A Xunta evita 'mollarse' no conflito de Galeras pero acusa a veciñanza de "coaccións"

Vista do parque co proxecto da rotonda superposto CC-BY-SA Praza Pública

Asepsia para o Concello, belixerancia para a veciñanza. Hai case tres meses que os veciños e veciñas do barrio compostelán de Galeras se mobilizan periodicamente para tentar evitar que o Concello de Santiago culmine a súa intención de facer pasar o acceso a un aparcadoiro privado por riba do parque do barrio, un dos principais da capital galega. A plataforma que agrupa asociacións veciñais e persoas individuais ten claro que o proxecto vai contra a legalidade e por iso xa o puxeron nas mans da Fiscalía, pero teñen máis claro aínda que non están dispostos a permitir a "privatización" dun anaco deste espazo verde. Con estas condicións de partida a Xunta vén de dar mostras de non ter especial interese en enfrontarse ao atribulado Concello compostelán neste asunto.

A través de senllas preguntas o PSdeG e o BNG trasladaron o asunto á sesión que a comisión de Urbanismo do Parlamento celebrou este xoves. Convencidos do nulo interese público do proxecto e, como a veciñanza, do seus problemas de encaixe legal, esixiron que a Xunta se implique no asunto. O contencioso tamén é cousa do Goberno galego, argumentou o socialista Xosé Sánchez Bugallo, entre outras cousas porque a zona afectada se inclúe no denominado "perímetro azul" da zona vella e non está afectada pola delegación de competencias de 2012 e tamén porque é unha zona verde, di o ex alcalde de Santiago. "Non ten licenza, non hai adxudicación e incumpre os requisitos formais mínimos como para ser considerada unha obra legal", di Bugallo. "Unicamente pretende beneficiar unha empresa privada a costa de cargarse unha parte dun parque", di a nacionalista Ana Pontón.

"Unicamente pretenden beneficiar unha empresa a costa de cargarse unha parte dun parque"

Ao outro lado Bugallo e Pontón atoparon a resposta lida pola secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, quen se remitiu en todo momento ao expediente informativo aberto ao respecto pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) a instancias da plataforma veciñal para non ofrecer xuízos concluíntes. Non obstante, Rivas xa avanza que o polémico acceso ao parking privado e a rotonda que o acompaña "non parecen ofrecer dúbidas a respecto da súa adecuación para mellorar as condicións de tránsito e mellorar a calidade de vida" na zona. "Cuestión aparte é a consideración do procedemento" e a súa "adecuación ao marco legal", di. Pero sexa como for, salienta, as obras non poden ser paradas "a través da coacción e da presión veciñal", porque iso supón "reverter o Estado de Dereito", proclama, obviando o carácter abertamente pacífico de todas as mobilizacións.

A oposición lembra que a Axencia da Legalidade Urbanística está a analizar o asunto a instancias da plataforma veciñal

"Cando os veciños e as veciñas protestan non é unha coacción", retrucou Pontón, que lamentou a "ofensa" da alto cargo á veciñanza compostelá. A parlamentaria do Bloque pregúntase "en que se basea" a secretaria xeral para "dicir que hai un manifesto interese xeral nestas obras" xa que, como apuntou Bugallo, o único informe ao respecto que existe é o encargado pola empresa propietaria do aparcadoiro. Mentres Pontón dubida das intencións do Concello santiagués e da propia Encarnación Rivas, imputada por prevaricación urbanística pola súa etapa en Sanxenxo, Bugallo di ter "clarísimo o que está pasando aquí": no que atinxe ás zonas verdes a lei fixa que "en caso de dúbidas na interpretación no planeamento urbanístico" debe prevalecer a "menor edificabilidade e a maior protección ambiental".

Tamén o que fora rexedor de Santiago se pon do lado da veciñanza ao manter que non existe "coacción" ningunha, senón "inacción clara da administración". Os populares falan de "colaboración coa cidadanía", pero deberían ter en conta "o conxunto da cidadanía" e non unicamente "un cidadán", o propietario do aparcadoiro. "Son os cidadáns os que acuden á APLU" e despois á Fiscalía e só cando o Ministerio Público comezou a actuar, subliña, o Concello deu en frear o proceso para, por exemplo, admitir a necesidade dunha licenza. Pero a Xunta "non prexulga".

Rivas, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública
Pontón e Bugallo formulan as preguntas CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.