A Xunta premia os concellos da Veiga, Parada de Sil e Cervo cos primeiros Premios á Dinamización Demográfica

Imaxe do Concello da Veiga © Concello da Veiga

Os concellos, gobernados dous deles polo PP e outro polo PSdeG, repártense 77.500 euros polas súas iniciativas para manter poboación e reactivar economicamente as zonas rurais

A Xunta vén de facer públicos este luns os nomes dos tres concellos galardoados na primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica, que o Goberno galego puxo en marcha para “recoñecer as boas prácticas das entidades locais de menos de 20.000 habitantes para afrontar o reto demográfico que poidan aplicarse noutros municipios da nosa comunidade”. Os 77.500 euros que a Xunta destina aos galardóns foron parar aos concellos da Veiga (gobernado polo PP, que recibe 40.000 euros), Parada de Sil (gobernado polo PSdeG, que recibe 25.000 euros) e Cervo (gobernado polo PP, que recibe 12.500 euros). Os tres concellos veñen perdendo poboación nos útimos anos, de xeito menos alarmante no caso de Cervo, no litoral, que no último ano mesmo estabilizou a poboación, pero tamén A Veiga conseguiu ralentizar algo o declive demográfico.

O Goberno galego salienta que “o xurado tivo en conta que as iniciativas ou proxectos piloto incluísen medidas de apoio ás familias, á mocidade, á conciliación familiar, ao retorno e á atracción de nova poboación, á promoción do envellecemento activo e saudable ou á creación do marco necesario para o asentamento da poboación no medio rural”.

O ceo nocturno no Concello da Veiga, preto de Pena Trevinca © Concello da Veiga

Novas producións no monte, recuperación de vivendas baleiras ou turismo de observación de estrelas son algunhas das iniciativas da Veiga

No caso da Veiga, a Xunta salienta que “incide en eidos como o emprego, poñendo en valor produtos da zona como o mel, as fabas e os cogomelos das Montañas de Trevinca ou o fomento da plantación de novos soutos”. Ademais, a rehabilitación de vivendas baleiras en desuso e de antigas casas-escola para alugueiro permitiu o traslado de varias familias ao municipio e o concello creou en 2017 o Centro de Visitantes ZEC Pena Trevinca e conta desde 2015 coa certificación como destino turístico Starlight pola excelente calidade do ceo. No ámbito de benestar social, habilitáronse axudas á natalidade e ao transporte, así como programas de conciliación e actividades de envellecemento activo, salienta a Xunta.

Parada de Sil e Cervo son recoñecidos polas súas iniciativas para o asentamento de novas familias e xente nova 

No caso do segundo premio, o concello de Parada de Sil é recoñecido pola súa iniciativa para o asentamento de novas familias e xente nova a través da rehabilitación dun grupo de casas en ruínas no núcleo de Fondevila para emprazar cinco vivendas unifamiliares. “Para fomentar a conciliación laboral e familiar, o concello propón a reforma dunha antiga construción para albergar un espazo de coidado e casa de lecer para nenos menores de 10 anos en períodos vacacionais e tamén na época escolar para os nenos en idade previa á escolarización obrigatoria”, salienta a Xunta.

Por último, o terceiro premiado, o concello de Cervo, foi recoñecido por medidas que contribúen ao asentamento das familias no municipio como “a rehabilitación de inmobles para crear espazos de traballo destinados aos novos emprendedores; a organización de encontros de dinamización empresarial que fomenten o espírito emprendedor entre a mocidade, como o programa Revívate dirixido aos mozos de Sargadelos; a posta en marcha de axudas á escolarización ou de becas de formación remuneradas a titulados universitarios ou de Formación Profesional; a ampliación do programa de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; ou actividades de voluntariado cultural tanto para a xuventude como para os maiores de 55 anos”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.