O Sergas inicia con tres anos de atraso o proceso para recoñecer de oficio ás súas enfermeiras a posibilidade de dispensar fármacos

Persoal sanitario nun hospital galego © Xunta

O resto de profesionais deberán acreditar a titulación e ter un ano de experiencia ou pasar un curso de adaptación gratuíto

Tres anos despois de que o Constitucional establecese que son as comunidades autónomas as competentes para acreditar ao persoal de enfermaría que pode dispensar menciñas e produtos sanitarios de uso humano, a Consellería de Sanidade publica este xoves no Diario Oficial de Galicia a Orde pola que se regula e inicia o procedemento para esa acreditación. O Sergas recoñecerá de oficio a acreditación aos profesionais que teñan dereito a ela, e exime ao seu propio persoal tanto en activo como en listas de contratación de ter que xustificar a súa titulación, un mínimo dun ano de experiencia e pasar un curso de adaptación gratuíto, requisitos que si terán que certificar o resto de persoas interesadas.

A propia orde agora publicada lembra que un real decreto de 2015 regulou o uso e dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano por parte do persoal de enfermaría, pero en 2018 o Tribunal Constitucional estableceu que a acreditación para poder facelo correspondía ás comunidades autónomas e non ao ministerio, polo que ese mesmo ano o Goberno de España así o corrixiu modificando o real decreto de 2015. Agora, case tres anos despois, a Xunta desenvolve esa competencia e aproba a orde que regula e inicia o procedemento de acreditación do persoal.

Orde que regula a acreditación do persoal de enfermaría para dispensar menciñas CC-BY-SA Praza Pública

A normativa estatal establece como requisitos ter un título e unha experiencia mínima dun ano ou superar un curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta. Para acreditar eses requisitos, Sanidade establece agora que as persoas interesadas deberán “estar dadas de alta na Oficina Virtual do Profesional (sistema informático Fides/expedient-e)” e “ter debidamente rexistrados e acreditados documentalmente no dito sistema informático os requisitos” anteditos de titulación e experiencia ou curso de adaptación. 

Porén, a propia orde establece que o persoal “en situación de activo ou con reserva de praza nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde ou nas entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade” así como o profesional que figure admitido “nas listas vixentes de selección temporal” estará “eximido de achegar novamente a titulación” e “tampouco será necesaria a acreditación documental do ano de experiencia” nin do curso de adaptación. 

A Xunta dáse seis meses para “as adaptacións necesarias no sistema integrado de receita electrónica" 

Na orde deste xoves a Xunta dáse seis meses para “as adaptacións necesarias no sistema integrado de receita electrónica co fin de que o/a profesional de enfermaría acreditado que preste servizos en centros públicos poida dispoñer de certificados dixitais seguros que lles permitan a sinatura electrónica das ordes de dispensación electrónica”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.