A Xunta Electoral pide ao Goberno galego que concrete "coa máxima celeridade" a mobilidade que terán as residencia de maiores

Residentes nun centro público de maiores, nunha imaxe de arquivo divulgada pola Xunta CC-BY-SA Xunta

O órgano supervisor dos comicios rexeita que se poida pedir o voto por correo co sistema de clave electrónica da Xunta e Feijóo “lamenta” que non dea por válidas para o 12X as solicitudes de voto exterior xa feitas para o 5A

As restricións sanitarias implantadas polo coronavirus e o seu posible impacto nas eleccións do 12 de xullo están provocando un significativo cruce de peticións e respostas entre o Goberno galego -e o vasco- e a Xunta Electoral Central. As reclamacións de medidas de flexibilización por parte dos executivos están sendo respondidas por parte do órgano encargado de controlar os comicios primando os procedementos de tipo máis “garantista” e mesmo reclamando a cambio máis datos e actuacións por parte das administracións autonómicas, como a esixencia de que “coa máxima celeridade posible” a informen da mobilidade que terán as persoas que viven en residencias de maiores. A Xunta Electoral tamén rexeita que se poida pedir o voto por correo co sistema de clave electrónica da Xunta, como pediu esta, e este domingo Feijóo dixo “lamentar” que o órgano electoral non dea por válidas para o 12X as solicitudes de voto exterior xa feitas para o 5A.

Feijóo, este 7 de xuño durante a videoconferencia con Pedro Sánchez e o resto de autonomías CC-BY-SA Xunta

A Xunta Electoral di que  “non é necesario neste momento arbitrar medidas adicionais extraordinarias” que flexibilicen “aínda máis, o garantista procedemento” de voto por correo

Sobre as residencias de maiores, o órgano de control das eleccións establece que “o Goberno Vasco e a Xunta de Galicia deberán poñer en coñecemento desta Xunta, coa máxima celeridade posible, a situación de mobilidade prevista para os internos en residencias de anciáns” tanto na actual terceira fase do desconfinamento polo coronavirus como “a súa situación de mobilidade a medida que dita fase sexa abandonada ou, no seu caso, modificada”. A Xunta Electoral tamén lembra que xa acordou facilitar o procedemento do voto por correo e considera que “non é necesario neste momento arbitrar medidas adicionais extraordinarias” que flexibilicen “aínda máis, o garantista procedemento”.

Nesa liña, noutra decisión similar a Xunta Electoral tamén rexeitou a petición que a pasada semana lle formulou a Xunta de que, ademais desas flexibilizacións xa introducidas no voto por correo, como que se poida pedir por internet con sinatura electrónica, tamén se poida empregar para ese primeiro trámite o sistema de claves de acceso á sede electrónica da Xunta, o denominado Chave 365, ou o estatal Cl@ve. Porén, a Xunta Electoral rexéitao argumentando “inconvenientes de índole técnica e de xestión” aducidos por Correos, “a cuxo criterio resulta conveniente axustarse nesta ocasión”.

Tras esas decisións da Xunta Electoral, este domingo o presidente Feijóo “lamentou” outra decisión dese órgano, composto por xuíces, contraria ás súas peticións, a de que se sigan tendo como válidas as peticións de voto dos residentes no exterior que xa as formulasen para as eleccións do 5 de abril que non se chegaron a celebrar. Feijóo defende a súa petición no marco das restricións existentes en diversos países polo coronavirus e as dificultades para votar que poderían implicar. Porén, de seguir sendo válidas as peticións formuladas para o 5 de abril, cun censo distinto, a documentación para votar podería chegar a cidadáns que xa non teñan dereito a facelo ou que falecesen neste tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.