"Que escándalo!". No ano 2019, o que semellaba ser un crego chamaba así, retranqueiramente, a participar na que ía ser a segunda edición da Festa do Banquete, a actividade cultural e de lecer promovida polo Concello de Santiago dende un ano antes para lembrar, en clave festiva o histórico banquete de Conxo de 1856. Foi daquela cando no que era un concelleiro lindeiro con Santiago os estudantes de boa familia compartiron mesa e xantar cos obreiros.
O groso dos actos da Festa do Banquete previstos para este 22 de maio trasládanse ao domingo 29 por mor da chuvia prevista
Os brindes de Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal deran carga literaria e política a un evento que fora visto con desacougo polas autoridades civís e relixiosas nunha época na que aínda ecoaba a falida revolución da década anterior. Todo isto é o que se lembra na Festa do Banquete, programada neste 2022 para entre o 20 e o 22 de maio xa sen o corsé das restricións da COVID. Finalmente, non obstante, o groso dos actos do domingo 22 son trasladados para unha semana máis tarde, o día 29, co obxectivo de esquivar as chuvias previstas para ese día.
A Festa do Banquete, daquela, espállase en dúas fins de semana que comezan, isto si segundo o previsto, este venres día 20 cunha representación para escolares na propia carballeira de Conxo. Xa pola tarde, no bosque do banquete, unha xincana familiar convida a "coñecer máis" o espazo e a súa historia. Un obradoiro de baile tradicional e un certame de cantos de taberna completan o plan do venres.
Para o día 29 quedan actos coma o pasarrúas teatral ou o xantar e romaría popular, mentres que o mercado do libro e da artesanía continúa previsto para o domingo 22
O sábado, día 21, o inicio das actividades da Festa do Banquete está previsto para as dez da mañá cun "baño de bosque" no histórico espazo, polo que Henrique Alvarellos guiará un paseo en clave histórica dende as 12. Unha mesa redonda, un concerto da coral do hospital psiquiátrico de Conxo e a Festa da Poesía (20h30), conducida por Marga Tojo, son os outros actos previstos para este día.
O día grande do banquete ía ser o domingo 22, pero finalmente será o domingo 29. Para esa xornada queda sinalado o desfile teatral de estudantes e artesáns dende a praza do Toural ata Conxo (11h). Ás 12h45 será a hora do pregón na Praza de Conxo a cargo de María Dolores Domínguez e Iria Portos, veciñas do Castiñeiriño e de Laraño.
O desfile teatral continúa ata a carballeira de Conxo ás 13h e media hora despois será a quenda para o concerto da Banda Municipal. Ás 14h15 está previsto o inicio da recreación teatral do banquete, que virará en xantar e romaría popular, con brindes da veciñanza, contra as 15h. Xa pola tarde, o Serán da fraternidade xuntará a música tradiciónal d'Os Fondaos do Pífaro e dos Muiñeiros do Sarela.
Todos estes actos lúdicos pasan ao domingo, 29, pero parte da axenda continúa no día 22. Así, o Mercado do libro e da artesanía na Praza de Aurelio Aguirre celebrarase segundo o previsto de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h. Continúan fixadas para o día 22 todas as presentacións e tamén se mantén a chocolatada das 20h e mais o concerto d'Os de Abaixo, ás 20h30. Toda a programación e os posibles cambios pódense consultar no web do Concello de Santiago.