Tras a instauración do polémico decreto do plurilingüismo, que introduciu fundamentalmente o inglés como lingua vehicular en varias materias e impulsou os centros plurilingües como medida estrela, a Xunta desenvolveu varios plans ao abeiro das políticas de impulso ao coñecemento de idiomas por parte da UE. Malia que a comunidade educativa e a oposición levan anos reclamando unha avaliación de toda esta política lingüística, non hai documento oficial ningún por parte do Goberno galego.
Ao tempo, a lingüista e técnica de Normalización da USC, Isabel Vaquero Quintela, levou a cabo unha investigación na que "avalía", precisamente, "os programas de potenciación do coñecemento de linguas estranxeiras da Xunta" e que a partir da análise de datos e da consulta ao profesorado obtén resultados que "apuntan a existencia de deficiencias nestes programas en canto a cohesión e complementariedade, cobertura e equidade, eficacia e eficiencia, e participación e transparencia".
A Xunta aclara que en Galicia hai "465 centros plurilingües, fronte a ningún no curso 2008/09, o último do bipartito"
Tal e como publicou Praza.gal, o estudo destaca que o pregoado plurilingüismo do que presume a Xunta aplícase sobre todo nos colexios e institutos privados, que son claramente os máis beneficiados na implantación da rede de centros plurilingües.
Así, e segundo os datos recollidos ata antes da chegada da pandemia, máis do 66% dos centros privados -estritamente privados ou concertados- eran plurilingües fronte ao 25,8% dos públicos. Por etapas educativas, mentres que case a totalidade dos colexios privados de primaria eran plurilingües en Galicia (93,7%), menos do 32% o eran entre os públicos. En secundaria, apenas había centros públicos con esta condición (só o 12,4%) que si tiñan o 37,5% dos privados ou concertados.
Ante este informe -e logo de que o BNG lembrase esta fin de semana os 12 anos do "chamado" decreto do plurilingüismo acusándoo de "beneficiar os centros privados fronte aos públicos"-, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quixo "aclarar" algúns datos, destacando que hai máis centros plurilingües públicos ca concertados en Galicia e advertindo de que non os había co goberno de coalición de PSdeG e BNG.
Os datos actualizados de Educación indican que máis da metade dos centros privados son plurilingües fronte ao 29% dos públicos
O feito é que o modelo de centros plurilingües -aqueles nos que se imparte nunha lingua estranxeira áreas ou materias non lingüísticas, cun máximo dun terzo do horario lectivo- foi impulsado polo Goberno de Núñez Feijóo e non existía co executivo anterior á súa chegada á presidencia da Xunta. "Hoxe temos 465 centros plurilingües en Galicia, fronte a ningún no curso 2008/09 (o último do bipartito)", destaca a Consellería en conversa con Praza.gal na que di tamén que son sobre 100.000 os alumnos que se "benefician deste modelo fronte aos 12.500" daquel mesmo curso, coas seccións bilingües.
Segundo detalla a Consellería, cos datos actualizados, deses 465 centros plurilingües, "o 67% (312) son públicos fronte ao 33% (153) concertados". Tendo en conta os últimos datos fornecidos ao IGE pola Xunta e que hai máis de 1.070 centros de ensino públicos en Galicia fronte aos 283 privados, o plurilingüismo abranguería o 29% dos públicos fronte ao 54% de todos os privados.
Xa que logo, máis da metade dos centros privados teñen a consideración de plurilingües fronte a menos dun terzo dos públicos. "Os datos avalan a aposta do ensino público por sumarse a esta convocatoria voluntaria e aberta para os centros sostidos con fondos públicos. Isto é, centros públicos e prazas concertadas, pero en ningún caso a prazas privadas", aclara a Consellería.
"O plurilingüismo é un modelo consolidado e avalado polos resultados", di a Xunta
Ademais, o departamento que dirixe Román Rodríguez tamén destaca que "hai 628 auxiliares de conversa nativos procedentes de 22 nacionalidades impartindo docencia nun idioma estranxeiro en colexios de toda Galicia", un número que "multiplica por dez os do curso 2008/09". Tamén aclara que 58 ciclos de Formación Profesional do sistema público galego imparten parte do seu currículo nunha lingua estranxeira.
A Consellería, ademais, asegura que o plurilingüe é un "modelo consolidado e avalado polos resultados". "No último informe PISA o alumnado galego figura á cabeza en cuestións como falar dúas ou máis linguas bastante ben como para conversar con outras persoas (o 96% fronte ao 84% da media de España e o 72% da OCDE)", di, tras lembrar tamén "o nivel de recoñecemento do alumnado a través dos bos resultados obtidos nas probas de certificación e do grao de satisfacción amosado polos docentes, xa que case o 99% dos profesores coordinadores deste programa manifestan estar moi satisfeitos cos resultados acadados".