Queda inaugurado (de novo) este concurso público: Rueda organiza un acto pola segunda licitación de 3 km de autovía paralizada

Rueda e a conselleira de Infraestruturas no acto organizado en Tui para anunciar o concurso público para construír 3 quilómetros de autovía © Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra

A Xunta retoma dez anos despois o primeiro treito da vía Tui-A Guarda, prometida por Feijóo cando era conselleiro en 2003 no Plan Galicia, licitado por primeira vez polo bipartito e paralizado en 2015

En 2003, con Feijóo como conselleiro de Política Territorial, a Xunta incluíu no seu Plan Galicia como compensación tras a catástrofe do Prestige unha vía de alta capacidade no Baixo Miño, entre Tui e A Guarda. A construción do primeiro treito desa infraestrutura, pouco máis de 3 quilómetros entre a autovía A-55 que enlaza con Portugal e a estrada PO-350, foi licitada en xaneiro de 2009 polo daquela goberno de coalición de PSdeG e BNG por 44 millóns de euros e un prazo máximo de 3 anos. Pero seis anos máis tarde a obra aínda non estaba rematada e en 2015 o Goberno de Feijóo rescindía o contrato. 

Ese primeiro treito quedou paralizado durante a última década mentres outros avanzaban lentamente ou eran reformulados pola Xunta. Aínda agora vai ser retomado polo Goberno de Rueda, que este xoves mesmo organizou un acto, como se dunha inauguración dunha obra se tratase, para anunciar a nova licitación das obras que quedaron pendentes por 17,8 millóns. Está por ver se tamén haberá un segundo acto oficial de primeira pedra e un terceiro de inauguración.

Rueda e outras autoridades nas obras paralizadas hai dez anos e que agora a Xunta vai retomar © Rafa Estévez - Deputación de Pontevedra

A vía Tui-A Guarda, duns 25 quilómetros, comezou a ser deseñada en 2003 como alternativa á estrada autonómica convencional paralela ao último treito do río Miño pola que circulan uns 15.000 vehículos ao día. En 2014, e tras un investimento duns 60 millóns, puxéronse en servizo os seus primeiros 10,2 quilometros, no seu extremo, entre A Guarda e Goián, no concello de Tomiño. 

No outro extremo da vía, a partir de Tui, comezáronse os traballos dos arredor de 4 quilómetros iniciais, pero o groso dese treito quedou paralizado en 2015 tras sufrir dúas sucesivas modificacións en 2012 e 2013. A Xunta seguiu adiante só co nó de enlace inicial entre a A-55 e a nova vía, que acabou inaugurando Rueda aínda hai un ano, en febreiro de 2024. Un nó que a falta de continuidade do tronco da nova infraestrutura só permitiu dar acceso ao colindante polígono empresarial de Areas.

Agora, un ano máis tarde e unha década despois de paralizarse a obra, a Xunta retomará a construción do primeiro treito, xa con anchura de autovía, cun orzamento de 17,8 millóns de euros. Segundo a documentación técnica da Xunta, o que había feito ata agora era "unicamente a primeira capa de explanada" e as obras de drenaxe e pasos transversais a excepción de un superior.

Proxecto da obra que agora sae a concurso no que se sinala a paralización dos traballos en 2015 e o estado actual da zona CC-BY-SA Xunta de Galicia

Rueda presenta a obra como "absolutamente fundamental" malia os dez anos que os traballos estiveron paralizados e asegura agora que "as infraestruturas que se empezan hai que completalas"

Fronte a esta lenta tramitación e evolución das obras, este xoves o presidente Rueda presentou o treito agora retomado como "absolutamente fundamental" para "garantir a seguridade e a eficiencia no transporte". Ante a obra paralizada dez anos o presidente da Xunta asegurou que "é unha mostra do compromiso da Xunta co desenvolvemento das comunicacións e a mellora da mobilidade na comarca" e que "as infraestruturas que se empezan hai que completalas".

Aínda non se moveu unha pedra noutros 10 quilómetros da vía e en 2 deles a Xunta decidiu que non fará unha nova infraestrutura senón que adaptará a estrada convencional actual

Ademais deste primeiro treito cuxa construción agora se retoma e do treito final duns 10 quilómetros entre Goián e A Guarda, segue sen moverse unha soa pedra noutros 10 quilómetros centrais da prometida infraestrutura. Neles a Xunta mesmo decidiu non executar dous quilómetros de nova vía senón aproveitar a estrada convencional actual ampliándolle carrís. Unha decisión que tomou ante o difícil encaixe da infraestrutura nunha zona na que ou afecta a viñedos, ou a espazos naturais do río Miño, ou a vivendas.

Situación dos primeiros treitos da vía Tui-A Guarda, co nó coa A-55 (en laranxa arriba á dereita) rematado hai un ano, co treito cuxa obra vaise retomar agora (en azul escuro) e os que están aínda pendentes de redacción de proxecto de novo trazado (verde) e de adaptación da estrada convencional actual (laranxa), xusto antes de conectar co treito xa rematado entre Goián e A Guarda (azul claro) CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.