A Xunta terá que explicar no Parlamento o traspaso de fondos de axudas da luz a outros gastos

Unha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta incrementou o orzamento do tícket eléctrico, unha axuda para o pagamento de facturas da luz, de 1,5 millóns de euros en 2015 a 2,1 millóns no ano 2016. No entanto, unha vez emitida en outubro a terceira e última resolución dos subsidios, cuxo prazo de solicitude rematara en xullo, apenas o 20% do orzamentado, uns 400.000 euros, acabara pagando recibos eléctricos de familias con poucos recursos. Como informou Praza.gal, neste escenario o Goberno galego non optou por recolocar os fondos restantes noutros programas de loita contra a chamada pobreza enerxética, senón que traspasou ata o 40% do orzamentado a gastos da Administración tan dispares como o alumeado da Cidade da Cultura, afrontar litixios xudiciais ou un estudo sobre publicidade. O Goberno galego terá agora que dar contas desta operación no Parlamento.

Os grupos da oposición parlamentaria advertiran antes e despois das eleccións de setembro do que consideraban eivas do "tícket eléctrico", tanto polo seu importe -cobre apenas un recibo e medio ao ano- como por non evitar de inmediato os cortes de subministro -a Xunta subliña que o fai co seu programa de "axudas urxentes"-, así como polo feito de que só fose posible solicitalo a través de internet cun procedemento que vían complexo de máis. Unha vez constatada a escasa porcentaxe de orzamento que chegou á súa finalidade inicial e o desprazamento de case o dobre de fondos para outras finalidades, dende a bancada esquerda da Cámara comézanse a esixir explicacións.

"As solucións que a Xunta formulou son parciais e pouco efectivas, tal e como denunciamos en varias ocasións", sinala o deputado do PSdeG Abel Losada, que vén de rexistrar senllas preguntas ao respecto para seren respondidas polo Goberno tanto en comisión como en pleno. "Sinalamos a escasa dotación orzamentaria e a complicación no acceso ás axudas" e o Goberno obviou as críticas e a demanda de considerar as axudas ao pagamento da luz "unha medida de política social". "Lamentablemente, fronte a isto, as noticias recentemente aparecidas nos medios de comunicación mostran os erros, as carencias e a falta de vontade do Goberno galego para axudar a solucionar os problemas relacionados coa pobreza enerxética".

O PSdeG ve nos transvasamentos de fondos unha mostra dos "erros e falta de vontade" do Goberno para axudar a quen non poden pagar a luz

Neste contexto, a iniciativa do PSdeG insta a Xunta a aclarar se "considera razoable que, mentres non están cubertas estas necesidades, se dedique parte destes escasos fondos a gastos que nada teñen que ver coas políticas socais", caso do depósito para afrontar a demanda pola mina de Corcoesto (140.000 euros) ou o estudo sobre publicidade en materia de promoción do emprego (125.000 euros). No caso do devandito estudo, subliñan, a aprobación do "transvasamento" produciuse "tres días antes das eleccións autonómicas", como revelou Praza.gal.

O BNG cre que os traspasos "ilustran as prioridades" da Xunta: "publicidade ou alumear a Cidade da Cultura"

Tamén o BNG confirma que ultima a presentación de preguntas ao Goberno sobre uns movementos de fondos que, a xuízo da súa deputada Noa Presas, "ilustran cales son as prioridades do Goberno: a publicidade, cuestións de ámbito legal ou o alumeado da tan dotada Cidade da Cultura". "A última información sobre os transvasamentos de diñeiro do tícket eléctrico para outras funcións só fai demostrar que este tícket é pura propaganda do Goberno do PP; primeiro preelectoral e agora, para ocultar uns orzamentos antisociais e unha política inexistente contr aa pobreza enerxética".

En Marea reclama que a Xunta mude as condicións das axudas e cubra todas as facturas que as familias non poidan pagar

"Non lles interesa destinar recursos nin confrontar cos emporios enerxéticos para velar pola atención" das persoas usuarias, censura o Bloque, que lembra ademais que "dende diferentes forzas políticas" se veñen "lanzando diferentes propostas" para paliar a pobreza enerxética, tales como "obrigar as empresas subministradoras a non cortar a enerxía por falta de pagamento" ou "facerse cargo, xunto coas empresas, das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerables". Pero "os gobernos do PP ignoráronas e permitiron que o problema se agravase", critican.

A modificación das condicións das axudas, tanto do tícket como das "urxentes", é tamén obxecto doutra iniciativa da oposición, formulada polo vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez. "Un Goberno responsable, con empatía coas familias que pasan dificultades, entendería a necesidade de mudar as condicións de acceso" para "que se gastase o conxunto do crédito dedicado" ás axudas, "evitando deixar fóra a quen as precise". Transferencias de crédito como a destinada a sufragar parte do alumeado do Gaiás, concorda, "son un claro exemplo das prioridades do Goberno".

A xuízo de En Marea a Xunta debe corrixir de inmediato a abordaxe destas axudas, comezando por incrementar os umbrais de renda para non limitalas "a familias en pobreza extrema" e mais a súa dotación, para que poidan cubrir "o total das facturas" que cada fogar non poida pagar. Asemade, Sánchez considera necesario emendar a esixencia de que as solicitudes de ambos subsidios teñan qeu ser tramitadas "unicamente por vía electrónica". "Para familias que non poden pagar o recibo da luz ou do gas é lóxico pensar que acceder a internet e presentar documentación dixitalizada" resulta "un problema máis", engadido a "unha larga lista de trabas" da Xunta para acceder ás axudas, di.

 

Abel Losada, voceiro do PSdeG en materia de industria © Parlamento de Galicia
Antón Sánchez, vicevoceiro de En Marea © Parlamento de Galicia
Noa Presas, deputada do BNG © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.