A Xunta destitúe unha alto cargo aos tres meses de nomeala para manter o bloqueo na Deputación de Lugo

Teijeiro (centro), con Elena Candia e outros deputados do PP na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

O pasado 5 de novembro o presidente da Xunta asinou o nomeamento de María Ángeles Teijeiro como nova directora xeral de Inclusión Social. Apenas un mes despois de que PSdeG e BNG recuperasen o goberno da Deputación de Lugo a que fora vicepresidenta do fugaz goberno provincial do PP incorporábase a un dos departamentos clave da nova consellería de Política Social. No entanto, a toma de posesión comezou a adiarse e tanto se adiou que non chegou a producirse. Este xoves o Consello da Xunta nomeou o substituto de Teijeiro nun movemento político que, todo semella indicar, ten o ente provincial lucense como motivo esencial.

Cando, a mediados de decembro, a nova directora xeral aínda non comezara a exercer o PSdeG puxo o foco sobre ela. Non só non tomara posesión do cargo para o que fora nomeada, senón que mantiña as súas actas de edil no Concello de Lugo e de deputada na Deputación lucense. Esta acumulación, interpretacións políticas aparte, colidía coa lei de incompatibilidades de 1996, que impide que os altos cargos do Goberno galego exerzan calquera outra responsabilidade pública. Teijeiro debía cesar de inmediato en Lugo, advertía a deputada socialista Marisol Soneira, e evitar así unha situación de bloqueo en Política Social.

Para tomar posesión Teijeiro tiña que renunciar como edil e deputada en Lugo, o que permitiría que o goberno da Deputación sacase adiante os seus orzamentos ao non poder bloquealos o PP con Martínez

Se ese cesamento nas corporacións local e provincial lucense chegase a facerse oficial produciríase un efecto dominó non especialmente favorable para o PP. Dado que Teijeiro deixaría o escano nun pleno e a persoa que a substituíse tomaría posesión no seguinte, o goberno provincial podería aproveitar ese intervalo para, nunha sesión ao efecto, aprobar os orzamentos de 2016. Os escanos do PP e do agora non adscrito Manuel Martínez sumarían 12 e os de PSdeG e BNG, outros 12, polo que o voto de calidade do presidente, Darío Campos, permitiría sacar adiante as contas e mesmo algunha iniciativa máis, salvando así o bloqueo que vén promovendo o ex deputado socialista.

Case tres meses e varias sesións plenarias lucenses despois, o pasado mércores o Goberno galego confirmaba que Teijeiro non chegaría a tomar posesión "por motivos persoais" e "para seguir atendendo as súas responsabilidades en Lugo". O seu substituto en Inclusión Social, anunciaba, sería Arturo Parrado, ata agora director da ONCE en Santiago, cuxo nomeamento xa ratificou o presidente.

"Decatáronse demasiado tarde"

O PSdeG lamenta que a Xunta supeditase Inclusión Social ao "xogo de tronos" do PP

Para o PSdeG esta non é máis ca unha mostra da "indecencia de Feijóo e do PP ao poñer primeiro os intereses do partido e despois, a inclusión social". Os socialistas, anuncia Soneira, preguntarán no Parlamento polo "bloqueo" que estes meses padeceu a Dirección Xeral, sometida ao "xogo de tronos do PP". "Decatáronse demasiado tarde do que supuña o nomeamento" para a "aritmética de maiorías na Deputación", afirma a parlamentaria, e recuaron aínda que supuxese ofrecer "un bochornoso e lamentable espectáculo que non admite discusión".

Dende o punto de vista da deputada cómpre preguntarse mesmo se o propio nomeamento foi legal en novembro, xa que se produciu malia saber que "o cargo de edil é incompatible co de directora xeral". "Dicir que somos unha república bananeira quédase curto", ironiza Soneira, quen lamenta que Feijóo "vaia de moderno poñéndose de exemplo para outras comunidades autónomas e para o Goberno do Estado" mentres "é capaz de facer un nomeamento contra a lei prexudicando polo camiño milleiros de persoas".

Teijeiro (centro), con Elena Candia e outros deputados do PP na Deputación de Lugo © Deputación de Lugo
Teijeiro chegou a figurar no directorio da Xunta como directora xeral © Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.