A autovía "A Coruña - O Porriño" paralela á AP-9 'resucita' nos plans do Estado

Obras do único treito avanzado da A-57, ao surleste de Pontevedra, no visor xeográfico do Ministerio de Transportes, e rótulo da eventual nova autovía CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Rótulo: Dominio Público Fredddie

Na súa visita a Galicia, o ministro de Transportes referiuse á previsión de remate, "a finais de ano", do "tramo Vilaboa-A Ermida" da "autovía A Coruña-O Porriño"

O máis probable é que nunca se constrúa íntegra. E menos aínda nun contexto no que os descontos actuais, o contexto e os potenciais escenarios futuros sitúan como máis probable ca nunca circular pola Autoestrada do Atlántico, a AP-9, sen peaxes ou con tarifas notablemente máis reducidas.

Pero o certo é que segue existindo un proxecto para construír unha autovía polo eixo atlántico galego. Isto é, unha vía de alta capacidade practicamente paralela á AP-9, pero sen peaxe. Trátase da A-57, un proxecto no que a maior parte do trazado nunca pasou -e, previsiblemente, nunca pasará- do papel, pero que esta semana, dalgunha maneira, resucitou nos plans do Goberno de España.

O ministro de Transportes, Óscar Puente, saúda ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, á súa chegada a Santiago a bordo dun tren Avril que prestará servizos AVE nas cidades atlánticas galegas CC-BY-SA Praza Pública

Cadrando coa súa visita para presentar a inminente entrada en servizo dos trens de alta velocidade Avril á Meseta e expoñer avances do Corredor Atlántico Ferroviario, o ministro de Transportes repasou os investimentos do seu departamento en Galicia, especialmente aqueles con obras avanzadas ou a piques de rematar. Entre eles, o departamento que dirixe Óscar Puente destacou que, sobre Pontevedra, "informou da previsión da finalización" a "finais de ano" do "tramo Vilaboa-A Ermida da autovía A Coruña-O Porriño A-57".

En 2015, cando a ex-ministra Pastor puxo a primeira pedra do treito agora a piques de rematar, o Goberno de España fixo oficial no seu catálogo a 'transformación' do proxecto da A-57 nunha eventual autovía da Coruña ao Porriño pasando por Santiago e Pontevedra

O treito ao que se refire Puente é a parte desa eventual nova autovía que actúa como circunvalación parcial da cidade de Pontevedra. Un tramo tan reclamado dende o Concello pontevedrés e outras entidades como censurado por organizacións veciñais ou ecoloxistas polo seu impacto ambiental. A súa primeira pedra foi colocada en 2015 pola daquela ministra de Fomento, Ana Pastor, ás portas das eleccións xerais. 

Foi tamén en 2015 cando o Goberno do PP de Rajoy sacou adiante a vixente Lei de Estradas. Esa norma actualizou o catálogo de vías de titularidade estatal, reformulando oficialmente o proxecto da A-57 para deixalo tal e como o sinalou Puente esta semana: unha vía de alta capacidade "A Coruña / Santiago de Compostela / Pontevedra / O Porriño". En caso de construírse, sería a "Autovía do Atlántico", di esa documentación oficial.

Primeira pedra, en outubro de 2015, do único treito en obras da A-57 alternativa á AP-9 Dominio Público Ministerio de Fomento

A desta semana non deixa de ser, en calquera caso, a enésima resurrección mediática ou política dun proxecto que leva lustros, mesmo décadas navegando polos discursos gobernamentais e mesmo -con escasas cantidades- polos Orzamentos Xerais do Estado. Xa en tempos de Alberto Núñez Feijóo como conselleiro de Política Territorial do Goberno de Fraga, pero tamén no Plan Galicia lanzado polo Executivo de Aznar tras o Prestige ou na etapa da coalición PSdeG-BNG na Xunta houbo apostas ou promesas para chegar a construír unha autovía como alternativa "libre de peaxe" á AP-9 á vella N-550.

Os plans de descontos pactados por PSOE e BNG e a sombra da sanción europea contra a prórroga de Aznar que levou a concesión da AP-9 a 2048 viran en aínda máis inverosímil que a Autovía do Atlántico pase algunha vez do papel

A diferenza do contexto actual cos anteriores é, alén da conxuntura política ou da oposición en clave ambiental, é que sobre a concesión da autoestrada AP-9 pesa a nada deseñable sombra da actuación da Comisión Europea contra a prórroga de Aznar que a levou ata agosto de 2048. As autoridades comunitarias consideran que outorgar esa prórroga sen concurso foi irregular, polo que o seu decaemento é un escenario que xa non é manexado como inverosímil polos gobernos.

Isto sucede, ademais, nun contexto no que o PSdeG abriu nos últimos meses a porta a un escenario futuro de "gratuidade" da AP-9. Esa redución das tarifas a cero podería chegar pola vía do rescate da concesión ou a través dun afondamento dos descontos pactados polos socialistas co BNG a cambio do seu apoio á investidura de Pedro Sánchez. Escenarios todos eles que, en calquera caso, virarían en aínda máis inverosímil que a denominada Autovía do Atlántico pase algunha vez do papel.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.