A Rianxeira é, posiblemente, unha das cancións galegas máis coñecidas e cantadas, mesmo por persoas de fóra. Convertida en todo un símbolo popular do país e versionada por múltiples artistas (dende Ana Kiro a Uxía, pasando por Astarot), é habitual escoitala en festas e celebracións, partidos de fútbol (especialmente os do Celta) e mesmo como cantiga de berce. Nos últimos días foi moi comentado o protagonismo que o tema tivo no Congreso Extraordinario do PP, celebrado en Sevilla, no que Alberto Núñez Feijóo foi elixido como novo líder.
No Congreso Extraordinario do PP en varias ocasións a delegación do PPdeG cantou "A Rianxeira" a xeito de homenaxe a Núñez Feijóo
En varias ocasións a delegación do PPdeG comezou a cantar "A Rianxeira" a xeito de homenaxe ao político galego e a canción -timidamente cantaruxada polos delegados de fóra de Galicia- mesmo serviu como prólogo ao primeiro discurso de Núñez Feijóo como presidente do PP.
Malia a súa fasquía popular e tradicional, a canción que hoxe coñecemos como "A Rianxeira" ten unha orixe relativamente recente e foi composta hai pouco máis de 70 anos. Ademais, o tema -inicialmente titulado "Ondiñas da nosa ría"- foi creado expresamente como homenaxe e recibimento a Castelao no seu exilio arxentino.
A peza, inicialmente titulada "Ondiñas da nosa ría", foi creada en 1947 como homenaxe e recibimento a Castelao no seu exilio arxentino
Como se destaca no Cancioneiro escolar urxente de Rianxo elaborado polo CEP Brea Segade de Taragoña e impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello, "Ondiñas da Nosa Ría" foi composta en 1947 por Anxo Romero Loxo e Xesús Frieiro Dourado (responsable da letra) para homenaxear a Castelao na súa chegada a Arxentina, procedente de París, nunha das súas últimas grandes viaxes antes do seu pasamento, en xaneiro de 1950. A canción foi gravada por primeira vez en 1948 nos estudios Par-Buz da capital arxentina polo Coro Castelao da Sociedade de Parroquias Unidas do Axuntamento de Rianxo e o Conjunto Español de Laúdes.
Trátase dun valse que toma como modelo a canción castelá "Puente de la segoviana" e cunha letra inspirada en cantos tradicionais de acompañamento ás procesións da Virxe de Guadalupe
O rianxeiro Anxo Romero era un comerciante afincado en Bos Aires e comprometido co galeguismo que no seu tempo de lecer se dedicaba á composición. A canción, que consta de tres partes: introdución, copla e retrouso, é un valse, inspirado na canción castelá "Puente de la segoviana". Para a letra Xesús Frieiro escribe unhas coplas inspiradas en cantos tradicionais de acompañamento ás procesións de adoración á Virxe de Guadalupe (patroa de Rianxo) do século XIX. A mención á virxe, con todo, non tiña tanto cunha vocación relixiosa, senón que funcionaba como un símbolo da muller rianxeira.
A letra orixinal non tiña unha vocación relixiosa, senón que as mencións á virxe funcionaban como símbolo da muller rianxeira
Esta letra orixinal dicía así: "Moito me gustas rianxeira que estás aquí na Arxentina, verche cantar e bailar como alá na terra miña/ Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van, non te embarques rianxeira que te vas a marear/ Que guapa estabas rapaza cando che vin na ribeira; tiñas a cara morena como a virxe rianxeira/ Ondiñas veñen.../ A virxe de Guadalupe vai no iate de Baltar; lévana os rianxeiros a remolque polo mar/ Ondiñas veñen..."
En 1952 gravouse unha nova versión (sen coñecemento dos autores orixinais) que mudou notablemente a letra, "que tomou un carácter de loa á Virxe de Guadalupe moi afastado da idea orixinaria"
Porén, explica o Cancioneiro escolar urxente, en 1952 gravouse unha nova versión, esta vez a cargo do Coro Rosalía de Castro, sen a autorización nin o coñecemento dos autores orixinais. "Na versión do coro santiagués, o seu director, Bernardo del Río, compuxo unha nova introdución, modificou algo as notas do resto do tema e, sobre todo, cambiou o texto das coplas", detállase nesta publicación, que engade que "a peza tomou un carácter de loa á Virxe de Guadalupe moi afastado da idea orixinaria".
Hai uns meses o primeiro volume do Cancioneiro escolar urxente rescatou a versión orixinal de "Ondiñas da Nosa Ría" tal e como foi concibida orixinalmente por Anxo Romero e Xosé Frieiro.