A reunión do Senado forzada polo PP dá á Generalitat un foro para defender a amnistía, obviada por un Rueda centrado no económico

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o da Generalitat, Pere Aragonès, no Senado este xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente da Xunta evita pronunciar na súa intervención a palabra amnistía e céntrase en criticar que Sánchez poida dar contrapartidas económicas a Catalunya a cambio de apoios ao seu Goberno

O Senado acolleu este xoves unha reunión da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas, un foro que foi convocado a instancias de Feijóo grazas á maioría absoluta que o PP ten na Cámara Alta. A reunión, coa que os populares pretendían facer ver o rexeitamento das comunidades que gobernan ás negociacións en marcha entre o PSOE e o independentismo catalán para garantir unha nova investidura de Pedro Sánchez, foi aproveitada polo presidente da Generalitat, Pere Aragonès, como un foro no que defender en Madrid a amnistía para os cataláns condenados polo procés. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, evitou pronunciar a palabra amnistía e centrouse en criticar que posibles contrapartidas económicas a Catalunya poidan prexudicar a Galicia.

Rueda durante a súa intervención no Senado este xoves 19 de outubro de 2023 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na reunión do Senado o primeiro en intervir foi Aragonés e o segundo Rueda, como presidentes de dúas das tres comunidades históricas e ante a ausencia do lehendakari por considerala "unha campaña política de interese partidario", en referencia ao PP. Porén, Aragonés marchou da reunión tras a súa intervención. 

Nela o catalán asegurou que a amnistía ao procés é "un punto de partida imprescindible" dun camiño que ao seu ver ten que rematar cun referendum de independencia pactado.

Tras Aragonés interveu no Senado Rueda, poñendo así fin a reiteradas ausencias deste foro do presidente da Xunta, xa que Feijóo non acudiu a ningunha das citas convocadas desde que Sánchez é presidente do Goberno de España, enviando a outros representantes como o propio Rueda cando era vicepresidente.

Rueda no Senado este xoves © Senado

Rueda rexeita que unha posible condonación da débeda de Catalunya sexa asumida polo resto de comunidades autónomas

Na súa intervención, realizada a metade en galego e a metade en castelán [aquí o texto en PDF], o presidente puxo o foco en posibles prexuízos para Galicia no caso de que a negociación para a conformación do Goberno de España supoña a condonación da débeda catalá. "Agora preténdese que os galegos e o resto de comunidades autónomas asuman, vía mutualización, non outra cousa é condonar débedas, o que se debe noutros lugares onde consideraron que se podía gastar sen ningún problema porque xa se pagaría outra vez entre todos", dixo. 

O presidente da Xunta reclamou que o Goberno de España reúna a todas as comunidades para negociar un novo modelo de financiamento global e non o faga de xeito bilateral. 

Porén, malia falar xusto a continuación de Aragonès e da súa defensa da amnistía, nada dixo Rueda ao respecto. Non mencionou a palabra e na súa intervención a única referencia velada que fixo foi cando considerou "escandaloso a manga ancha, esa vontade decidida de retorcer a Constitución para xustificar o que faga falta, certas cousas que todos sabemos que non caben na Constitución estanse facendo enormes esforzos, o que faga falta, para dicir que si". Unha situación que contrapuxo coa ao seu ver "férrea, implacable ortodoxia coa que se analiza con lupa o que sae do Parlamento" de Galicia.

A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, no Senado este xoves © Senado

Fronte ao discurso de Rueda, a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, criticou que este xoves, na sesión convocada a instancias do PP e na que non houbo presidentes autonómicos do PSOE, non houbese tampouco ningún membro do Goberno de España "expoñendo ao Senado as razóns da maior traizón que cabe facerlle a un país, Pedro Sánchez prometeu que non habería amnistía antes das eleccións e promete hoxe amnistía para gañar sete votos pero non dá a cara".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.