A Xunta ten xa en obras unha vía de 10 quilómetros que nalgúns treitos terá 6 metros de ancho, unha actuación criticada polo seu impacto nas beiras do Sar, especialmente no coñecido como Bosque do Banquete de Conxo
Unha "estrada para peóns e para ciclistas, de novo trazado, con 5 metros de ancho". Así presenta a propia Xunta a obra que xa está a executar por treitos en Santiago para unir cun carril bici e senda peonil a zona residencial do Milladoiro, en Ames, co complexo de San Caetano, no outro extremo da cidade, pasando pola estación intermodal e cun ramal ao complexo hospitalario.
En total, uns 10 quilómetros de infraestrutura cun custo duns 12 millóns de euros financiados en parte con fondos europeos de recuperación. Unha obra que xa está a atravesar as brañas do Sar e parte do bosque de ribeira que acompaña ao río e que ameaza con facelo tamén no coñecido como bosque do Banquete de Conxo, unha zona especialmente ben conservada. Para o Goberno galego a súa actuación é un "eixo de mobilidade sustentable", pero para veciños, ecoloxistas e outros colectivos, mesmo defensores da bicicleta, é un exceso cun considerable impacto ambiental. Unha actuación que xa foi denunciada por Ecoloxistas en Acción ante a Fiscalía europea por posible malversación de fondos públicos comunitarios.
O proxecto está dividido en tres treitos, entre Milladorio e a Intermodal, entre a Intermodal e San Caetano, e un ramal desde o primeiro treito para conectar co complexo hospitalario do CHUS. As obras xa están en marcha nos tres treitos [aquí poden consultarse os proxectos], pero no primeiro aínda non comezaron na contorna do Bosque do Banquete de Conxo, onde máis rexeitamento social se está a rexistrar.
Un percorrido completo pola traza da obra permite facerse unha idea da envergadura da actuación. No límite entre Santiago e o veciño concello de Ames os desmontes xa están moi avanzados. En Milladoiro, onde a Xunta recorreu ante a xustiza a humanización da moi transitada travesía da localidade, a obra do seu carril bici avanza polo monte primeiro entre a N-550 e a AP-9 para seguir despois a carón da vía do tren, aproveitando o seu antigo trazado e mesmo un dos seus túneles xa sen uso ferroviario. Desde alí parte en dirección norte o ramal de acceso ao CHUS, que realmente non chega ao CHUS senón que remata moito antes, no comezo do barrio de Santa Marta, sen dar unha solución ao cruce das moi transitadas rúas da Volta do Castro e da Choupana, principal acceso á cidade polo suroeste.
A Xunta prevé 15 tipos de deseño distinto da vía, con diversos deseños en treitos alternos e mesmo compartindo espazo cos vehículos de motor
Nese ramal ao CHUS, cunha considerable pendente nas proximidades da vía do tren, na pista que baixa cara ao Sar e a Rúa de Torrente , que só será practicable en sentido Milladoiro por quen teña certo adestramento en bicicleta, os desmontes para a senda rodean a casa de José, xubilado de Castrosúa con máis de 80 anos ao que lle veñen de poñer un marcapasos hai dúas semanas. Aínda non sabe se o van expropiar nin canto, pero dáo por feito porque a traza da obra apunta directamente á casa que lle levou anos facer. "Iso non é necesario, non fai falta todo iso para as bicicletas", di. E iso que nese treito os planos amosan que non haberá un carril bici separado da pista asfaltada actual senón que esta deberá ser compartida polos dous tipos de vehículos e a ampliación só se está a facer para a senda peonil.
En toda a infraestrutura a Xunta prevé ata 15 tipos de sección transversal distinta, sen unha continuidade completa nin para ciclistas nin para peóns senón con diversos deseños en treitos alternos e mesmo compartindo espazo cos vehículos de motor.
"Carril bici si, pero non así", lese en Conxo, unha zona de bosque especialmente ben preservado aberto ao público hai uns anos en parte grazas ás iniciativas do editor Enrique Alvarellos, que non comparte a agresividade da actuación
Continuando o percorrido, ao paso por Conxo é xa moi evidente a contestación social. "Carril bici si, pero non así. Nin polo bosque do banquete, nin polas brañas do Sar", advirte unha pancarta, e en varios lugares poden verse pegados panfletos contrarios ao proxecto que advirten de que "a mobilidade sustentable non destrúe espazos naturais".
Nesta zona máis crítica, na que as obras aínda non comezaron porque a Xunta aínda non ten clara a súa aposta definitiva, xa hai unha senda creada de xeito espontáneo pola cidadanía a carón do río Sar. Nalgúns treito é moi estreita e só cabe unha persoa, pero a cousa amplíase ao seu paso pola zona coñecida como o Bosque do Banquete de Conxo, o lugar do histórico irmandamento galeguista de estudantes, obreiros e artesáns do 2 de marzo de 1856. Unha contorna recuperada para a cidadanía nos últimos ano grazas en parte ao traballo de posta en valor cultural do editor Henrique Alvarellos. O que antes era un espazo pechado á cidadanía foi acondicionado con actuacións brandas, retirando especies invasoras e plantando autóctonas, e habilitándose sendas de terra.
