As previsións de investimento para Galicia que o Goberno de España inclúe nos Orzamentos Xerais do Estado viñeron sendo presentadas nos últimos anos co seu montante total como principal valor. As avultadas partidas para a construción da liña ferroviaria de alta velocidade a Madrid permitiron aos sucesivos Executivos -o do PSOE, con alzas anuais constantes de 2004 a 2009; e o do PP, malia afondar nos recortes iniciados en 2010- estatais debuxar unha escena de compromiso coas obras pendentes en territorio galego pola vía dos grandes números, con independencia de que parte deses fondos non chegasen a executarse, isto é, a gastarse. Pero esta dinámica vén de ser freada abruptamente no proxecto orzamentario que dende esta semana se tramita no Congreso, unha caída do 32% cun evidente impacto político no país que a Xunta tenta amortecer coa creación dun "comité de seguimento" da execución das contas.
A proximidade do remate das grandes partidas do AVE á Meseta -a que quedará pendente, para a variante de Ourense, terá un custo estimado superior aos 600 millóns, pero o horizonte dos primeiros 200 está alén de 2020, segundo estimacións de Adif- e a inexistencia de novos proxectos dunha magnitude semellante é a principal explicación dunha baixada da que a Xunta era xa consciente antes da presentación do Orzamento, que agora os grupos das Cortes poden tentar modificar pola vía das emendas. Así, poucas horas despois de que o ministro Cristóbal Montoro presentase as cifras dende San Caetano facíase público un comunicado no que, na liña do argumentario difundido polo Ministerio de Fomento, se instaba a comparar o orzamentado para 2017 non co previsto para 2016, senón co efectivamente gastado.
Xunta e Fomento instan a non comparar o orzamentado en 2017 co previsto nas anteriores contas estatais
Os 924 millóns de euros que corresponden a Galicia son, resalta a Xunta, un importe "máis dun 53%" superior ao "executado en Galicia durante o ano pasado". O Goberno de España, mantén, non executou máis porque o 2016 estivo "marcado polo bloqueo político", asegura a Consellería de Infraestruturas. A versión oficial obvia, non obstante, que o groso dos investimentos previstos en 2016 eran tamén para o AVE a Madrid e que os principais motivos para a ralentización non tiñan relación coa formación ou non de Goberno, senón con cuestións técnicas e tamén coa xestión das empresas construtoras adxudicatarias dos tramos máis atrasados nun contexto no que, ademais, si foron realizados trámites mentres o Executivo estatal estaba en funcións.
A comisión Feijóo
Feijóo: "Se executamos o orzamento tal e como se aproba será mellor que o de 2015 e 2016"
A chamada a comparar cartos orzamentados con cartos executados e mais a poñer o foco no "investimento por habitante" e non nos fondos totais completábas o pasado mércores cun anuncio do presidente da Xunta sobre a posta en marcha da devandita comisión. Despois de recibir no Parlamento os reproches da oposición polo, en verbas da voceira do BNG, Ana Pontón, "recortazo" do gabinete de Mariano Rajoy, mostra para En Marea e PSdeG do pouco "peso político" de Alberto Núñez Feijóo no seu partido, o presidente aproveitaba unha rolda de prensa tras unha recepción oficial para avanzar o nacemento dun "comité de seguimento da execución orzamentaria real" do Estado en Galicia "que vou presidir eu mesmo".
Este órgano, admite o presidente, non será máis ca un "comité interno de funcionamento da Xunta" no que sentarán, ademais del, o vicepresidente Rueda, o conselleiro de Facenda e as conselleiras de Infraestruturas e Medio Ambiente. Os cinco van "ir valorando" a "execución real do Orzamento", isto é, se os ministerios -Fomento, fundamentalmente- gastan todo o previsto, algo que practicamente nunca sucedeu. "Se executamos o orzamento tal e como se aproba será mellor que o de 2015 e 2016; se polo contrario o Goberno central non o executa, estaremos ante un orzamento decepcionante", admite.
O anterior seguimento dos investimentos do Estado produciuse co Goberno de Zapatero, ao que a Xunta chegou a dar ultimatos de apenas 10 días
O precedente máis inmediato dun seguimento pormenorizado dos investimentos do Estado en Galicia por parte da Xunta produciuse hai seis anos, pero nun contexto político ben diferente ao actual e restrinxido ao AVE á Meseta. Daquela, tras dous anos marcados polo pacto de Feijóo con quen na altura era ministro de Fomento polo PSOE, José Blanco, a proximidade das eleccións municipais de 2011, primeiro, e das xerais, inmediatamente despois, provocou que a Xunta controlase milimetricamente os investimentos para o tren rápido, de xeito que dende o Executivo de Alberto Núñez Feijóo chegáronse a establecer ultimatos de dez días para o cumprimento dos investimentos previstos. Se os prazos prometidos non se facían realidade sen variación ningunha o PSOE estaría a "someter" a Galicia a un novo "maltrato", polo que o ministro Blanco só tiña dúas opcións, dicía o PP galego: "Cumprir ou dimitir".