Medio Ambiente encarga un plan contra o desperdicio alimentario co que afondar na lei estatal aprobada en abril que xa obriga á restauración a entregar as sobras á clientela
Desde o pasado ano está en vigor unha lei estatal contra o desperdicio alimentario que entre outras medidas obriga á hostalaría a ofrecer á clientela que poida levar para a casa a comida que non chegase a consumir. Esa norma estatal tamén estableceu que as comunidades autónomas deben elaborar plans de prevención e redución do desperdicio alimentario e guías de boas prácticas. A Xunta vai encargar agora a elaboración dese plan para Galicia e entre as medidas que contempla incluír nel está que a hostalaría faga compostaxe cos desperdicios que non poida levar a clientela ou potenciar que as familias merquen alimentación a granel.
A Xunta xa ten en vigor un plan xeral de xestión de todo tipo de residuos que xa apuntou algunhas das medidas que agora a Consellería de Medio Ambiente quere concretar para o problema concreto dos desperdicios alimentarios. O novo plan, que agora vén de sacar a concurso por 168.000 euros, quere "promover unha política adecuada de prevención e redución das perdas e o desperdicio alimentario e a correcta xestión dos excedentes que non se poidan previr e dos residuos alimentarios que se produzan".
O Goberno galego quere, entre outras medidas, que o novo plan aposte por "racionalizar o envasado dos alimentos e promover as vendas a granel para evitar a perda de alimentos debido á compra excesiva e promover a incorporación de liñas de produtos estacionais, locais e/ou ecolóxicos".
No que respecta á hostalaría, di que as sobras "ademais de seren ofrecidas polo establecemento para que os clientes as utilicen, poderían empregarse nun proceso de autocompostaxe" e que "esta sería tamén a canle para as materias primas caducadas e os residuos orgánicos xerados na cociña".
O plan da Xunta tamén quere facer estables e reguladas as doazóns de alimentos
Medio Ambiente tamén quere que os alimentos excedentes cociñados pero non servidos poidan transmitirse de forma "segura" a "familias ou grupos específicos". Nesa liña, o Goberno galego busca tamén "o establecemento de acordos voluntarios con gobernos locais ou determinadas entidades da economía social para a doazón de alimentos próximos á súa data de consumo preferente, definindo redes de colaboración recorrentes". Isto é, regular e facer estables as doazóns de alimentos.
O plan tamén deberá analizar "políticas de loxística inversa entre establecementos e provedores, co obxectivo de eliminar os excedentes non vendidos ou non aptos para o consumo, integralos en determinadas opcións de reciclaxe e evitar a súa conversión en residuos". Igualmente sensibilización
O plan, que non estará en vigor ata 2027, deberá contar con achegas dos produtores primarios galegos, as canles de distribución alimentaria, o sector da hostalaría e os consumidores domésticos.