Alí aínda se pode ver un cartel de obras do Goberno de España de preto dun millón de euros para a "restauración do ecosistema fluvial e creación dun bosque de saúde no río Sar ao seu paso polo Banquete de Conxo". Aínda que neste lugar a infraestrutura da Xunta sería máis branda, con chan de terra, á espera da reformulación que acabe aprobando suporía unha intervención de relevancia en comparación coa situación actual.
"Este tipo de actuacións deben ser actuacións brandas sobre as superficies verdes, e esta é unha actuación agresiva", lamenta Alvarellos. "A idea de unir por bici Milladoiro e Santiago é estupenda, a cousa é a costa de que", di o editor e escritor. "Que sentido ten metela no bosque de Conxo, que se conservou como nun cofre botánico durante 150 anos", engade, salientando que "por alí xa pasan bicicletas sen problemas".
Alvarellos salienta como "Santiago é un exemplo de carreiros creados polos usuarios en zonas moi pouco intervidas". "Nun espazo natural o mellor é tocar o mínimo", di, pero a actuación que a Xunta xa ten en marcha "é o contrario da idea de renaturalización de espazos pola que aposta a Unión Europea".
Nese bosque do Banquete de Conxo, nun dos merendeiros, están dous mozos, probablemente menores de idade, liando uns cigarros. Un vive no Milladoiro, e sinala o seu patinete eléctrico ao tempo que admite que a el si que lle virá ben a nova infraestrutura. Xa adoita desprazarse entre Milladoiro e Santiago no patinete, por estradas ou camiños con pouco tráfico. Pero tanto el como o seu amigo admiten que a obra tería demasiado impacto no bosque do Banquete.
O mesmo opina uns metros máis adiante unha parella de mediana idade. Ela adoita ir camiñando da súa vivenda no Restollal á zona do CHUS e admite que a nova obra mellorará as condicións dalgúns dos camiños polos que pasa. Pero os dous coinciden en que no bosque de Conxo non é necesaria. "Xa se pode camiñar e circular en bici perfectamente", din, ao tempo que se sorprenden dos 12 millóns de euros que a Xunta estima para toda a infraestrutura.
O percorrido segue a continuación de Conxo paralelo ao río Sar, pasando baixo as vías do tren, onde aproveitará un túnel xa existente. Ao outro lado, coas obras xa en marcha, aproveitará unha pista asfaltada pola marxe dereita do río, mentres na marxe esquerda pode verse un sinal que informa da existencia xa dun percorrido compartido de ciclistas e peóns.
A infraestrutura atravesa despois o parque de Eugenio Granell, pero non ampliando as beirarrúas ou sendas peonís xa existentes senón cunha nova traza entre elas, por metade da zona verde. Os traballos en marcha están pechados cun valado metálico, pero como interrompen a mobilidade peonil transversal que xa existía na zona ese valado está aberto pola cidadanía en varios puntos e a xente segue atravesando de xeito sustentable a futura vía sustentable agora en obras.
Superado o parque Eugenio Granell a infraestrutura enlazará co carril bici xa existente ao longo da rúa Clara Campoamor, a carón da estación intermodal. Un carril bici no que a falta de mantemento fai que nalgúns puntos os ciclistas teñan que esquivar árbores ou arbustos que invaden a súa calzada.
En boa parte do percorrido "xa se pode camiñar e circular en bici", salientan usuarios habituais, e mesmo hai sucesivos carteis que así o sinalan
Rematado ese carril bici xa existente, de apenas 750 metros de lonxitude, a nova obra da Xunta continúa polas coñecidas como brañas do Sar. Toda esa zona xa conta con sendeiros hoxe xa compartidos por peóns e ciclistas, pero a infraestrutura da Xunta está a abrir unha nova traza que neste punto terá a maior anchura prevista. Os planos debuxan un carril bici de formigón 3 metros de ancho, unha senda peonil de 2,5 metros, e un espazo intermedio de anchura variable que será axardinado. Pero para facer iso as obras actuais xa removeron terras nunha anchura duns 10 metros.
Nesta zona o percorrido divídese en dous ramais, un que sube directamente pola Avenida de Lugo e outro que avanza un pouco máis polas brañas do Sar ata o complexo deportivo alí existente e que se adentra no barrio das Fontiñas cara a Área Central. Nesa zona aproveita en parte os carrís bici xa existentes nesas beirrarúas desde hai anos, para acabar uníndose novamente ao primeiro ramal da Avenida de Lugo á altura dos xulgados. Desde alí a traza continuará atravesando a polémica praza creada no cruce entre a Avenida de Lugo e a rúa dos Concheiros, por onde pasa o Camiño Francés, que deberá ser remodelada de novo para habilitar un paso hoxe non previsto para os ciclistas.
A infraestrutura rematará, 12 millóns de euros despois, en San Caetano, na sede central da Xunta. A unha cota uns 100 metros máis alta que a máis baixa de todo o percorrido. Non é moito desnivel ao longo de 10 quilómetros, pero si o haberá en treitos puntuais. O percorrido en bicicleta entre O Milladoiro e o norte de Santiago será máis seguro e cómodo, aínda que de xeito moi descontinuo. Sostible? Depende de quen e como valore a sostibilidade.