A Xunta é condenada por reducir a discriminación positiva de persoas con discapacidade no acceso a prazas docentes

Aula nun centro galego © Xunta

O Goberno galego permitiu que prazas da quenda de acceso de discapacidade mudasen a acceso libre co argumento de que xa acadou o 2% dese colectivo no total de Educación, pero o TSXG di que iso desvirtúa a lei e vulnera a Constitución

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar a Consellería de Educación por reducir a discriminación positiva de persoas con discapacidade no acceso a prazas docentes na convocatoria pública de emprego do pasado ano. O Goberno galego permitiu que prazas da quenda de acceso de discapacidade mudasen a acceso libre co argumento de que xa acadou o 2% dese colectivo no total de Educación, pero o tribunal di que iso desvirtúa a lei e vulnera a Constitución, que esixe aos poderes públicos promover a integración real e efectiva. 

A Xunta mesmo argumentou no proceso xudicial que xa fixera o mesmo en anteriores convocatorias, pero o TSXG di que iso, “ademais dos efectos prexudiciais que para ese colectivo puido supoñer, en modo algún obsta ao mantemento da legalidade polo que esta Sala debe velar”.

Sinalización para persoas con discapacidade física nun espazo público CC-BY-SA charlesdeluvio / Unsplash

A Lei do Emprego Público de Galicia de 2015 di que “nas ofertas de emprego público reservarase unha porcentaxe non inferior ao 7% das prazas convocadas para seren cubertas entre persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, de xeito que progresivamente se alcance o 2% dos efectivos totais”. A mesma norma engade que, se finalmente nunha convocatoria se cubre menos dun 3% das prazas reservadas, as restantes “acumularanse” ao 7% da seguinte convocatoria ata un máximo do 12%.

Porén, a convocatoria de prazas docentes realizada pola Consellería de Educación o pasado ano non respectou a lei. A Orde da consellería que regulou esa convocatoria estableceu que “as prazas que, se é o caso, queden vacantes da reserva de persoas con discapacidade da quenda libre, acumularanse ás prazas xerais da quenda libre”. Isto é, en lugar de acumular esas prazas para discapacidade que quedasen libres ese ano á reserva para ese colectivo da seguinte convocatoria a Xunta decidiu acumulalas ás prazas xerais para acceso libre do resto da poboación.

No proceso xudicial a Xunta tentou argumentar que a lei de emprego público de 2015 pretendía acadar o 2% de persoas con discapacidade traballando en cada administración, cifra que asegura que xa se rexistra en Educación. “Se esa porcentaxe xa se acadou, o obxectivo do precepto está xa cumprido, polo que nada impide acumular as prazas non cubertas á quenda de acceso libre”, esgrimiu, segundo recolle a sentenza. Mesmo engadiu que “de feito, en anteriores ofertas e convocatorias así se fixo”.

Sentenza do TSXG que condena a Xunta por reducir a discriminación positiva de persoas con discapacidade no acceso a prazas docentes CC-BY-SA Praza Pública

O TSXG di que a decisión da Xunta deixou "sen efecto a medida de discriminación positiva que promove o acceso das persoas discapacitadas ao emprego público"

Pero o Tribunal Superior rexeita os seus argumentos e lembra a literalidade da lei, que non condiciona a acumulación na seguinte convocatoria das prazas de discapacidade non cubertas a ningunha cifra global de ocupación dese colectivo. “Por máis argumentacións que esgrima o Letrado da Xunta, hai un dato certo e obxectivo que non pode resultar desvirtuado e que deriva da dicción literal [da lei de emprego público de 2015]”, di a sentenza, en referencia á obrigatoriedade de acumular as prazas non ocupadas por persoas con discapacidade na seguinte convocatoria e para ese mesmo colectivo. “O que non di, por máis que a parte demandada interprete o contrario, é que dito precepto, ou calquera dos seus apartados, careza de vinculación cando se acade o 2% dos efectivos da administración”, engade o tribunal.

Pola contra, incide o TSXG, acumular as prazas de discapacidade vacantes á quenda xeral de acceso libre “estaría deixando sen efecto a medida de discriminación positiva que promove o acceso das persoas discapacitadas ao emprego público, vulnerando dese xeito” os artigos 9.2 e 49 da Constitución que din que os poderes públicos deben promover a integración real e efectiva de todos os cidadáns removendo os obstáculos que o impidan e que ampararán “especialmente” ás persoas con discapacidade.

Aspirantes a unhas oposicións de Educación agardando polo exame ás portas dun instituto de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta mesmo argumentou no proceso xudicial que en anteriores convocatorias tamén fixera o mesmo, pero o tribunal dille que iso "non obsta" para que deba velar polo mantemento da legalidade

O TSXG tamén contesta o argumento da Xunta de que xa empregara o mesmo procedemento antes. “O feito de que, en anteriores convocatorias, non se respectase este mandato legal, ademais dos efectos prexudiciais que para ese colectivo puido supoñer, en modo algún obsta ao mantemento da legalidade polo que esta Sala debe velar”.

Así, a sentenza anula eses preceptos da convocatoria de emprego cuestionada e conclúe que “o que procede é acumular as prazas reservadas a persoas con discapacidade non cubertas ao 7% da Oferta de Emprego Público seguinte, co límite máximo do 12%”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.