A UE ultima unha reforma electoral que ameaza a presenza de forzas non estatais na Eurocámara

Pleno da Eurocámara en 2018, en Estrasburgo Dominio Público Parlamento Europeo

As formacións nacionalistas e sen implantación en todo o Estado ven ameazada a súa representación no Parlamento Europeo. Será así de saír adiante a proposta que o Consello da UE, integrado polos gobernos dos países membros, fixo este xoves de elevar o limiar de voto preciso nas eleccións europeas para obter representación do 2% ao 5% en cada circunscrición. 

O Consello da UE propón elevar o limiar de voto preciso para obter representación do 2% ao 5% en cada circunscrición

A mudanza está pensada para as circunscricións únicas estatais e con máis de 35 escanos, o que afectaría principalmente a España e Alemaña, e será votada na Eurocámara na sesión plenaria do vindeiro mes de xullo. Precisaría o apoio da maioría absoluta do Parlamento Europeo e, no caso de que así fose e de que este apoio fose amplo, podería mesmo entrar en vigor nos comicios de maio de 2019, aínda que si estaría seguro xa para os de 2024. 

O cambio afectaría de maneira moi directa as formacións nacionalistas como o BNG, que mantén representación desde hai anos na Eurocámara da man de Ana Miranda. O sistema de circunscrición única en España provoca que os partidos soberanistas acudan en coalición ás eleccións. Nas últimas, de 2014, Os Pobos Deciden, formada por EH Bildu, Bloque e outras pequenas formacións canarias e asturianas, apañou máis de 325.000 votos en todo o Estado, a inmensa maioría en Euskadi, Navarra e Galicia. Sumou pouco máis do 2% dos sufraxios no conxunto de España pero superou o limiar e acadou un escano, que compartiron a propia Miranda e Josu Juaristi. 

BNG, Bildu, ERC, Ciudadanos ou EQUO non terían obtido representación en 2014 de terse aplicado este sistema electoral

Co novo sistema, a coalición na que se incluíu o BNG non tería conseguido representación, pero tampouco L'Esquerra pel Dret a Decidir, na que se incluía ERC e acadou o 4% dos votos. Por pouco acadaríaa Coalición per Europa (Convergència, Unió, PNV, Coalición Canaria e CxG) pero tampouco o farían formacións como Ciudadanos ou Primavera Europea (EQUO). Anova, que se integrou na candidatura da Esquerda Plural, acadara un dos seis escanos e sentou a Lídia Senra na Eurocámara. 

A importancia da reforma provocou que xa desde hai semanas representantes dos partidos máis afectados estean mantendo xuntanzas cos diferentes grupos do Eurocámara para evitar a maioría absoluta que activase este novo sistema, tal e como confirman a Praza.gal fontes parlamentarias. Aínda que todo parecía indicar que podía saír adiante, as presións son importantes e a proposta non ten seguro o visto e prace en Bruxelas. Neste posible cambio xoga un importante papel o cambio de goberno en España tras o triunfo da moción de censura impulsada por Pedro Sánchez. 

O apoio das formacións nacionalistas a Pedro Sánchez impulsa o rexeitamento á reforma desde España

Tal e como confirman as mesmas fontes, o apoio de partidos nacionalistas como PNV, PDeCAT ou ERC á moción engade presión ao Executivo socialista para que pida a retirada da proposta, unha opción que se podería ter producido xa, ou impulse o voto negativo dos parlamentarios do PSOE. "Cremos que non vai saír, que se adiará a reforma, pero non poñemos a man no lume", confirman. Parte dos membros do grupo liberal (ALDE) e do conservador (CRE), así como moitos de ALE e de GUE-NGL (Esquerda Unitaria Europea) están en desacordo cun novo modelo que reduciría a pluralidade e facilitaría o control da Eurocámara por parte dos grandes partidos. 

A proposta chega logo de dous anos e medio de negociacións e inclúe tamén medidas para evitar o voto irregular e facilitar a participación, o establecemento de distintos sistemas de voto que inclúan a posibilidade de facelo por internet, a visibilización dos logos das formacións políticas a nivel europeo nas papeletas ou determinar sancións para as persoas que voten en dous países europeos na mesma cita coas urnas.

 "É unha proposta contraria a que Galiza teña presenza, de interese para os grandes grupos, que eliminarían diversidade", di Miranda (BNG)

No Estado español, as eleccións europeas celébranse en sistema de circunscrición única, unha forma que non é así en moitos outros países europeos que dividen o seu territorio en varias, como o Reino Unido ou Francia. Desde a vindeira lexislatura, España contará con 59 escanos, que son cinco máis dos que tiña até o de agora por mor da repartición parcial dos eurodeputados británicos que abandonan tras o brexit

Ana Miranda, parlamentaria do BNG no grupo ALE-Os Verdes, confirma os contactos con diferentes formacións para evitar a aceptación da Eurocámara a esta reforma. "Desde o Bloque consideramos esta proposta contraria a que Galiza teña presenza; é de grande interese para os grandes grupos políticos porque eliminarían así todo tipo de diversidade, tamén nacional, e farían moi difícil a presenza de partidos soberanistas, que terían que acudir todos unidos en coalición", explica que advirte da práctica imposibilidade de obter representación en solitario para formacións como PNV, ERC, Compromís ou o propio BNG.

 

A reforma de Fraga aplicada na UE

De saír adiante, a reforma electoral que se prevé para as eleccións europeas acabaría por asumir o polémico sistema implantado polo Goberno de Manuel Fraga para os comicios galegos. Na primeira década da autonomía galega os procesos electorais estiveron rexidos primeiro pola normativa estatal e despois por unha lei de eleccións amplamente consensuada que fixaba o limiar para acceder ao Parlamento no 3% dos votos de cada circunscrición. No entanto, a finais de 1992, o PP de Manuel Fraga empregou a súa primeira maioría absoluta para mudar as regras do xogo antes de se someter a unha nova cita coas urnas.

Coa intención declarada de poñer fin á "atomización ideolóxica" e aplicar unha "lóxica adaptación" do sistema ao "nivel de implantación social das forzas políticas", os conservadores elevaron a barreira do 3% ao 5%, onde permanece. Fixérono malia a oposición de todas as demais forzas políticas, en tensos debates nos que destacou a xa histórica imaxe de Xosé Manuel Beiras a bater cun zapato no taboleiro do seu escano.

Ana Miranda, no seu escano do Parlamento Europeo Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.