A sanidade privada ofrécese para ter máis peso en Galicia, tamén "en zonas rurais onde non pode chegar o público"

Profesionais sanitarios nun hospital público galego © Xunta

A fundación que aglutina o sector asegura que a crise do coronavirus avala a súa visión dun “sistema de saúde único, sen apelidos” e apunta tamén a un rural que profesionais da medicina e da enfermaría do Sergas percorren a diario para atender doentes a domicilio

O peso da sanidade privada en Galicia acada o 23% das camas, o 25% das cirurxías, o 21% das urxencias e o 20% das altas, pero non é suficiente para o sector que vén ofrecéndose ás administracións públicas para asumir máis actividade. Así o fixo esta semana a Fundación Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade (IDIS), que defende un “sistema de saúde único, sen apelidos” que diferencien o público e o privado, unha visión que, din resulta avalada pola crise do coronavirus.

Nunha presentación para Galicia dun informe sobre a situación da sanidade privada, a Fundación IDIS salientou “a necesaria cooperación do sistema privado a través de distintos modelos como os concertos ou o mutualismo administrativo para reducir as listas de espera, diminuír a presión asistencial, mellorar o acceso á innovación ou ofrecer asistencia sanitaria en zonas rurais onde non pode chegar o sistema sanitario público”. Unha afirmación que o lobby privado lanza malia que profesionais da medicina e da enfermaría do Sergas desprázanse a diario a domicilios rurais de Galicia para atender doentes.

Imaxe do plan de hospitalización a domicilio do Sergas CC-BY-SA Xunta de Galicia

O sector privado lamenta que a colaboración co Sergas redúcese a "concertos para cando fai falla", acordos nos que o Consello de Contas vén rexistrando distintas eivas

O sector privado considera “esencial” o seu papel no sistema sanitario galego, no que ademais da súa propia actividade particular a través da súa clientela directa ou dos seguros recibe a través de concertos públicos máis de 200 millóns de euros ao ano, o 5,3% do gasto público en sanidade. Máis dun terzo desa contía vai só para o hospital vigués Povisa, de referencia para máis de 130.000 persoas desa área metropolitana. Uns concertos que o Consello de Contas, a entidade independente encargada de fiscalizar á Xunta, vén reclamando “regular” xa que entre eles os hai “nos que non se emprega ningunha fórmula contractual” e “non se acreditan as necesidades urxentes que se pretenden atender” con eles.

Sobre os acordos do Sergas coa sanidade privada, segundo recollen varios medios de comunicación, a Fundación IDIS di que esa colaboración redúcese a “concertos para cando fai falla” fronte, ao seu xuízo, “á realidade que quere a sociedade e o que require o sistema sanitario”.

A fundación tamén se pronunciou sobre a actuación da sanidade privada durante a pandemia do coronavirus, e segundo outro informe que tamén esgrimiu a nivel estatal durante a primeira vaga o 42% dos hospitais xerais privados atendeu o 16% dos pacientes diagnosticados ou con sospeita de COVID-19. Segundo di, “a crise sanitaria do coronavirus dotou de todo o valor ao posicionamento polo que vén avogando Fundación IDIS desde os seus inicios, que se resume en ter un sistema de saúde único, sen apelidos e no que se sumen esforzos e estratexias para facer fronte aos retos do sistema sanitario”.

Feijóo e directivos da Fundación IDIS nunha imaxe de arquivo dun encontro que a Xunta ocultou Dominio Público Fundación IDIS

Hai tres anos a Fundación IDIS ofreceuse a rebaixar a esperar cirúrxica en Galicia a cambio de 88 millóns, tras ser Feijóo o seu convidado de honra nun acto que a Xunta ocultou

A Fundación IDIS vén ofrecéndose reiteradamente á sanidade pública para asumir máis peso, como fixo hai tres anos cando propuxo reducir as listas de espera cirúrxicas en Galicia a cambio de 88 millóns de euros. Foi poucos meses despois de que Feijóo participase como convidado de honra e pronunciase un discurso no seu XIII Encontro, un acto que a Xunta ocultou da axenda pública oficial do presidente, incumprindo así a lei de transparencia, malia asistir a el como tal cargo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.