A Xunta tarda un ano en remudar a xestión privada do centro de discapacidade Souto de Leixa tras 15 de eivas

Protesta da plataforma de familiares e profesionais do Souto de Leixa ante a sede da Xunta en Ferrol © Plataforma Agora!

A Fundación Hospitalarias substituirá á empresa Clece, do grupo ACS de Florentino Pérez, durante cuxa xestión foron denunciados numerosos incumprimentos

A Consellería de Política Social vén de facer pública este xoves a formalización do contrato co que remuda a xestión privada do centro público de atención a persoas con discapacidade Souto de Leixa de Ferrol, que levaba anos rexistrando queixas de familias e persoal por eivas no seu funcionamento como agresións ou desatención certificadas en varias ocasións por sentenzas xudiciais. A empresa Clece, do grupo ACS, presidido por Florentino Pérez, dá así paso á Fundación Hospitalarias, creada pola Congregación das Irmás Hospitalarias. A remuda prodúcese un ano despois de que a Xunta lanzase un primeiro procedemento para o cambio de xestión e tivese que reformulalo por erros propios.

Cargos da Xunta nunha visita ao centro de discapacidade de Souto de Leixa en Ferrol CC-BY-SA Xunta de Galicia

Propiedade da Xunta, a xestión do Souto de Leixa foi privatizada á empresa Clece a comezos da pasada década, contrato que viña sendo prorrogado sucesivamente malia os seus problemas de funcionamento. Ata que a comezos do pasado ano a Consellería de Política Social decidiu mudar parcialmente de modelo. 

O primeiro proceso de selección dun novo xestor privado lanzado en maio do pasado ano polo Goberno galego, a través da figura do concerto social, foi convocado de forma "incorrecta", cunha vulneración da "necesaria transparencia" e cun prazo de duración demasiado elevado, segundo constatou o Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia (Tacgal). 

Os sucesivos procesos para remudar a xestión do Souto de Leixa, agora culminados, evidenciaron que a Xunta non estaba a dotar o centro dos recursos necesarios

Esa anulación do proceso de selección por parte do tribunal contractual produciuse o 23 de xullo pasado, pero non foi ata o 13 de xaneiro, medio ano despois, que a Xunta abriu no Diario Oficial da UE un novo proceso de adxudicación corrixido. Nel o prazo do contrato, como corrixiu o tribunal, pasou de catro anos prorrogables ata dez a dous anos prorrogables ata tres. Nel tamén se incorporaron outras mudanzas a respecto do proceso anterior que evidencian que a Xunta non estaba a dotar o centro dos recursos necesarios. 

O Souto de Leixa levaba 15 anos xestionado pola empresa Clece, do grupo ACS © CAD Souto de Leixa

En maio do ano pasado, cando lanzou a primeira convocatoria, a propia Xunta salientou que ía incrementar un 25% os cartos destinados ao Souto de Leixa "con respecto ao contrato actual", o de Clece, para así "favorecer unha atención de calidade". Así, esa primeira convocatoria foi por un valor estimado de 3,5 millóns de euros ao ano sen IVE, mentres que o segundo proceso convocado en xaneiro volveu elevar o importe a 3,85 millóns, que ademais poden ser modificados á alza ata un 20% durante a execución do contrato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.