Ante as dúbidas estatais co trazado da circunvalación de Caldas de Reis, o Goberno galego pide ao Goberno de España que teña en conta todas as alternativas para mellorar a mobilidade no triángulo conformado con Vilagarcía e Pontevedra
En 2011 a Xunta adxudicou por 11,2 millóns de euros, máis IVE, a construción do primeiro treito, de dous quilómetros, da autovía AG-47 entre Curro, ao norte de Pontevedra, e Vilagarcía. Daría continuidade ao gran nó de Curro posto en servizo en 2012 que enlaza a AP-9, a Autovía do Salnés (AG-41) e a estrada convencional Pontevedra-Vilagarcía (PO-531).
Ese gran enlace de infraestruturas de Curro conta con varios viadutos e ramais, un deles de 1,5 quilómetros, executados exclusivamente como arranque da autovía a Vilagarcía. Pero esas infraestruturas levan década e media pechadas ao tráfico porque rematan nun monte, e os seguintes 2 quilómetros adxudicados nunca se chegaron a executar. Agora a Xunta, nun novo conflito co Goberno de España, vén de ofrecer esa apenas iniciada autovía AG-47 Curro-Baión para que o Estado a teña en conta como alternativa á circunvalación de Caldas de Reis ou mesmo á AP-9 para facilitar o acceso ao porto estatal de Vilagarcía.
A inacabada e apenas iniciada AG-47 vén de retornar á actualidade despois de que o Ministerio de Transportes veña de atascar novamente co deseño da longamente estudada circunvalación oeste de Caldas de Reis. Esa circunvalación pretendía evitar o paso polo centro de Caldas das estradas N-550 e N-640 e á vez servir de alternativa a esta última como conexión da AP-9 co porto de Vilagarcía, de competencia estatal e como tal con obriga de conexión coa rede estatal de alta capacidade, algo que segue sen cumprirse.
A oposición aos trazados debuxados polo ministerio para esa circunvalación de Caldas e con ela para a conexión entre o porto de Vilagarcía e a AP-9 fai retomar o debate sobre outro proxecto tanto estatal como autonómico, a posibilidade de crear unha autovía paralela á autoestrada de peaxe, que apenas pasou de formulacións previas na gran maioría do seu trazado. Unha autovía paralela á AP-9 que ao norte de Pontevedra se preveu que pasase precisamente polo gran nó de Curro.
Neste contexto o PSdeG preguntou á Xunta no Parlamento de Galicia sobre a súa postura "en relación coa recuperación do proxecto da autovía AG-47 para garantir unha conexión eficiente entre o porto de Vilagarcía e a AP-9", unha pregunta que provocou unha resposta irada por parte do Goberno galego.
A Xunta di que "as funcionalidades do vello proxecto da AG-47 Curro-Baión (variante da PO-531) e da variante oeste de Caldas (variante da N-640) non teñen nada que ver" e engade que "aínda que as dúas poderían ter incidencia directa na conectividade da zona, deberían considerarse actuacións complementarias". O Goberno galego di que "chama a atención" que tras a nova paralización da circunvalación de Caldas por parte do Goberno de España "se pense agora na AG-47, un proxecto que data de hai 15 anos [...] para o que en ningún momento o Ministerio de Transportes mirou".
A Xunta di que o ministerio "podería achegar sinerxías co Goberno da Xunta, e mesmo se ten interese en coñecer o encaixe que a AG-57 Curro-Baión podería ter nestas propostas, abordalas con seriedade e coordinación"
Ante a situación actual, a Xunta di que "o que o Goberno de España ten que facer" é "iniciar de novo o proceso para mellorar a mobilidade desta área, estudar ben todas as alternativas e propoñer unha nova proposta encima da mesa". E para eses novos estudos o Goberno galego ábrese a colaborar coa súa inacabada e apenas iniciada AG-47. Así, di que o ministerio "podería achegar sinerxías co Goberno da Xunta, e mesmo se ten interese en coñecer o encaixe que a AG-57 Curro-Baión podería ter nestas propostas, abordalas con seriedade e coordinación co Goberno da Xunta".