A oposición galega secunda a folga feminista do 8M, que o PP rexeita por "politizada"

Participantes na mobilización feminista unitaria do 3 de marzo de 2019 en Lugo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

En 2018 o PP galego saíu inicialmente en tromba contra a convocatoria da folga feminista. "É o máis machista que se pode facer", afirmara o secretario xeral dos conservadores galegos, Miguel Tellado, días antes da convocatoria. O éxito da mobilización laboral e as masivas manifestacións daquela xornada acabaran impulsando os populares galegos a matizar as súas posturas, se ben o propio Alberto Núñez Feijóo teimara na necesidade de defender a igualdade entre homes e mulleres dende o ámbito público, pero sen "politizar" a reivindicación.

Un ano despois o contexto político en Galicia e no Estado é aínda máis axitado que en 2018 e as posturas a respecto da folga feminista están, se cabe, máis polarizadas e tamén condicionadas polo período electoral. Coa dirección estatal do PP embarcada no xiro á dereita que impulsa Pablo Casado, o PPdeG adiantou o seu acto de partido ligado ao 8M á pasada fin de semana, onde Feijóo acusou de "supremacismo ideolóxico" a quen considere que "unhas mulleres defenden a igualdade mellor ca outras" porque "forman parte doutro partido".

Con este pano de fondo as principais forzas políticas galegas definen a súa postura para a xornada reivindicativa do 8 de marzo. As tres formacións da actual oposición parlamentaria apoian abertamente as mobilizacións. 

Ana Pontón, este 7 de marzo reunida con traballadoras do sector do telemarketing CC-BY-NC-SA BNG

Así, por exemplo, as deputadas de En Marea e BNG xa anunciaron hai semanas que secundarán integramente a xornada de folga. Ten que ser, resumiu dende o Bloque Ana Pontón, unha xornada para "defender os nosos dereitos", pero tamén para "parar os pés á dereitona que nos quere levar cara a atrás".

Diversas representantes de En Marea, PSdeG e BNG confirmaron que secundarán a folga e acudirán ás manifestacións do 8M

Tamén dende o PSdeG a súa dirección considera que entre as súas representantes institucionais a opción de secundar a folga vai ser "maioritaria". Así o farán, por exemplo, as súas dirixentes nos gobernos das deputacións e concellos. 

A postura oficial do PP, pola súa banda, é que as súas militantes e cargos teñen "liberdade" para unirse ou non ás mobilizacións convocadas. Así e todo, Casado xa deixou claro que a postura oficial da cúpula do partido é desmarcarse da folga por considerala "politizada" e, nun acto con mulleres do partido -entre elas, a ex-conselleira Beatriz Mato, candidata ás municipais na Coruña-, acusou os colectivos feministas que a promoven de tentar "enfrontar" as mulleres cos homes.

Feijóo conversa co conselleiro de Facenda durante o Consello da Xunta CC-BY-SA Xunta

Feijóo e a definición de feminismo

Mentres, dende os concellos das principais cidades galegas agás Ourense e dende as deputacións agás a ourensá se apela directamente ao feminismo nas vésperas do 8M, pola banda da Xunta o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, fixo especial fincapé en resaltar a aposta pola "igualdade" do seu Goberno, pero evitando o termo "feminista". Así sucedeu cando foi convidado a aclarar se se considera ou non "feminista".

"Se podemos concretar que se considera feminista eu podo contestar", di Feijóo, quen a continuación subliña que "sen ningunha discusión", defende que as mulleres "teñen os mesmos dereitos que os homes" e contrario supón "un disparate"

Preguntado ao respecto polos xornalistas e despois de aprobar, no Consello da Xunta, medidas como a creación das medallas Emilia Pardo Bazán para recoñecer "accións relevantes a prol da igualdade" ou convenios para a asistencia a vítimas da violencia machista, o presidente pediu "concretar" o "contido e alcance dese concepto". Do concepto "feminista".

"Considero, por suposto" sen "ningunha discusión" que as mulleres teñen "os mesmos dereitos que os homes" porque o contrario supón un "disparate", dixo o presidente, quen sente "vergoña" cando "algún home abusa da súa fortaleza" contra unha muller. "Se podemos concretar que se considera feminista eu lle podo contestar", agregou Feijóo, quen detallou que se a pregunta é sobre o "respecto" do home á muller, a súa resposta é que se non o fai "non é que non sexa home, é que non é persoa". Todo isto, concluíu, nun contexto no que "a loita" pola "igualdade real e efectiva das mulleres" aínda "non acabou, continúa". Este 8M Feijóo e diversos cargos da Xunta participarán en concentracións institucionais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.