A Xunta é condenada por prohibir ás farmacias de Pontevedra vender medicamentos hospitalarios para uso en animais

Farmacia nunha vila galega © Concello de Ames

O Goberno galego leva unha década sen desenvolver un decreto estatal que o regule e agora é condenada a facelo en seis meses polo prexuízo que a súa inacción está a ter no benestar dos animais e nos dereitos das persoas afectadas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Consellería de Sanidade a establecer nun prazo de seis meses o procedemento e os controis necesarios para a prescrición en farmacias de medicamentos de uso hospitalario con fins veterinarios. O decreto estatal que ampara esa venta é de 2010, pero a Xunta leva desde aquela sen desenvolvelo malia requirimentos expresos do Colexio de Veterinarios de Pontevedra, onde unha instrución de Sanidade prohibiu expresamente ás farmacias vender ese tipo de produtos.

O alto tribunal explica na sentenza, datada no pasado venres e que tivo como relator a Luís Villares, que a Xunta incumpriu unha obriga que emana directamente dunha norma con rango de lei, e concedeulle un prazo máximo de seis meses para establecer o procedemento que regule a actividade. Acolle así o recurso presentado polo Colexio Oficial de Veterinarios de Pontevedra, que impugnou a inactividade administrativa da Consellería de Sanidade.

Vacas nunha explotación dunha aldea galega CC-BY-NC-SA M. Pereira

A entidade denunciou que recibiu polo menos 17 queixas de profesionais porque diversas farmacias da provincia de Pontevedra denegaban a subministración de determinados medicamentos hospitalarios para uso veterinario alegando recibir instrucións da Consellería de Sanidade nese sentido. Os maxistrados indican na resolución que se trata dunha omisión regulamentaria “que implica o incumprimento dunha obriga de rango legal”. Ademais, destacan que “dificulta o normal exercicio da profesión veterinaria nunha parte do territorio de Galicia”.

O TSXG di que a inacción da Xunta provoca prexuízos ás persoas propietarias dos animais e a estes mesmos, xa que a falta do medicamento supón "un menoscabo inxustificado do benestar ou a sanidade dun ser sentinte, categoría diferente e superior ás cousas"

A omisión do procedemento, segundo a sentenza, é “dobremente significativa na esfera dos dereitos”. Por unha banda, segundo a Sala, para os da persoa propietaria do animal, pois “vai sufrir un prexuízo derivado da falta de administración do medicamento, que pode redundar na expectativa de vida ou no benestar, podendo causar non só danos ao seu patrimonio, senón tamén sufrimento polo vínculo co animal”

E, por outro, nos do animal, pois os xuíces sinalan que a falta do medicamento supón “un menoscabo inxustificado do benestar ou a sanidade dun ser sentinte, categoría diferente e superior ás cousas, recoñecida desde a Lei 17/2021”. Obviar esta circunstancia, segundo o ditame, “supón tamén un deixamento inxustificado en relación coa esixencia que en materia de benestar animal impón o artigo 13 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea”.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, nun acto con farmacéuticos da provincia de Pontevedra CC-BY-SA Xunta de Galicia

O TSXG salienta que, neste caso, unha norma con rango de lei establece unha obriga, a de prescrición veterinaria para acceso a determinados medicamentos, e, para ese acceso, débese implantar un desenvolvemento regulamentario. Ese desenvolvemento é realizado parcialmente polo Goberno do Estado en 2010 nun Real Decreto, pero só nos seus elementos básicos, pois deixa á autoridade autonómica competente a articulación do procedemento e controis.

A Sala recalca que ese mandato legal carente de desenvolvemento suficiente en Galicia “non resulta indiferente desde o punto de vista dos deberes e os dereitos”, porque ten “unha incidencia directa no exercicio da profesión veterinaria, no benestar animal e nos dereitos das persoas posuidoras”, polo que acolleu o recurso presentado pola entidade colexial. Contra a sentenza cabe presentar recurso de casación.

Fragmento da sentenza do TSXG que condena á Xunta a regular a venta en farmacias de medicamentos hospitalarios para uso animal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.