O Goberno galego despraza o trazado ao aparcamento do hospital afastándoo do río e do bosque, e asume outras correccións no parque Eugenio Granell e na contorna da intermodal
"Desde o inicio das obras producíronse diversas protestas e reclamacións polo trazado". Así xustifica a Xunta, admitindo que a presión social dá froitos, a súa rectificación feita oficial este xoves da "estrada para ciclistas", como a denominou ela mesma, que atravesará Santiago conectando Milladoiro con San Caetano pola beira do río Sar. Será unha rectificación parcial, fundamentalmente na contorna do bosque do Banquete de Conxo, onde o Goberno galego admite agora que había "unha mellor opción" considerando "múltiples aspectos como son o cultural, ambiental, funcional, etc".
Carril bici entre Conxo e a Intermodal
-
Tras pasar o ramal cara ao CHUS o carril bici empregará parte da traza da antiga vía do tren, incluído un túnel -
Na zona de Conxo xa hai hoxe sendas paralelas ao río, nalgún punto moi estreitas. Aquí as obras non comezaron, pendentes de que a Xunta concrete o proxecto definitivo. -
Panfletos de protesta contra o carril bici en Conxo -
Pancarta de protesta contra o carril bici en Conxo -
Ampla senda hoxe existente a carón do Sar atravesando o Bosque do Banquete de Conxo -
Bosque do Banquete de Conxo -
Obras ambientais no Bosque do Banquete de Conxo -
Unha das varias sendas compartidas por peóns e ciclistas xa existentes tras pasar o Bosque do Banquete de Conxo en dirección ao parque Eugenio Granell -
Pista que está a ser ampliada para o carril bici en dirección ao parque Eugenio Granell -
Obras do carril bici por metade da zona verde do parque Eugenio Granell, a medio camiño entre dúas sendas ou beirarrúas xa existentes -
Valados da obra que atravesa o parque Eugenio Granell abertos pola cidadanía para poder seguir cruzando polas sendas peonís preexistentes e non ter que dar importantes rodeos -
Nas proximidades da estación intermodal a nova infraestructura enlazará co carril bici xa existente de 750 metros ao longo da rúa Clara Campoamor -
A falta de mantemento no carril bici xa existente na rúa Clara Campoamor fai que nalgúns puntos a vexetación moleste aos ciclistas -
Treito entre Milladoiro e a Intermodal
O carril bici con senda peonil paralela, de cinco ou seis metros de ancho ao longo duns 10 quilómetros por 12 millóns de euros, está xa en obras en case todo o seu trazado agás na zona do Banquete de Conxo. Alí as protestas sociais e do Concello de Santiago levaron a estudar "un trazado alternativo ao contemplado no proxecto construtivo que reduza a afección a esta área", alternativa que este xoves comezou a súa exposición pública.
Se a idea inicial da Xunta era que, tras afastarse do antigo trazado do tren e xirar cara ao norte o carril bici atravesase o bosque do Banquete de Conxo a carón do río Sar, agora nesa zona despraza lixeiramente o trazado ao leste, facéndoo pasar pola zona máis transformada do aparcamento do hospital de Conxo. Alí a Xunta salienta que reordenará as prazas pero que non rebaixará o seu número. A propia Xunta admite que esta solución "supón unha menor afección á contorna de Conxo e en conxunto é unha mellor opción que a incluída no proxecto construtivo, polo que se propón como novo trazado".

Se o anterior trazado xa tiña pendentes de ata o 7,6%, o novo chegará a un pico de ata o 10,6%
Con este desprazamento "a senda afástase da canle do río Sar, deixando de afectar á zona de fluxo preferente" e "evita o paso polo Bosque do Banquete de Conxo". Se antes había 530 metros do trazado dentro do ámbito do Plan Especial de Protección do mosteiro de Conxo, agora non se entrará para nada nesa contorna. A cambio, se o anterior trazado xa tiña pendentes de ata o 7,6%, o novo chegará a un pico de ata o 10,6%.
O estudo de alternativas da Xunta tamén valorou unha terceira posibilidade que levaría o trazado máis ao norte, por diante do propio mosteiro e igrexa de Conxo, pero descártao porque as pendentes serían superiores e porque ao xuízo dos técnicos a coincidencia de parte do trazado co Camiño de Santiago que entra a Compostela desde o sur provocaría confusión dos usuarios de ambos itinerarios.

No parque Eugenio Granell, onde a obra atravesa zonas verdes en lugar de aproveitar outras sendas preexistentes, demoleranse estas para evitar "duplicidade de percorridos"
Ademais destas mudanzas en Conxo, a senda tamén será rectificada ao seu paso polo parque Eugenio Granell, onde atravesa zonas verdes en lugar de aproveitar beirarrúas ou sendas xa existentes. A opción da Xunta é manter o trazado do seu carril bici e demoler a cambio sendas preexistentes para evitar "duplicidade de percorridos, aumentando a zona verde".
Algo similar farase tamén na contorna da estación intermodal, onde o trazado da Xunta afectaría a hortas urbanas alí existentes e duplicaría sendas peonís previas.
Mentres, a obra continúa sen mudanzas máis ao norte, ao paso polas brañas do Sar, que atravesa cunha anchura duns seis metros sen aproveitar sendas xa existentes.
Carril bici entre a Intermodal e San Caetano
-
Obras en marcha nas brañas do Sar -
Nas brañas do Sar xa hai varias sendas compartidas entre peóns e ciclistas -
Obras nas brañas do Sar -
Obras nas brañas do Sar, ao outro lado do multiusos -
A infraestrutura de nova construción remata nas instalacións deportivas do Sar, e desde alí un ramal sobe a San Caetano pola Avenida de Lugo e outro por Fontiñas -
Nos arredores de Área Central aprovéitanse os carrís bici xa existentes desde hai anos -
Nos arredores de Área Central aprovéitanse os carrís bici xa existentes desde hai anos -
O carril bici remata en San Caetano, tras cruzar o recentemente reformado cruce de Concheiros -
Treito entre a Intermodal e San Caetano, con dúas variantes, unha pola Avenida de Lugo e outra por Fontiñas