A ría volve ser só "de Ribadeo" por irregularidades no ditame que a nomeou tamén como "del Eo"

Vista da ría de Ribadeo, nunha imaxe divulgada pola Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

A finais do pasado outubro de 2021, o Instituto Geográfico Nacional (IGN) aprobou converter en cooficial a denominación "ría del Eo" para a ría de Ribadeo. Fíxoo logo dunha iniciativa do PP en Asturias asumida polo Executivo desa autonomía que logrou que o IGN acordase a inclusión de ambos topónimos nas bases de datos xeográficas e a recomendación de que os rótulos indicativos incluísen tamen os dous nomes. 

O Ministerio estima parcialmente o recurso de varias administracións, anula a resolución previa e impón a denominación 'ría de Ribadeo'

Xa que logo, a ría de Ribadeo pasaba a chamarse oficialmente tamén ría del Eo malia os informes en contra e o rexeitamento de Xunta, Deputación de Lugo, Concello de Ribadeo, a Subdelegación do propio Goberno de España e mais a Real Academia Galega e o Consello da Cultura (CCG).  

Deputación, Concello e Xunta, ademais da Plataforma pola Defensa de Ribadeo e a Plataforma de Marinos de Ribadeo, presentaron recurso á resolución ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que o estimou parcialmente, inadmitindo por agora a cooficialidade de ambos topónimos, impoñendo a denominación ría de Ribadeo sobra a que propuxera o Principado de Asturias e fora avalada polo IGN. 

Ponte dos Santos, sobre a ría de Ribadeo CC-BY Xornal Certo

Neste venres comunicou a Deputación de Lugo a resolución da Subsecretaría de Transportes na que se avalan as alegacións presentadas, se anula a resolución do IGN e ordena "retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe" á comisión especializada de nomes xeográficos, que agora terá que emitir un ditame con "motivación suficiente". 

Foron os argumentos expostos pola Deputación no seu recurso de alzada a clave na resolución que anula a anterior proposta do IGN, un ditame co que se esgota a vía administrativa pero ante o que cabe recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.  

"Fronte á exhaustiva motivación formulada desde esta institución, avalada por un informe de técnicos" da Universidade de Santiago de Compostela, o Ministerio considera que a resolución do IGN "non estaba motivada en tanto que se baseou nun informe da comisión especializada en nomes xeográficos", explica a institución provincial. 

Transportes advirte da falta de motivación do informe no que o IGN baseou a súa resolución e a imposibilidade de coñecer os argumentos e razóns desta

No seu recurso, a Deputación advertiu que o devandito informe esgrimido polo IGN "non garda as formalidades dun informe, limitándose a reflectir o resultado inmotivado nun proceso de votación que non contén tampouco as formalidades dunha acta, nin data nin sinaturas". 

Na súa resolución, a Subsecretaría de Transportes dá a razón á Deputación e aclara que a resolución do IGN foi baseada nun informe que "carecía de motivación". "Esa falta de motivación fixo que a resolución se vise privada dun dos elementos de xuízo de relevancia para a adopción desta", un "vicio procedimental" que supón unha "irregularidade do procedemento por ter imposibilitado coñecer as razóns e argumentos que levaron o órgano informante a emitir o seu xuízo"

Xa que logo, a Subsecretaría decide anular a resolución que declaraba cooficial a denominación ría del Eo por "carecer dun requisito indispensable para alcanzar o seu fin". 

Ría de Ribadeo © Turgalicia

"Sen motivación e con moita opacidade"

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, amosou a súa satisfacción polo ditame e advertiu que desde o Concello xa tiñan "observado e advertido de irregularidades na tramitación do procedemento, un procedemento administrativo moi mal tramitado ao tomarse decisións sen motivación e con moita opacidade". "Iso non é outra cousa que unha arbitrariedade, feito polo cal recorremos tanto a forma como o fondo do asunto", lembra. 

Para o rexedor ribadense, hai "unha chea de argumentos históricos, científicos, académicos, de razón e de Dereito para que o nome da ría é o que é e o que foi. "A ría é de todos e todas, une e non separa, pero leva o nome do resto das rías galegas e do Cantábrico en xeral: o da poboación mais importante ao longo da historia”, explicou. 

Xa no informe remitido ao procedemento a instancias da Xunta, o Consello da Cultura Galega subliñaba que a documentación e cartografía histórica avalan a denominación "ría de Ribadeo" e resaltaba que este tipo de topónimos das rías se forman co nome da localidade máis importante das súas ribeiras e non coa denominación dalgún curso fluvial tanto en Galicia como en Portugal (caso da ría de Aveiro) e en todas as rías asturianas e cántabras.

Hai tres meses, e nas alegacións nas que solicitaba que se ratificase a resolución recorrida -e agora anulada-, a Dirección Xeral de Política Lingüística do Principado de Asturias argumentaba que ninguén en Asturias utiliza a denominación ría de Ribadeo e que se usa sempre na documentación legal, administrativa e nas relacións do día a día a denominación ría del Eo. "O recoñecemento da súa oficialidade limítase a dar carta de natureza a un feito que xa existe", alegou. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.