Goberno galego, Zona Franca e Porto de Vigo incluíron ilegalmente na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves preto de 700.000 metros cadrados con protección forestal que agora volven ao proxecto porque “recompoñer o seu estado inicial ten un custo moi elevado”
Hai dúas décadas a Xunta, a Zona Franca e o Porto de Vigo impulsaron a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves, chamado a ser o maior polígono empresarial de Galicia, con máis de 4 millóns de metros cadrados, no que aínda agora se están comezando a instalar as primeiras empresas tras máis de 230 millóns de euros de investimento público.
As administracións impulsoras do proxecto incluíron ilegalmente nel preto de 700.000 metros cadrados de solo rústico de especial protección forestal, que o Tribunal Supremo rematou excluíndo en 2010 pola vía de anular a figura urbanística que aprobara a Xunta. Para daquela ese espazo xa fora expropiado, cortadas as súas árbores e explanado, e agora a Xunta volve planificar a súa inclusión na Plisan argumentando xa non é viable que volva ser monte.
En 2010 o Supremo sentenciou que a Xunta non podía mudar a clasificación urbanística duns terreos que tiñan características forestais, pero agora o Goberno galego di que cando chegou a sentenza as súas obras xa o transformaran e agora é moi custoso deixalo como antes
O Supremo salientaba na súa sentenza de 2010 que a figura legal do proxecto sectorial coa que Xunta, Zona Franca e Porto de Vigo impulsaron a Plisan non podía impoñerse sobre a ordenación urbanística do solo que tiñan os terreos clasificados como non urbanizables de especial protección forestal, xa que esa protección corresponde a “un acto regulado, substraído, polo tanto, á discrecionalidade da Administración”. Isto é, se eses terreos tiñan de feito determinadas características forestais, protexidas pola lexislación do solo estatal, as administracións que impulsaban a Plisan non podían mudar -nin ordenar aos concellos que mudasen- a ordenación urbanística que os protexía como terreos forestais.
Pero para cando chegou esa sentenza do Supremo os terreos xa nin tiñan árbores nin sequera a orografía orixinal. E agora a Xunta tira desa política de feitos consumados e di que eses terreos xa non teñen interese forestal.
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) está a tramitar a segunda modificación do Plan Sectorial de Áreas Empresariais de Galicia que se aprobou en 2014 e que orienta o crecemento e ordenación dese tipo de espazos. Hai un mes a propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou que no marco desa modificación do plan a Plisan, recortada desde a sentenza do Supremo a uns 3 millóns de metros cadrados, volvería sumar un millón máis, ata os 4, para ofertar terreos a iniciativas empresariais que demanden grandes superficies. Agora na documentación sometida a exposición pública para a modificación do plan de áreas empresariais é onde a Xunta concreta que eses novos terreos da Plisan sairán fundamentalmente dos que o Tribunal Supremo excluíu por ter protección forestal.
A Xunta recoñece abertamente que quere “rescatar a zona excluída por sentencia e incorporala novamente ao proceso de desenvolvemento empresarial tal e como foi xestado nun principio”
Na documentación a exposición pública a Xunta salienta que “na data de emisión da sentenza do Tribunal Supremo, os terreos [...] eran xa propiedade das entidades promotoras e tiñan a urbanización xa iniciada”, ao que engade que “especial relevancia ten o feito de que a explanación do terreo implicou un importante volume en desmonte de terras, deixando o terreo sen a potencialidade forestal que tiña no seu estado natural”. Por iso, conclúe que “perdido o interese forestal e natural e, considerando que a acción de recompoñer o terreo ao seu estado inicial ten un custo moi elevado, a reversión, tanto física como de titularidade do solo, non é unha opción viable”.
Ante esa situación de feitos consumados, coa modificación do plan de áreas empresariais que está a tramitar a Xunta pretende “rescatar a zona excluída por sentencia e incorporala novamente ao proceso de desenvolvemento empresarial tal e como foi xestado nun principio”. A principal ilegalidade da Plisan quedaría así, polo tanto, legalizada a posteriori.