A Consellería de Infraestruturas critica ao Estado que impulse unha reforma que desviará tráfico da zona urbana a estradas da súa titularidade sen ser consultada
Pola travesía do Milladoiro, o acceso da N-550 a Santiago, pasan cada día 30.000 vehículos. É e unha zona moi densamente poboada do concello de Ames, pero na práctica é un barrio máis de Compostela. O Ministerio de Transportes ten en marcha un proxecto para humanizar esa estrada xa convertida en rúa e "calmar" o tráfico, reducindo os seus actuais dous carrís por sentido a un. Pero este martes a Consellería de Infraestruturas anunciou que recorre ante a xustiza o proxecto por non ser consultada antes.
O proxecto para O Millaodiro, duns 5 millóns de euros, quere reducir a velocidade de circulación pola travesía, ampliar os espazos peonís e implantar un carril bici. Porén, a Xunta cre que tanto durante as obras como cando xa estea rematado vai desviar tráfico da N-550 a outras estradas de titularidade autonómica que circunvalan o núcleo urbano.
Segundo a Xunta, que este martes mantivo unha reunión cunha asociación de veciños do rural de Santiago que se vería afectada polo desvío do tráfico, a actuación do ministerio desviará tráfico "da N-550 á autovía Santiago-Brión e á vía Pardiñas-As Galanas, por mor do incremento dos tempos de viaxe como consecuencia da redución de carrís da travesía". Segundo o Goberno galego, "na situación final suporá unha desviación dun 24% do tráfico que actualmente circula pola travesía, é dicir, uns 7.500 vehículos diarios, unha porcentaxe que se podería incrementar ata o 50% durante a execución das obras".
E iso, di a Xunta, significará para a súa estrada Pardiñas-As Galanas, pensada precisamente como circunvalación do Milladoiro, "un empeoramento do nivel de servizo en hora punta, achegándose á conxestión pola imposibilidade de adiantar e o elevado volume de tráfico, especialmente o pesado".
Infraestruturas mesmo cuantifica as "consecuencias económicas" que suporán para a Xunta a actuación polo custo adicional que implicará nas súas estradas, que cifra en 1,6 millóns de euros anuais. E mesmo critica que a humanización do Milladoiro "tamén contribuiría á xeración dun incremento das emisións atmosféricas por mor do aumento no consumo de combustible".