A Xunta abre o prazo para as axudas á compra de libros de texto e o Goberno central amplía as bolsas

Libros de texto para o sistema educativo galego © Xunta

A Xunta abre desde este mércores 20 e ata o vindeiro 19 de xuño o prazo para acceder ás axudas para a adquisición de libros de texto e material para o curso escolar 2020/21 para o alumnado de Primaria, Secundaria e Educación Especial dos centros de ensino sostidos con fondos públicos. 

A Xunta abre desde este mércores 20 e ata o vindeiro 19 de xuño o prazo para acceder ás axudas para a adquisición de libros de texto e material

Na orde publicada este martes no DOG, e na que se regula tamén a participación no fondo solidario dos libros de texto, confírmase o incremento das axudas e a flexibilización ddos límites de renda para acceder ás axudas, tal e como adiantara Feijóo hai pouco máis dunha semana. 

A apertura do prazo coincide coas críticas dos sindicatos educativos logo de que se reabrisen os centros para a tramitación das matrículas para o próximo curso, entre críticas tamén do seu persoal por establecer só recomendacións xenéricas non adaptadas ao ámbito educativo. O próximo 25 de maio abrirán tamén para os segundos cursos de Bacharelato e FP de xeito voluntario. 

Banco de libros de texto CC-BY-SA Anpa San Francisco Xavier (A Coruña)

A Xunta habilita unha partida de case 20 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 60% con respecto aos 12,1 millóns do presente curso. No anterior, a Administración repartira de forma gratuíta máis de 631.000 libros de texto e alcanzara máis de 108.000 alumnos de 3º a 6º curso de Primaria e dos catro cursos da ESO. Foron, segundo o Goberno galego, aproximadamente sete de cada dez. 

No caso do alumnado matriculado en 1º e 2º curso de Educación Primaria cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, corresponderá unha axuda de 210 euros. Cunha renda per cápita familiar superior a 6.000,01 euros e igual ou inferior a 10.000 euros, corresponderá unha axuda de 140 euros. Segundo a Xunta, aumenta nun 23% as familias beneficiarias e nun 55% a contía das axudas. 

A Xunta habilita unha partida de case 20 millóns para axudas para o material escolar, un incremento de máis do 60% con respecto respecto ao curso actual

En canto á Educación especial e discapacidade igual ou superior ao 65%, recibirán un importe de 275 euros con independencia da renda per cápita familiar. Sobre o alumnado en situación de garda ou tutela de 1º e 2º de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta, recibirá a axuda máxima de 210 euros, fronte aos 170 actuais, e non terán que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

En relación ao Fondo solidario de libros, (dirixido a alumnado de 3º, 4º,5º e 6º de Primaria e toda a etapa de ESO) a asignación de libros de texto farase –ao igual que en cursos anteriores– por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar; terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar; e flexibilizaranse á alza os treitos de renda per cápita. 

Deste xeito, teñen garantido o acceso a 6 libros os seguintes alumnos: alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora situábase en 5.400 euros); o alumnado que estea en situación de garda ou tutela da Xunta; e o alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda).

Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros terán acceso a catrao manuais (ata o de agora o tramo era inferior a 9.000 euros). En relación ás axudas para material escolar, o destinatario será todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO, cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, manténdose  a contía da axuda -50 euros por alumno-.

Isabel Celaá, ministra de Educación © Goberno de España

O Goberno central sobe un 22% o investimento en bolsas

Por outra banda, o Goberno central anunciou que incrementará en 386 millóns de euros a cifra destinada a bolsas de estudo, o que supón un incremento do 22% no investimento para o curso 2020/21. O incremento, o maior en dez anos, sitúa en máis de 1.900 millóns o diñeiro investigod no sistema de bolsas e axudas ao estudo, do que se beneficiarán 625.514 estudantes. Deles, máis de 370.000 son de niveis non universitarios e algo máis de 250.000 de Grado e Máster universitarios. 

A reforma do sistema, segundo explicou a ministra de Educación, Isabel Celáa, baséase na modificación dos requisitos académicos, a elevación do limiar 1 ata equiparalo practicamente ao limiar da pobreza, o aumento das contías fixas en 100 euros e as melloras e n bolsas e axudas a persoas con discapacidade. 

Os cálculos do Goberno central son que se duplicarán o número de bolsas universitarias ao rebaixar os requirimentos. O limiar 1 de renda, que dá acceso a bolsas completas, sobe un 33% e abranguerá 71.000 estudantes máis, segundo as contas do Executivo que recolle eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.