O Goberno galego aplica por primeira vez unha modificación legal impulsada na última lei de acompañamento para que Portos de Galicia estenda de 50 a 75 anos as súas concesións de xeito "extraordinario"
Hai un ano, na lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para este 2025, o Goberno galego mudou de xeito acelerado e con menor debate a lei de Portos de Galicia de 2017, reformada xa seis veces desde a súa aprobación hai agora oito anos. Pasou a permitir "excepcionalmente" que Portos de Galicia poida autorizar prórrogas non previstas nas concesións orixinais outorgadas nos seus terreos para que estas superen os 50 anos de máximo permitidos ata agora e cheguen a ser de ata 75 anos. Este martes o Goberno galego aplicou esa modificación legal por primeira vez á factoría que Jealsa ten no porto de Bodión, en Boiro, e a concesión que ata agora tiña con remate en 2042 pasa vén de estenderse ata 2067.
Jealsa Foods, fundada polo xa falecido Jesús Alonso, alcalde de Boiro polo PP entre 1995 e 2003, ten no porto de Bodión, en Boiro, a súa principal planta de produción e segundo o presidente Rueda ve agora ampliada a súa concesión ata o máximo legal de 75 anos "polo interese que esta industria ten para a comarca do Barbanza". Segundo o Goberno galego, a empresa xera "un total de 3.000 empregos directos" e "preto de 12.000 indirectos", postos de traballo cuxas condicións laborais veñen sendo criticadas polos sindicatos.
A empresa compromete o investimento de 8 millóns de euros, entre outras actuacións para reconstruír a nave que ardeu en 2021, segundo a Xunta
A modificación legal de hai un ano que permite a Jealsa ampliar a súa concesión portuaria esixía como requisitos que a actividade a desenvolver teña "interese estratéxico" para o porto en cuestión ou a súa zona de influencia e que a empresa solicitante realice un investimento mínimo de 500.000 euros, fronte ao que Rueda indicou este martes que "o comprometido por Jealsa supera os 8 millóns". Serán actuacións para renovar a cuberta da nave principal para mellorar a eficiencia enerxética, construír unha nova nave e reconstruír a nave que ardeu en 2021.
A planta de Jealsa en Boiro tamén vén estando no foco polos seus efectos ambientais. A propia Consellería de Medio Ambiente admitiu hai uns meses nun interrogatorio no marco dun proceso xudicial que a fábrica rexistrou "certos incumprimentos" que poderían supoñer a revogación da súa autorización ambiental.