A Xunta renova os traxes dos seus choferes por segunda vez en menos dun ano

A xestión do parque móbil depende da Vicepresidencia da Xunta © Ana Varela

O final da sétima lexislatura autonómica, a do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, estivo caracterizada por un férreo seguimento dos gastos da Xunta por parte do PP. Entre titulares e denuncias de "desbalde" destacaba unha temática en concreto, a automobilística, nos que a realidade do orzamento público chegaba a mesturarse con hiperbólicas comparacións con, a presidencia estadounidense. Cinco anos despois daquela campaña electoral os populares, xa dende a Xunta, insisten na redución de gastos no parque móbil e noutros cambios na xestión. Non obstante, permanecen normas como a obriga do persoal condutor de realizar o seu traballo rigorosamente vestido de traxe. Dende a súa chegada a San Caetano o Goberno do PP renovou este vestiario en tres ocasións e disponse a facelo unha cuarta, menos dun ano despois da última adquisición.

En marzo de 2013 a Vicepresidencia da Xunta destinou un máximo de 175.000 euros a mercar 408 traxes, 816 camisas, 404 gravatas, 404 pares de calcetíns e 404 pares de zapatos, ademais de panos, medias ou prendas de abrigo. Tras a valoración das ofertas presentadas a mesa de contratación resolveu inicialmente que a empresa adxudicataria sería El Corte Inglés, que rebaixaba o prezo de licitación en máis dun 7%. Non obstante, un segundo informe determinaba que os traxes ofertados por esta compañía non chegaban ao 60% de lá na súa composición que esixía a Xunta, senón que quedaban en algo máis do 58%. Así, El Corte Inglés ficou fóra e a adxudicataria foi Hermanos Cierto Gestal, que subministrou os uniformes por 142.000 euros segundo a decisión adoptada en xuño do pasado ano.

Seis meses despois da última contratación, Vicepresidencia iniciou o proceso para mercar os novos traxes

O pasado 2 de decembro, seis meses despois da conclusión desta contratación, o departamento que dirixe Alfonso Rueda iniciou un novo procedemento para renovar o vestiario dos e da chofer, neste caso rebaixando o orzamento de licitación nun 11%, ata os 154.672 euros. Os pregos de condicións do novo contrato permiten deducir que o Executivo conta con máis condutores que hai un ano. Así, desta volta reclama o subministro de 420 traxes -12 máis-, 840 camisas -24 máis-, 418 gravatas -14 máis- e 420 pares de calcetíns e de zapatos -16 máis-. Do mesmo xeito, mercará tamén dous panos ou bufandas, dous pares de medias, 65 prendas de abrigo de home e unha de muller. En total, 2.586 prendas.

Cada chofer leva enriba ata 450 euros en roupa

Así as cousas, durante o inverno un chofer da Xunta pode levar enriba uns 450 euros de roupa, 37 menos que cos prezos do anterior contrato. Mentres, durante o verán o prezo baixa lixeiramente e a suma de traxe (200 euros), camisa (35), gravata (12), calcetíns (7) e zapatos (57) déixao en 311 euros, dado que non existe prenda de abrigo ni para home nin para muller.

Como en 2013, Vicepresidencia condiciona a elección dunha ou doutra empresa aos "estudos e análises" que realice o Laboratorio de Consumo de Galicia sobre as "mostras" que presenten as diferentes compañías. Así, cada empresa deberá subministrar "un modelo de traxe completo de verán e outro de inverno", unha ou dúas camisas, un par de zapatos de verán e outro de inverno, medias, calcetíns, prenda de abrigo e "un retal" de "cada un dos tecidos que compoñen os traxes". Consumo analizará aspectos como a súa composición, a "solidez das tinturas" ou o "encollemento tras lavado doméstico". A empresa que gane o concurso terá que tomarlles medidas aos choferes nun prazo máximo de 15 días e subministrarlles os traxes de verán durnate o mes seguinte.

A xestión do parque móbil depende da Vicepresidencia da Xunta © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.