A polémica do AVE que acabou coa relación entre BNG e CiU

Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Rachou de vez. O BNG decidiu deixar en suspenso o seu "marco de relacións" políticas con Convergència i Unió (CiU). A formación galega denuncia, nunha carta dirixida á coalición catalá, a súa "intromisión sistemática" en asuntos que, como o AVE ou o futuro do sistema financeiro galego, afectan a "intereses estratéxicos do país". Acaba así unha vinculación que pasou polos seus mellores momentos sendo Anxo Quintana voceiro nacional do Bloque, pero que empezou a racharse hai xa meses. Na última Asemblea Nacional do BNG en Amio os representantes conservadores cataláns foron recibidos con asubíos. Era unha forma de rexeitar as súas políticas, pero tamén os seus continuos ataques a Galicia, especialmente en temas como o da alta velocidade, á que se referiron varios líderes converxentes durante os últimos tempos.

Xa en xaneiro deste mesmo ano, CiU aseguraba que facer o AVE a Galicia poñía en risco a credibilidade de España. Pere Macias, o seu segundo voceiro no Congreso dos Deputados, criticaba con dureza os investimentos do Goberno na alta velocidade a Galicia e consideraba que "a un presidente galego lle sería moi difícil non continuar as obras na súa terra", en clara alusión á futura elección de Mariano Rajoy como xefe do Executivo.

Pere Macias dicía en xaneiro que facer o AVE a Galicia poñía en risco a credibilidade de España

Pero o mesmo Pere Macias aumentou a súa cruzada contra o AVE galego. Tres meses despois, e nunha discusión no Congreso co deputado galego do PP, Celso Delgado, o voceiro de CiU empregaba a dotación de Adif en Galicia para denunciar o "maltrato" que, na súa opinión, recibía Catalunya por parte do Estado. Nunha tensa conversa, o parlamentario popular pedíalle que "se alegrase tamén polos demais" e recordáballe que os galegos aspiraban "simplemente a ter o mesmo do que vostede xa goza". "Eu nunca aspirarei a ter uns percebes como os seus", respondeulle o político catalán nunhas polémicas palabras que encheron a prensa estatal.

CiU tamén ironizou no Congreso con que Galicia xa tiña percebes, malia non ter AVE

E nese mesmo mes, o propio presidente da Generalitat, Artur Mas, queixábase amargamente ante o Executivo central e volvía empregar o investimento para a alta velocidade galega para atacar o Estado. "Hai cartos para o AVE galego, pero non para Catalunya", dicía o tamén líder de CiU.

Ademais, unha das pingas que rebordou o vaso chegou en maio, cando a formación catalá intentou boicotear en Bruxelas o investimento de Fomento no AVE galego.O eurodeputado de CiU, Ramón Tremosa, interpelara o comisario de Transportes, Siim Kallas, advertíndolle de que os Orzamentos de España para 2012 incluían un investimento de máis de 1.200 millóns para a alta velocidade a Galicia, pero que non contemplaban "ningunha partida relevante" para o corredor mediterráneo, malia que fora declarado eixo prioritario pola UE.

A decisión de rachar a coalición electoral para as eleccións europeas foi o comezo da fin das relacións entre CiU e BNG

A paciencia do Bloque fartábase, máis aínda cando en plena polémica sobre o futuro do sistema financeiro estatal, CiU pedía claramente a venda de Novagalcia Banco e criticaba a intención da comunidade autónoma de manter unha entidade propia. Lonxe quedaban os tempos nos que, con Anxo Quintana como voceiro nacional, o BNG uníase a Convergència e a PNV nun acordo, Galeuscat, co que asinaban un pacto contra o centralismo do Estado en 1998. Xa en 2004, este mesmo acordo transformábase en coalición electoral de cara ás eleccións europeas de 2004, unha decisión que xa trouxera polémica no nacionalismo galego.

Nos últimos comicios ao Parlamente Europeo, o BNG comezou a rachar a xa fina corda que o unía a CiU, cando decidiu coaligarse con Aralar e ERC de cara ás eleccións. A política levada a cabo por CiU en Madrid, sendo case o único apoio do actual Goberno do PP, e en Catalunya, con importantes recortes nos servizos sociais, remataron por convencer o Bloque. A carta de Guillerme Vázquez ao secretario xeral de CiU, Duran i Lleida, puxo fin a un matrimonio que foi moito de conveniencia.

Pere Macias, voceiro adxunto de CiU no Congreso © CiU
Urkullu, Quintana e Artur Mas, nunha xuntanza de Galeuscat © CiU
Guillerme Vázquez, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.