A Xunta é condenada a indemnizar con 178.000 euros a un pescador ao que por erro deixou sen permiso tres anos

Ourizos a bordo dunha embarcación CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Consellería do Mar empregará para pagar ao afectado cartos que ía destinar a medidas de apoio á comercialización de produtos pesqueiros

A Consellería do Mar terá que indemnizar con 178.000 euros a un pescador por deixalo sen permiso de explotación do ourizo durante tres anos por dous erros cometidos por ela mesma ao valorar os méritos para obter esa autorización. A Xunta nin contestou a reclamación económica que lle formulou o afectado, que tivo que recorrer á xustiza, que agora vén de darlle a razón. O Goberno galego empregará agora para pagar a indemnización cartos que tiña previsto destinar a medidas de apoio á comercialización de produtos pesqueiros.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, nun acto de promoción da mellora da comercialización de produtos pesqueiros CC-BY-SA Xunta de Galicia

A orixe da indemnización que agora terá que pagar a Xunta polo lucro cesante que sufriu o pescador está en dous erros cometidos por ela mesma na valoración dos méritos para outorgar ou non permisos de explotación do ourizo coa modalidade de inmersión con subministro de aire desde a superficie. A Consellería do Mar convocou un proceso de selección para repartir eses permisos en 2016, e en 2017 resolveu outorgarllos a outras embarcacións pero non á do afectado, que a partir do 1 de xaneiro de 2018 quedou sen autorización. O afectado recorreu e a xustiza deulle a razón e obrigou á Xunta a volver a valorar o seu expediente. 

A Xunta deu ao afectado unha puntuación errónea baseándose nunha "anotación manuscrita" no expediente "da que se descoñece a súa orixe e que non tiña base algunha na documentación obrante no procedemento"

Segundo a xustiza, por unha banda a Consellería do Mar situou por diante á hora de repartir os permisos a outra embarcación “que non cumprira de forma notoria o requisito establecido nas bases da convocatoria”. E por outra banda deu ao afectado unha menor puntuación da que lle correspondía ao contabilizar “de forma errónea” a tripulación da súa embarcación, que só contaba cun único tripulante e non cos “2 ou 3” que se lle atribuíron no seu expediente cunha “anotación manuscrita sobre o número de tripulantes da que se descoñece a súa orixe e que non tiña base algunha na documentación obrante no procedemento”. Iso, dixo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “conduciu a privar ao actor da puntuación que lle correspondía”.

Sentenza do TSXG que obriga á Xunta a indemnizar con 178.000 euros a un pescador de ourizos por deixalo sen permiso máis de tres anos por dous erros administrativos CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta foi obrigada a avaliar novamente a solicitude do afectado e máis de tres anos despois, o 8 de febreiro de 2021, acaboulle comunicando o permiso para explotar o ourizo. Tras iso, o afectado reclamou ao Goberno galego na vía administrativa unha indemnización polos algo máis de tres anos que estivo sen poder pescar, petición á que a Consellería do Mar nin respondeu, obrigándoo a recorrer novamente á xustiza. 

O TSXG admite o dereito á indemnización porque a actuación da Xunta foi froito “de erros manifestos” e "non se desenvolveu dentro das marxes de razoabilidade que cabe esperar dunha Administración pública"

A reclamación xudicial foi atendida polo TSXG nunha sentenza do pasado setembro na que admite o dereito do afectado a obter unha reparación económica polo seu lucro cesante porque a actuación da Xunta foi froito “de erros manifestos” e "non se desenvolveu dentro das marxes de razoabilidade que cabe esperar dunha Administración pública". O tribunal acepta a valoración do dano formulada polo afectado e salienta que en mans da Xunta estaba probar, e non o fixo, se outras embarcacións ingresaron menos durante o período en cuestión.

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña © TSXG

Tras esa sentenza emitida a finais de setembro, a Xunta vén de tramitar unha modificación orzamentaria para pagar ao afectado a indemnización. Segundo o expediente que agora vén de remitir ao Parlamento, os 178.000 euros para asumir esa responsabilidade patrimonial sairán dunha partida cuxa orixe inicialmente prevista ía ser a de apoiar “medidas de comercialización” de produtos pesqueiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.