Un brinde polo Banquete de Conxo! Estudantes e artesáns regresan á carballeira nun anticipo das Festas da Ascensión

Recreación do Banquete de Conxo en 2019 © Concello de Santiago

Será, así mesmo, un anticipo das Festas da Ascensión, que comezan o martes e, ademais, a celebración non escapará este ano do contexto electoral, na primeira fin de semana da campaña, a só 14 días dos comicios do 28M

Esta fin de semana Compostela acolle unha nova edición da Festa do Banquete de Conxo, unha conmemoración recuperada no ano 2018 para lembrar o encontro de 1856 entre estudantes e artesáns, unha confraternización dun gran simbolismo político e que deixou ademais unha importante pegada literaria. Nos últimos anos -agás a obrigada suspensión pola pandemia de COVID- a Carballeira de Conxo convértese na primavera no escenario dunha variada programación festiva que, ademais, se estende por outros lugares da cidade.

Nesta ocasión a festa comezou xa este venres, aínda que o Día Grande chegará o domingo, comezando co habitual desfile teatral que partirá da Praza do Toural. Será, así mesmo, un anticipo das Festas da Ascensión, que comezan o martes e, ademais, a celebración non escapará este ano do contexto electoral, na primeira fin de semana da campaña, a só 14 días dos comicios do 28M. Pola Carballeira de Conxo pasarán varios dos candidatos e candidatas á Alcaldía da cidade.

Tren do Banquete de Conxo © Concello de Santiago

O Día Grande

O día grande da festa, o domingo 14 de maio, arrancará ás 11 da mañá co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns

O día grande da festa, o domingo 14 de maio, arrancará ás 11 da mañá co desfile "Alá van estudantes e artesáns" que partirá da praza do Toural e percorrerá as rúas de Compostela baixo a coordinación artística dos Quinquilláns, ata chegar á praza de Conxo, onde Xosé Lois Mouriño Couto e Lucía Perez Lemos se encargarán da lectura do pregón. A continuación a comitiva dirixirase á Carballeira de Conxo, onde terá lugar unha representación teatral do Banquete de Conxo para dar paso ao tradicional xantar e romaría popular cos brindes de veciños e veciñas.

Pola tarde celebrarase "O serán da Fraternidade", unha foliada que estará amenizada pola música e bailes tradicionais de Os Fondaos do Pífaro, Grupo da A.C. Devagariño, Asociación de mulleres Recandea e Muiñeiros de Sarela, seguido polo pregón de despedida da Festa.

O sábado e domingo, as persoas que se acheguen a Conxo poderán facelo de balde no tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete

O público asistente pode participar vestido de época. A organización conta neste punto co asesoramento e apoio da Asociación do Traxe Galego e tamén organiza obradoiros de deseño e vestiario para confección vestimentas propias do século XIX (estudante, artesán/á, obreiro/-a, fidalgo/a, crego...).

 

Tren do Banquete de Conxo

O sábado e domingo, as persoas que se acheguen a Conxo poderán facelo de balde no tren turístico, decorado para o ocasión con motivos da Festa do Banquete. Os traxectos, de ida e volta, terán como punto de partida a Alameda (parada Aurelio Aguirre) e chegarán á praza de Martín Herrera (parada Rosalía de Castro) no barrio de Conxo, con prioridade de acceso para as familias con crianzas, as persoas con mobilidade reducida e persoas vestidas de época.

Cartel da edición 2023 da Festa do Banquete de Conxo © Concello de Santiago

Un amplo abano de actividades

As actividades comezaron xa este venres pola mañá coa representación teatral de "O Pequeno Banquete" a cargo dos Quinquilláns e o alumnado do centro CEIP Quiroga Palacios. Despois da peza tivo lugar na Carballeira o concerto e gravación dun videoclip de Fillas de Cassandra

As actividades comezaron xa este venres pola mañá coa representación teatral de "O Pequeno Banquete" a cargo dos Quinquilláns e o alumnado do centro CEIP Quiroga Palacios. Despois da peza, á que acudiu un gran número alumnos e alumnas de varios centros de ensino, tivo lugar na Carballeira o concerto e gravación dun videoclip de Fillas de Cassandra.

Así mesmo, celébrase o II Certame de Brindes "Banquete de Conxo", dirixido ao alumnado de Primaria, Secundaria e Bacharelato da cidade e organizado polo Departamento de Educación do Concello de Santiago. Ao igual que na edición anterior, os gañadores e gañadoras do certame serán convidadas a participar nos brindes do domingo 14 na Carballeira de Conxo.

Este ano, tamén a Escola Municipal de Música se une á Festa do Banquete celebrando a súa II Andaina musical na mañá do sábado. E Quique Alvarellos guia o roteiro "Voces do Bosque" sobre a historia dos autores e autoras que escribiron sobre o Bosque de Conxo

Este ano, tamén a Escola Municipal de Música se une á Festa do Banquete celebrando a súa II Andaina musical na mañá do sábado. Esta iniciativa propón á cidadanía unha ruta de 3,4 km que conxuga actuacións musicais e o contacto co medio ambiente e o patrimonio natural. Ademais, para afondar no coñecemento da contorna onde se desenvolveu o Banquete, o sábado ás 10 e ás 11 celébrase a actividade inmersiva "Baños do Bosque". Ás 12 horas, Quique Alvarellos guia o roteiro "Voces do Bosque" sobre a historia dos autores e autoras que escribiron sobre o Bosque de Conxo.

O programa completarase coa "A Festa da Poesía", que será conducido por Helena Salgueiro e contará coa participación musical de Amorodo, O Rabelo e Paulinha e das poetas Belén Senín, Sara Vilar e Noelia Gómez, e que terá lugar na Praza Aurelio Aguirre o sábado ás 21 horas.

Finalmente, o sábado e o domingo a praza Aurelio Aguirre acolle un mercado do libro e mostra de oficios. Baixo a organización do Departamento de Comercio do Concello de Santiago, este espazo abrangue 17 expositores dos sectores do libro e da artesanía así como mostras de xogos populares, presentacións de libros, recitais poéticos e actuacións musicais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.