A Xunta declara deserto o concurso da licenza de TDT privada á que renunciou V Televisión

A antiga carta de axuste Dominio Público Praza Pública

A finais do pasado outubro, o Consello da Xunta aprobou as bases para sacar a concurso unha licenza de televisión autonómica privada. Tratábase da licenza da que, ata finais de 2019, era titular a empresa Medios Digitales de Galicia, empresa que constituíra La Voz de Galicia S.A. para xestionar a canle baixo a marca comercial V Televisión, que emitiu dende marzo de 2010 e ata xaneiro de 2018. Renunciaría a ela un ano despois.

O Consello da Xunta culminou sen adxudicatario o pasado 17 de febreiro o trámite do concurso da antiga licenza, que fora concedida polo Goberno de Fraga en funcións

O Goberno galego optou por non incluír ningún deses trámites nas referencias que divulga sobre os asuntos tratados no Consello e só foron públicos ata a súa preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia. O mesmo vén de suceder co resultado do concurso, declarado deserto, polo que a canle antigamente explotada para emitir V Televisión seguirá en negro.

O DOG deste 11 de marzo constata que, o pasado 17 de febreiro, o Consello da Xunta culminou o trámite do concurso para declaralo deserto, autorizando a Secretaría Xeral de Medios para dar o paso final, facelo público. O tema non constou na referencia pública do Consello e tampouco na intervención de Alberto Núñez Feijóo ante a prensa, capitalizada en boa medida polo estourido da crise interna do PP.

Feijóo, visto a través de dous monitores de televisión durante un pleno do Parlamento © Parlamento de Galicia

Remata así, cando menos de momento, a historia dunha canle que se remonta ao 22 de xullo de 2005. Naquela xornada, cando faltaban apenas dez días para que o tivese que abandonar o Goberno pola toma de posesión do novo Executivo de PSdeG e BNG, o Consello presidido en funcións por Manuel Fraga e vicepresidido por Feijóo adxudicou as licenzas das que ían ser as dúas primeiras canles televisivas privadas de ámbito galego. Unha levouna o Grupo Voz e a outra, Popular TV, da Cadena COPE.

Segundo os proxectos que as adxudicatarias presentaran, a suma de ambas concesións ía traer consigo uns 100 millóns de investimentos e uns 180 postos de traballo. Ningún dos dous se cumpriu, polo que as empresas incorreron nos supostos que implicarían o rescate da concesión por parte da Xunta. O Goberno galego evitara estes rescates por dúas veces introducindo, a través das leis de acompañamento dos Orzamentos de 2015 e 2017, senllas prórrogas do prazo para "materializar os compromisos asumidos".

A outra TDT autonómica fora adxudicada ao grupo da Cadena COPE, que pechou Popular TV Galicia en 2013 e o pasado 2021 a vendeu ao grupo propietario da canle Bom Cine

A antiga canle do Grupo Voz queda polo momento sen adxudicatario, mentres que a da COPE correu destino distinto. Popular TV Galicia pechou en 2013, tras catro anos de emisión e o pasado 2021 a titular da licenza, Radio Popular, S.A., Cadena de Ondas Populares Españolas, vendeuna ao grupo de comunicación Squirell Media, un grupo presidido por un empresario lucense, que a adquiriu para emitir a través dela a súa canle Bom Cine. O Consello da Xunta autorizou a operación o 11 de novembro do ano pasado, tamén sen incluílo na súa referencia pública.

A estas canles falidas uníronse ao panorama de incumprimentos masivos do medio cento de licenzas da TDT local, neste caso outorgadas en tempos do Goberno de coalición PSdeG-BNG entre unha quincena de empresas e grupos. Das apenas oito que chegaron a emitir, varias pecharon nos últimos anos -caso de TeleLugo, Santiago TV ou Correo TV- sen chegaren a adquirir a dimensión prometida en emprego, contidos ou uso do galego. Outras, como a que lograran grupos mediáticos como Prisa, La Capital ou Prensa Ibérica, nin sequera chegaran a abrir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.