Terrorismo sen armas. A detención por rebelión e terrorismo contra unha activista dos Comités de Defensa do Referendo (CDR) nunha investigación secreta da Audiencia Nacional este martes xerou alarma entre partidos soberanistas, xuristas e defensores dos dereitos humanos. O sustento formal da investigación atópase na reforma do Código Penal de 2015 que seguiu ao pacto antiterrorista acordado polo PP e PSOE.
En concreto, a reforma do artigo do Código Penal aumentou, no seu artigo 573, o catálogo das finalidades terroristas, incluíndo non só os atentados violentos para provocar un estado de terror na poboación, senón ademais "calquera delito grave" co obxectivo de "subverter a orde constitucional", así como "desestabilizar" o funcionamento de institucións políticas ou estruturas económicas ou sociais do Estado ou obrigar aos poderes públicos "a realizar un acto ou a absterse de facelo".
A mudanza aumentou o catálogo das finalidades terroristas, incluíndo "calquera delito" que busque "subverter a orde constitucional" ou "desestabilizar" institucións
Foi tipificado ademais o delito de desordes públicas, o de sedición e o de rebelión como terrorismo en caso de cometerse por unha persoa "amparada" por unha organización terrorista. Desta forma, o terrorista podería non ser unicamente o integrante dunha banda terrorista, senón o autor dos delitos que tivesen as finalidades do citado artigo 573.
Para o avogado de Molins&Parés Marc Molins, a definición de terrorismo no Código Penal é excesivamente ampla. Pero non só iso: "A cuestión non é unicamente de amplitude na definición do delito, senón tamén da forma de aplicación". Neste sentido, o avogado lembra que "todas as normas penais esixen unha aplicación restritiva e adecuada ao principio de proporcionalidade".
"O reto do Estado de Dereito é concretar unha aplicación restritiva e consecuente da lei penal e non desbordar o sentido das normas. Tense que acreditar que os actos investigados constitúen un delito grave causalmente orientado a romper a orde constitucional ou alterar a paz pública. Ningunha outra finalidade, de mera protesta ou de solidariedade, encaixaría co delito de terrorismo. No actual escenario, a hipótese do acto terrorista é, como mínimo, discutible" asevera Molins.
"Por desgraza, en Barcelona, Catalunya e o resto de España gardamos na nosa memoria máis recente e sabemos o que é un acto terrorista. E as protestas dos CDR non o son"
Ademais do problema lexislativo en canto á definición de terrorismo, a letrada do centro Irídia Anaïs Franquesa tamén pon énfase na súa aplicación por parte dos xuíces, neste caso, o maxistrado de reforzo do xulgado de instrución 6 da Audiencia Nacional Diego de Egea. A criterio de Franquesa, a investigación debería basearse, en primeiro lugar, nun exame dos feitos e de se os cortes de estradas e levantamento de barreiras que os CDR impulsaron durante a operación retorno de Semana Santa están amparadas polo dereito á manifestación.
De exceder este límite, engade Franquesa, poderíanse investigar penalmente as accións dos CDR, pero en todo caso por desordes públicas. O dereito á manifestación, entre outros límites, contempla a obrigación de comunicar o percorrido e os responsables das marchas. "O corte de estrada non se produce porque si, senón que entra no dereito democrático da protesta política", abonda a letrada, que afea á Audiencia Nacional a "instrumentalización e desnaturalización do dereito penal para criminalizar a protesta" dos CDR.
Franquesa lembra ademais que "por desgraza, en Barcelona, Catalunya e o resto de España gardamos na nosa memoria máis recente e sabemos o que é un acto terrorista. E as protestas dos CDR non o son". "E evidentemente, tampouco son rebelión, porque cortar unha estrada non é un alzamento público nin violento", engade.
Unha cualificación "desproporcionada" que chegará á comisaria de Dereitos Humanos
Pola súa banda, o Síndic de Greuges, Rafael Ribó, asegurou que atribuír aos CDR delitos como terrorismo e rebelión é unha cualificación "manifestamente desproporcionada e contraria ao principio de legalidade" e anunciou que o porá en coñecemento da nova comisaria europea de Dereitos Humanos, Dunja Mijatovic, e os órganos competentes en dereitos humanos das Nacións Unidas.
Un dos indicios nos que se baseou a detención foi unha nota de audio sobre obxectivos de protestas que non se chegaron a producir
Un dos indicios que, por agora, se coñece contra a detida é un audio que ela mesma difundiu nas redes de mensaxería no que sinalaba presuntos obxectivos estratéxicos das protestas, que non se chegaron a producir. "Se podemos parar o porto, sería brutal, porque deixamos sen abastecemento ás illas Baleares, os chineses cabreríanse, tamén hai moitas mercadorías; por exemplo, a Seat, que leva os coches en barcos, e todo o que é entrada de mercadorías da Península e sur de Europa", sinalou a detida.
No marco da operación, denominada Cadera (palabra que inclúe as iniciais CDR), a Garda Civil rexistrou a vivenda da detida en Viladecans (Barcelona), de nacionalidade española, onde atoparon documentos sobre o acuartelamento do instituto armado en Barcelona, ademais dunha axenda, cartelaría, unha memoria externa, un computador e teléfonos móbiles. Nin rastro de armas letais coas que provocar pánico e terror da poboación como nun acto terrorista ao uso.