A Xunta retoma 5 quilómetros da vía da Costa da Morte e deixa outros dez no aire

Remate actual da Autovía da Costa da Morte e ao fondo á dereita o desmonte dos traballos paralizados da súa continuación © Google

Dos 42 quilómetros que ía ter a infraestrutura prometida tras o Prestige só se puxeron en servizo 27 en 2016

O Consello da Xunta aprobou este martes desbloquear outros 5,5 quilómetros da vía da Costa da Morte, infraestrutura prometida por Feijóo como conselleiro de Obras Públicas en 2003, tras a catástrofe do Prestige. Unha actuación que foi paralizada catro veces e sufriu dous recortes e na que agora quedan no aire os seus dez quilómetros finais. 

O que agora fará a Xunta, logo de aprobar este martes de xeito definitivo o trazado dos seguintes 5,5 quilómetros, será retomar traballos paralizados a continuación de onde hoxe remata a autovía, en Santa Irena, no concello de Vimianzo, e executalos ata o enlace coa estrada AC-432 pero cun único carril por sentido por 36,1 millóns de euros. A intención é sacar a concurso as obras deste treito antes de que remate este ano, pero nada se aclara do trazado restante doutros 10 quilómetros ata o lugar de Berdoias 

Idea inicial da infraestrutura, que ía chegar ata Berdoias pero que hoxe remata en Baio e agora a Xunta só prolongará ata o enlace en Vimianzo coa AC-432 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Primeira paralización en 2008

A vía da Costa da Morte prometida por Feijóo tras o Prestige, duns 42 quilómetros que suporían a continuación ata Berdoias (Vimianzo) da autoestrada de peaxe A Coruña-Carballo, licitouna por primeira vez o bipartito de PSdeG e BNG en xullo de 2007 como unha concesión por 30 anos pola que estaba disposto a pagar un máximo de 1.100 millóns á empresa que asumise a obra -cun custo material duns 200 millóns- e o seu mantemento durante ese período. Adxudicoulla a unha unión temporal de empresas (UTE) formada por Ferrovial e Taboada y Ramos, que se comprometía a facela a cambio de só 584 millóns pero que, pouco despois de iniciar os traballos a finais de 2008, dicíalle ao Goberno galego que non sería quen de rematala se non lle pagaba un 30% máis. 

Tras a chegada á Xunta do PP, o novo goberno rexeitou as pretensións da empresa, rescindiulle o contrato e licitouno de novo lixeiramente modificado en decembro de 2009. Se o proxecto do bipartito prevía construír inicialmente unha vía rápida dun carril por sentido que nunha segunda fase se desdobraría en autovía, o PP rebaixou o período concesional a 25 anos co requisito de que tivese catro carrís xa desde o primeiro momento.

Segunda paralización en 2010

En xuño de 2010 o PSdeG denunciou un sobrecusto de 395 millóns na segunda licitación da autovía con respecto á adxudicación anulada do bipartito

Nese segundo proceso, a oferta mellor valorada, dunha UTE formada entre outras por FCC e Covsa, resultou ser a máis cara, con 979 millóns, o que provocou que en xuño de 2010 o daquela líder do PSdeG, Pachi Vázquez, denunciase no Parlamento de Galicia o que cualificou como un “sobrecusto” de 395 millóns de euros con respecto á adxudicación do bipartito. A segunda candidata nesa segunda licitación, unha UTE de Dragados e Puentes, que ofertaba a obra por 200 millóns menos, levou o proceso ao xulgado e a actuación quedou paralizada por segunda vez. 

En setembro dese ano, tres meses despois da denuncia socialista, a daquela directora de Infraestruturas da Xunta, Isabel Vila, deixaba o cargo e asumíao quen máis adiante tamén sería conselleira, Ethel Vázquez, que volveu licitar a obra por terceira vez. A esa terceira contratación, adxudicada en maio de 2011 por 745 millóns, só se presentaron dúas ofertas, de ACS e da UTE que resultou finalmente adxudicataria, formada por Copasa, Taboada y Ramos (presente na concesionaria do bipartito), Covsa (participante na oferta do suposto sobrecusto) e CRC.

Terceira paralización en 2013 en primeiro recorte en 2015

Pero tampouco á terceira foi a vencida. En febreiro de 2013, case dous anos despois da terceira adxudicación, a Xunta a Xunta admitía unha terceira paralización do proxecto, co grao de execución da obra aínda no 20%. O Goberno galego comezou a argumentar que a concesionaria non era quen de atopar o financiamento ao que se comprometera para poder acometer os traballos. Pero en vez de rescindirlle o contrato, como fixera nunha situación similar coa primeira adxudicataria do bipartito, o Goberno de Feijóo optou por incluír un artigo na lei de Orzamentos autonómicos para 2015 co que lle perdoou á empresa a execución dos últimos 15 quilómetros da vía, entre os lugares de Baio (Zas) e Berdoias (Vimianzo). 

A autovía quedou así recortada dos 42 quilómetros inicialmente previstos a só 27, un 35% menos de lonxitude do proxectado inicialmente polo que a Xunta prevía aforrar só un 17% do importe total que tiña previsto pagar.

Segundo recorte e cuarta paralización en 2020

Eses 27 quilómetros de autovía foron inaugurados en 2016, e dos 15 restantes non se volveu saber ata comezos de 2020, cando a Xunta anunciou, coas eleccións galegas xa convocadas e vixente a prohibición de actos electoralistas, que retomaría os seguintes 5,5 quilómetros, entre Baio e a estrada AC-432 que comunica Vimianzo con Camariñas. Pero xa non terían características de autovía senón que a infraestrutura contaría cun único carril por sentido cun investimento de 28,7 millóns de euros.

A conselleira Ethel Vázquez presentando na campaña electoral de 2020 a continuación de 5,5 quilómetros da vía da Costa da Morte paralizada e que agora a Xunta vai retomar CC-BY-SA Xunta de Galicia

En 2015 a Xunta 'perdoou' á concesionaria un 35% da lonxitude da autovía a cambio de aforrar un 17% do custo previsto, e na campaña electoral de 2020 prometéronse os 5,5 quilómetros nunca executados que agora se retoman

Porén, tampouco esa infraestrutura recortada sairía adiante. A obra foi sometida a información pública aquel 2020 pero a Xunta nunca chegou a convocar o concurso para executala. É aínda agora, tras unha nova información pública, cando se aproba o proxecto de trazado deses 5,5 quilómetros, que custarán 36,1 millóns. Nada di a Xunta dos restantes 10 quilómetros para completar os 42 previstos inicialmente ata Berdoias.

Mentres, polos 27 quilómetros inaugurados en 2016 a Xunta aínda ten pendentes de pagar máis de 400 millóns de euros ata 2038. Porque a da Costa da Morte foi a única autovía con peaxe en sombra das planificadas e executadas por Feijóo que o Goberno de Rueda non rescatou tras o informe crítico feito público polo Consello de Contas hai dous anos no que se revelaba que a Xunta estaba a pagar de máis por elas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.