O Goberno galego acelera a oferta deste ano e condénsaa nunha única convocatoria coa do pasado para que non afecte aínda a reforma estatal que quere beneficiar aos interinos para reducir a temporalidade no ensino
O Consello da Xunta aprobou este xoves a oferta de emprego público docente para o ano 2022 que se acumulará coa de 2021 “ata sumar un total de 2.628 prazas”, segundo salienta o Goberno galego. “As probas de ambas as ofertas, que se condensarán nunha única convocatoria, serán a partir do 18 de xuño, seguindo o procedemento habitual”, indica a Xunta, que matiza que ademais “convocarase un concurso de méritos para interinos que se adaptará ao novo real decreto que publique o Goberno central ao longo do ano” para reducir a temporalidade no ensino.
Para evitar o efecto do novo decreto, e como xa están a facer tamén o resto de comunidades, a Xunta decidiu adiantar a aprobación da oferta de emprego de 2022 e a convocatoria de prazas para garantir que o procedemento das probas de novo acceso siga sendo o dos últimos anos tamén neste exercicio.
Do total de 2.628 prazas aprobadas a Xunta di que “máis do 87% serán de novo ingreso, en concreto, 2.299”. Delas, 950 serán para o corpo de mestres, 1.269 para o de profesores de ensino secundario (inclúen 98 de especialidades do extinguido corpo de profesores técnicos de FP), 45 para o de docentes de escolas oficiais de idiomas e 8 para o de artes plásticas. Así mesmo, inclúense 27 prazas para o subgrupo A2 que teña as competencias para impartir módulos profesionais da formación profesional (profesores técnicos de FP).
Hai 2.299 prazas de novo ingreso e 329 de promoción interna, repartidas en 61 especialidades distintas, e a Xunta prevé publicar oficialmente a convocatoria "a vindeira semana"
No referido á promoción interna, serán un total de 329 prazas, 10 delas para o acceso ao corpo de inspectores de educación, 317 para o de profesores de ensino secundario (19 en especialidades procedentes do extinguido corpo de profesores técnicos de FP) e 2 para o de docentes de artes plásticas e deseño.
Segundo a Xunta, “tras a súa negociación coas organizacións sindicais na mesa sectorial, convocaranse prazas en 61 especialidades” e agora unha vez aprobada esta oferta no Consello da Xunta a previsión é que a publicación oficial da convocatoria se realice “a vindeira semana”.