A Xunta quere crear un observatorio de olores e pide ideas á cidadanía

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha visita a unha explotación gandeira nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta de Galicia

“O cheiro é a segunda causa de queixa ambiental despois do ruído en Europa”, di o Goberno galego, que matiza que non sempre a contaminación odorífera ten toxicidade

A Consellería de Medio Ambiente vén de abrir un período de consulta pública ata o 29 de agosto para que calquera cidadán lle achegue ideas ou propostas para crear o denominado Observatorio de Olor de Galicia. A idea do Goberno galego, no marco das súas competencias en materia de vixilancia das actividades potencialmente contaminantes, é que este sexa “o primeiro paso que sirva como instrumento de obxectivación do malestar provocado polos olores, transformando a recompilación de datos en información útil e relevante para a toma de decisións”.

Inauguración da nova depuradora de Vigo en 2018, tras anos de malos olores da anterior CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo argumenta a Xunta, “o cheiro é a segunda causa de queixa ambiental despois do ruído en Europa, pero a pesar diso, tanto a información como as recomendacións en relación coa contaminación por cheiros son difíciles de atopar e difíciles de entender”. O Goberno galego engade que “cando o olor provoca malestar estamos a falar de contaminación odorífera ou por olores, sen que iso signifique que, indefectiblemente, posúan toxicidade”. 

Pero admite que “ao ser os olores un factor para a aceptación, a poboación pode chegar a percibir os olores como un perigo para a súa saúde”, polo que “regular sobre a contaminación por olores non é un tema doado por canto, a diferencia doutros contaminantes atmosféricos, as sustancias odoríferas están presenten en baixas concentracións no aire polo que poden ser difíciles de detectar”.

“Ao ser os olores un factor para a aceptación, a poboación pode chegar a percibir os olores como un perigo para a súa saúde”, di a Xunta

Ante as lagoas de información e coñecemento na materia, e de cara a elaborar un decreto que regule un observatorio do olor, é polo que a Xunta abre a consulta pública á cidadanía antes de redactar, e despois volver a expoñer ao público, o texto definitivo. 

De entrada, a visión da Xunta é que o observatorio sexa “un espazo de colaboración para resolver un problema de abordaxe complexo” que “require da fusión da información cuantitativa, procedente de medición, coa cualitativa, derivada da observación e reporte daqueles que a sofren, baixo uns criterios que permitan transformar a análise desta información en medidas concretas”. Será, di o Goberno galego, “un observatorio que pretende investigar, revisar, describir, caracterizar, avaliar, discutir, cuestionar, suxerir e informar a todas as partes interesadas”.

Vertedoiro de Grixoa, molesto para a veciñanza polos seus cheiros © Plataforma de afectados polo vertedoiro de Miramontes

A Xunta prevé que o observatorio se adscriba á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático. E detalla cales poden ser a priori as súas funcións:

  • Crear as condicións e infraestruturas suficientes para monitorar e validar o comportamento e evolución do problema.
  • Promover e fomentar liñas de estudio e investigación que sexan susceptibles de garantir un bo coñecemento, tanto cuantitativo como cualitativo, do complexo problema da contaminación por olores.
  • Elaborar un mapa de olores de Galicia.
  • Divulgar o coñecemento sobre a realidade do fenómeno da contaminación por olores.
  • Formular recomendacións e propostas tendentes a promover a redución, prevención e regulación da contaminación por olores.
  • Constituír e actualizar permanentemente un fondo documental especializado que reúna a literatura científica nesta materia a nivel autonómico, estatal, europeo e internacional, así como dun fondo documental normativo nesta materia.
  • Elaborar análises documentais baseados na explotación de datos cuantitativos e cualitativos e dos fondos bibliográficos e normativos referidos no apartado anterior.
  • Promover a reflexión e o intercambio do coñecemento en rede.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.