por ela pularán, advirte, mentres defenden cuestións vinculadas á política diaria, dende a igualdade de xénero ás políticas sociais.
De autogoberno, pero noutro sentido, falou tamén o voceiro socialista. Fernández Leiceaga regresou a un rol que xa exercera noutrora para fixar prioridades lexislativas e advertir de que a oposición non implica non "atreverse" a pactar co PP cando as circunstancias o requiran. Para comezar, di, demografía e revitalización dos sectores produtivos deberan ser as prioridades.
O outro foco da xornada está colocado sobre o voceiro de En Marea, o único dos tres debutante na tribuna. Dende o empate en escanos cos socialistas, pero con máis votos, Luís Villares reivindicou por primeira vez no hemiciclo a súa condición de líder parlamentario da primeira forza da esquerda, electoralmente falando, e dende esa posición advertiu de que, tanto nas mobilizacións sociais como na vida institucional o obxectivo dos seus 14 escanos será cimentar unha alternativa de goberno para 2020.
A paralización da LOMCE, o traspaso da AP-9 ou a fin dos recortes sociais foron algunhas das coincidencias nuns discursos que, pola banda do PP, Pedro Puy reduciu a "populismo" e posicións de "trincheira". A "maioría social" é do PP porque así o demostraron os resultados electorais, reivindicou.