A oposición pide explicacións polos buses e o Alvia fretados por Fomento para o acto “propagandístico” de Lugo

Foto distribuída por Fomento coa velocidade á que circula o Alvia no único treito modernizado da liña Ourense-Lugo Dominio Público @idlserna

Os tres partidos da oposición en Galicia coincidiron este martes en pedir explicacións ao Ministerio de Fomento e o Goberno galego polo xeito en que desenvolveron este luns en Lugo o acto “propagandístico”, como coincidiron en cualificalo, no que realizaron diversas promesas de futuro pero sen prazos para a mellora dos servizos ferroviarios na provincia, que non terá AVE. Para que o ministro Íñigo de la Serna e o presidente Feijóo chegasen á cidade en tren circulando polo único treito modernizado da liña, Fomento desprazou os invitados ao acto a Sarria, a 40 quilómetros, en autobuses e alí subiunos a un Alvia fretado de xeito especial co que os trasladou, semivacío, ata a capital obrigando a modificar outros servizos ferroviarios ordinarios e afectando así aos seus usuarios.

En Marea compara a visita de De la Serna con "benvido Mr. Marshall"

Por parte de En Marea o seu grupo no Congreso dos Deputados presentou este martes unha batería de preguntas ao ministro sobre “os anuncios propagandísticos” realizados en Lugo “en ano preelectoral”. O seu portavoz na Cámara baixa, Miguel Anxo Fernán Vello, comparou a “anecdótica” visita de De la Serna á cidade con “benvido Mr. Marshall”. “Lugo é a cidade galega máis deficitaria en materia de ferrocarril, calquera usuario sábeo por experiencia”, sentenza En Marea.

Para Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, "foron facer unha obra de teatro"

Desde o PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, criticou que De la Serna e Feijóo “foron facer unha obra de teatro na que retiraron os trens normais e puxeron outro ao servizo do PP” no que cualificou como “fraude” e “operación de márketing” coa que o PP tentou facer ver “que hai unhas infraestruturas que non existen”. O socialista pediu aos populares que “deixen de enganar á cidadanía”.

O BNG pregunta á Xunta polos "prexuízos causados" á cidadanía co "tour propagandístico"

Desde o BNG a deputada autonómica Olalla Rodil cualificou a visita do ministro e o presidente da Xunta de “tour propagandístico” para o que “foi necesario mobilizar un tren Alvia e suprimir horarios regulares”. Os nacionalistas preguntarán no Parlamento de Galicia canto custou o acto e como valora a Xunta “os prexuízos causados” aos usuarios do tren.

Foto distribuída por Fomento coa velocidade á que circula o Alvia no único treito modernizado da liña Ourense-Lugo Dominio Público @idlserna

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.