Ano e medio despois de que o Tribunal Supremo ratificase a súa actuación ilegal en materia ambiental, o Goberno galego presenta a obra 'Oribio. A montaña viva' e salienta a "personalidade singular e propia" da zona
Hai ano e medio o Tribunal Supremo ratificou que a Xunta autorizara ilegalmente un parque eólico na serra do Oribio, espazo protexido pola Rede Natura 2000. As obras chegaran a comezar e agora a empresa reclama ao Goberno galego unha indemnización de 46 millóns de euros pola súa paralización. Neste contexto, este martes a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, desprazouse a Triacastela para presentar en persoa o libro Oribio. A montaña viva, que di recoller o "incalculable valor natural e ambiental" desta contorna.
A Xunta autorizou o parque eólico do Oribio en 2019, nunha reunión do Goberno galego no que xa estaba Ángeles Vázquez como conselleira de Medio Ambiente, como unha modificación doutro non iniciado que obtivera permiso ambiental en 2005, nos últimos días do Goberno de Manuel Fraga. Malia que desde aquela quedaron prohibidos os parques eólicos en Rede Natura, o Goberno de Feijóo considerou que aquel permiso ambiental seguía vixente co argumento de que o novo parque non sería máis que unha modificación do que xa tiña autorización.
Porén, tanto o TSXG a finais de 2020 como o Supremo dous anos despois desbotaron esa posibilidade. O Supremo chegou a dicir que, ante a solicitude da empresa, a propia Xunta debeu instar a caducidade do permiso ambiental de 2005 en lugar de consideralo aínda vixente.
A empresa promotora do parque do Oribio vén de reclamar que a Xunta a indemnice con 46 millóns de euros
Tras esa anulación do Supremo, a empresa promotora do parque, Fergo Galicia Vento, que iniciou os traballos contando cun permiso oficial que ela presumía legal, vén de reclamar ante a xustiza que a Xunta a indemnice con 46 millóns de euros tanto polos gastos efectivos en que xa incorrera na construción do parque cando foi paralizado (10,1 millóns) como polo lucro cesante do que esperaba gañar con el (35,7 millóns).
Malia que a Xunta evitou protexer o Oribio ao non declarar a caducidade daquela declaración de impacto ambiental, como di o Supremo que debía facer, este martes o Goberno galego sacou peito dos valores naturais da contorna que ela mesma puxo en risco. Segundo un comunicado do propio Goberno galego, o libro Oribio. A montaña viva é lanzado pola Xunta "para promover os valores ambientais, paisaxísticos e culturais deste espazo natural".
O comunicado salienta que a conselleira Ángeles Vázquez presentou o Oribio como unha contorna de "incalculable valor natural e ambiental" e "unha personalidade singular e propia" que "combina a riqueza natural dun hábitat de montaña, que destaca pola súa biodiversidade e o seu interese paisaxístico, con importantes valores patrimoniais e culturais, como, por exemplo, ser unha das primeiras etapas en Galicia do Camiño de Santiago".