A Xunta Electoral cre que Vox incumpriu a lei electoral ao despregar globos verdes en cidades galegas, pero non o sanciona

A Xunta Electoral de Galicia reúnese na sede do Tribunal Superior de Xustiza, na Coruña -na imaxe- CC-BY-NC-SA Praza Pública

Fronte á denuncia, formulada polo PSdeG, o partido de extrema dereita alegou que non existía “proba algunha” contra el, pero o órgano electoral lembra que así se recolleu “nas redes sociais desa formación”

A Xunta Electoral de Galicia considera que o despregamento a pasada semana por parte de Vox en lugares céntricos de varias localidades de globos verdes co lema “#Galiciaéverde” supón unha infracción” da lei do réxime electoral, pero “non se aprecia causa para o inicio de expediente sancionador ao respecto”.

A Xunta Electoral pronúnciase así ante unha denuncia formulada o pasado sábado polo PSdeG. Nas súas alegacións, Vox esgrimiu “a posible vulneración do dereito constitucional á igualdade dado que a denuncia non foi formulada na lingua galega que a representante xeral do partido denunciado asegura descoñecer” así como “non ser certas a acusacións vertidas [polo PSdeG] por non existir proba algunha que sustente a denuncia”.

Fragmento da resolución da Xunta Electoral de Galicia sobre os globos de Vox CC-BY-NC-SA Praza Pública

O acordo da Xunta Electoral obvia a cuestión lingüística e, sobre o fondo, lembra que está prohibido, “ata o inicio legal da campaña”, ás cero horas do venres 26 de xuño, a realización de propaganda electoral. 

"Existen sólidos indicios de que e eses obxectos constitúen propaganda ou publicidade electoral atribuída ao partido denunciado", di a resolución

O órgano de control electoral sinala que “malia que non hai unha petición expresa de voto, existen sólidos indicios de que eses obxectos [os globos] constitúen propaganda ou publicidade electoral atribuída ao partido denunciado, efectuada fóra do período de campaña electoral por estaren asociados directamente á formación política denunciada”. Nesa liña, a Xunta Electoral sinala que as características dos globos “se identifican en canto a súa orixe ou autoría política co partido Vox, tal e como se recolle na información que figura en determinados xornais e, mesmamente, nas redes sociais desa formación política”.

Ademais da censura electoral, o despregamento de globos tamén recibiu diversas críticas de carácter ambiental pola contaminación que supoñen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.