A Xunta Electoral de zona de Santiago requiriu a Compostela Aberta (CA) este pasado xoves a “retirada inmediata” e nun prazo máximo de 24 horas duns carteis colocados pola formación política na vía pública por considerala propaganda electoral e terse difundido fóra do período de campaña.
Os carteis, que non piden o voto, forman parte dunha campaña, titulada Santiago avanza máis, na que se informa á cidadanía de diferentes actuacións levadas a cabo polo goberno local no mandato vixente. Compostela Aberta, nas súas alegacións, advertiu de que esta “acción de comunicación” vai “na mesma liña que están a desenvolver outras organizacións” na cidade, “incluída a denunciante, o Partido Popular” local.
A Xunta Electoral considera os carteis "publicidade e propaganda electoral con mensaxes claramente partidistas e electoralistas" e difundidos fóra da campaña
Foi o PP de Santiago quen denunciou estes carteis o pasado 30 de abril. A Xunta Electoral, malia as alegacións de CA, ordenou a retirada da campaña por vulnerar o artigo 53 da Loreg e a instrución 3/2011 da Xunta Electoral Central. En ambos casos, advírtese da imposibilidade de difundir propaganda electoral nin acto ningún de campaña desde que se convocan as eleccións locais (1 de abril) e ata que dea comezo a campaña, o vindeiro venres 10 de maio.
A Xunta Electoral entende que os carteis colocados por CA “han de ser cualificados como de publicidade e propaganda electoral, xa que conteñen mensaxes claramente partidistas e electoralistas, e tal actividade non está amparada por ningunha das excepcións previdas”.
Compostela Aberta alegou que os lemas non tiñan nada que ver co da campaña ou que a colocación de carteis non foi obxecto de contratación directa nin a través de terceiro, posibilidade que impide a lei, senón que foron realizados “de xeito voluntario” por “persoas afíns” á formación política.
Compostela Aberta alude nas alegacións a campañas informativas semellantes do PP en Santiago e Ourense e do PSdeG en Santiago
Pero, sobre todo, CA destaca que esta acción informativa é unha “estratexia comunicativa habitual nas organizacións políticas” e que “o propio PP ten realizado con anterioridade desde unha posición de goberno nas últimas eleccións ao Parlamento galego”. Así, fai referencia ás mensaxes emitidas polo partido conservador nas semanas previas ás autonómicas de 2016 , e antes do inicio oficial da campaña, e na que se “colocaban mensaxes semellantes ás da campaña de Compostela Aberta”.
“Esta denuncia” --alegaba a formación santiaguesa-- pretende que se trate a Compostela Aberta de xeito discriminatorio en relación ao resto de formacións políticas”. Ademais, alude a unha campaña “similar” actual e nas redes sociais do PP de Santiago na que vai realizando unha serie de propostas “que poderían considerarse propaganda electoral se aplicásemos os criterios” expostos na denuncia.
CA cre "discriminatorio" o trato pero a Xunta Electoral di que as campañas de PP e PSOE entran nas excepcións permitidas porque "dan a coñecer os candidatos ou o programa electoral”
Tamén fai referencia Compostela Aberta a outra campaña do PP de Ourense na que, desde o goberno local, se centra “nos logros do alcalde Jesús Vázquez e en compromisos futuros”. Ao tempo, a formación de unidade popular tamén alude a outra campaña, do PSdeG local, titulada Vamos Santiago, na que se destacan compromisos electorais.
Compostela Aberta destaca que, mentres a súa campaña se centra en informacións que a organización considera “de interese para a cidadanía”, as citadas anteriormente céntranse en “promesas electorais”.
Para a Xunta Electoral, no entanto, “non é comparable” a actuación de CA coas indicadas por este propio partido. Así, destaca que as campañas do PP en 2016 non foron denunciadas no seu momento e que as de Ourense non corresponden ao seu ámbito de competencias. En canto ás do PSOE e PP actuais, entende o organismo que a actuación inclúese nas excepcións previstas porque é unha acción “destinada a dar a coñecer os candidatos ou o programa electoral”.
Preguntado pola cuestión, o alcalde da cidade, Martiño Noriega, asegura que “o PP non ten interese de que esa mensaxe chegue á cidadanía”. Ademais, o rexedor advertiu tamén de que “hai moitas outras promesas e campañas en redes sociais ou mesmo en carteis doutras moitas formacións e só se fixan na nosa”.
Mala todo, Noriega mesmo ve como algo positivo a retirada porque, segundo asegura, “o que é prohibido suscita máis interese na sociedade”.